Carlistas no Miñor

Imprimir
José Arias Teixeiro, segundo un gravado de B. de Artágen
Ese outro día visitei na súa casa da Ramallosa a Adolfo Rego Pérez. Un falangueiro mozo que hai tempo deixou atrás as oito décadas mentres coida con suma atención da súa esposa tristemente enferma e ordena reiteradamente unha abondosa biblioteca. No ano 1934 ingresou na “Comunión” como lle chaman eles á participar das ideas do carlismo. Era un neno. Seica o reafirmou nas súas ideas unha hostia que lle deu un comunista ourensán, dixo o nome, cando andaba a repartir uns folletos.

A dinastía dos Rego conformaron o núcleo central do carlismo galego, o seu curmán Manuel Rego Nieto foi a persoa máis coñecida do Partido Carlista, mentres Adolfo sempre o acompañou como segundo. Era pois un partido familiar que nos anos da “transición” tivo un certo protagonismo ao formar parte de plataformas opositoras ao franquismo como a “Junta Democrática” ou o Consello de Forzas Políticas Galegas. Agora é un carlista nostálxico e irredento que aproveita calquera circunstancia para esbardallar contra os “socialistas” e nestes últimos anos tamén contra o “bipartito” e o galeguismo.

Como é ben sabido o carlismo conformase en trono ao pretendente á coroa Carlos María Isidro, irmán de Fernando VII, e desprazado do poder pola Pragmática de Fernando VII que abolía a Lei Sálica que impedía a transmisión dos dereitos de sucesión por vía feminina. Conformouse como unha mestura de defensa do Antigo Réxime, antiliberalismo, catolicismo ao que se lle engadiu a defensa das leis forais o que explica a súa fortaleza, ao longo de todo o século XIX, en Cataluña, Aragón, Valencia ou o País Vasco.

 

Tamén en Galicia tivo presencia o carlismo, feito estudado no seu día polo profesor Barreiro Fernández na súa obra El carlismo gallego (1976). Mesmo entroncou no galeguismo a través de Alfredo Brañas e podemos atopar as súas pegadas en Vicente Risco. Tamén nós tivemos os nosos carlistas, díxonos unha vez Lois Tobío para descualificar a Risco, o seu compañeiro de aventuras no Berlín dos primeiros anos da década dos trinta do pasado século.

No Miñor temos noticia do cura carlista de Santa Cristina da Ramallosa que cando tiña oportunidade erguía a bandeira tradicionalista na torre da casa rectoral ao tempo que a convertía nunha auténtica fortaleza.

Mais o carlista miñorano máis destacado foi José Arias Teixeiro y Correa, o señor da casa de Pías.

Naceu en Pontevedra, sendo bautizado baixo a extraordinaria beleza de Santa María dos Mareantes o 6 de febreiro de 1799. Era, a súa, familia de fidalgos, emparentada cos apelidos de máis relevo deste grupo dominante na Galicia do Antigo Réxime: os Ulloa, Montenegro, Alemparte, Ribadeneira eran parentes próximos ou afastados.

Tamén levaban o apelido Arias Teixeiro os clérigos naturais de Cabanelas, parroquia do concello do Carballiño, Frei Veremundo, Bispo de Pamplona e Arcebispo de Valencia e o seu sobriño Manuel Ramón que ocupou a cadeira episcopal de Santander. A ambos os dous, tío e primo respectivamente do noso protagonista, e a este, poderiámolos definir, empregando terminoloxía actual, como “integristas católicos”.

Ao longo das súas vidas non deixaron de combater tanto as ideas ilustradas como calquera proxecto constitucional. Os “ribeiraos” coa poderosa palabra dictada dende os seus relevantes cargos na administración eclesiástica; o miñorano mesmo coas armas na man.

 

A infancia de don José Arias Teixeiro transcorreu na Ramallosa, na casa familiar de Pías, ou de Arias, como tamén se lle coñecía, e que hoxe forma parte dun conxunto conventual. Realizou os seus estudios iniciais no Mosteiro de Poio e licenciouse en Leis na U. de Compostela. Xosé Espinosa, na súa célebre obra "Casas y cosas del Valle Miñor", incorpora unha descrición física tomada da súa filiación como soldado: cinco pés, unha polgada e dez liñas (isto é, un metro e corenta e tres centímetros, polo que era máis ben baixo aínda para a época), cabelo roxo escuro, ollos azuis, color branca, nariz e boca regulares e barba clara.

Dende a mocidade foi un ardoroso defensor do absolutismo político e do catolicismo tradicionalista e interviu decididamente na oposición armada durante o período constitucional de 1820 a 1823. Estivo encarcerado no Castelo de San Antón da Coruña, na compaña do seu pai Antonio Arias Teixeiro, quen fora rexedor de Pontevedra entre 1809 e 1813. Os dous tiveron sorte: don José logrou darse á fuga e pasar a Portugal; o pai foi un dos poucos supervivintes ao afundimento do barco no que era deportado ás Canarias.

Co apoio do goberno de Lisboa, que lle proporcionou algunhas tropas,  logrou controlar Tui. Restablecido o absolutismo, trala intervención do exército francés dos Cen Mil Fillos de San Luís, regresou de Portugal e organizou a Milicia Realista Voluntaria do Val Miñor da que foi nomeado comandante en 1823. O documento no que se lle outorga a xefatura das milicias reprodúceo José Espinosa na obra citada.

Ao ano seguinte trasladouse a Madrid onde comezou os estudos de Arqueoloxía e Ciencias Naturais, ao tempo que se enrolaba como voluntario nos Batallóns Realistas de Infantería nos que acadaría o grao de capitán.

Traballou en varias comisións do Ministerio de Gracia e Xustiza, nomeadamente nas que estudaban unha nova división administrativa do Estado, e foi nomeado “oidor” da Real Audiencia de Galiza coa función de Alcalde do Crime.

Trala morte de Fernando VII retirouse á Ramallosa, onde estivo ata 1835, ano no que mediante os amigos que conservaba na Corte conseguiu que o Ministro de Gracia e Xustiza asinase unha orde que evitase posibles responsabilidades á súa familia. Unha vez logrado este obxectivo, púxose ao servicio do pretendente don Carlos. Inmediatamente foi nomeado integrante da Xunta Gobernativa de Galiza que presidía o arcebispo de Compostela, Frei Rafael de Vélez, e da que tamén formaban parte o tenente xeneral don Pedro de Legallois de Grimarest, o coronel marqués de Bóveda de Limia, o arcediago de Melide,  don Juan Martínez Villaverde, e don Ramón Pedrosa y Andrade. Era este o máximo órgano gobernativo do carlismo en Galicia. Arias Teixeiro formou parte das dúas primeiras Xuntas, ata que a mediados de 1836 este organismo pasou a estar formado polos xefes militares das principais faccións presididos polo conde de Gimonde.

Mais o carlista miñorano era un home de acción e loitou nas provincias vascas e acompañou ao “pretendente” don Carlos na expedición de 1837 por Aragón, Cataluña, Valencia e Castela. Ao remate da mesma o poder de don José Arias Teixeiro dentro das estructuras carlistas consolidouse,  xa que do cargo de Subsecretario de Gracia e Xustiza que desempeñaba pasou a ser Secretario de Gracia e Xustiza, da Guerra e de Negocios Estranxeiros. Na práctica era unha especie de Ministro Universal ou primeiro ministro, que diríamos hoxe, de don Carlos. Mais o fracaso da expedición militar iniciaba o declive do levantamento carlista e da influencia política do noso protagonista.

A súa ascendencia dentro do tradicionalismo quedou cortada co regreso do xeneral Maroto (1838) á Xefatura do Estado Maior carlista. Este encabezaba a facción máis moderada (os transacionistas) do carlismo, partidario dun acordo cos isabelinos. Arias Teixeiro, xunto co bispo de León, Juan Abarca, e outros conselleiros persoais de don Carlos, dirixían o sector contrario (radicales) a calquera entendemento cos liberais e promoveron  a sublevación dos principais corpos militares contra o xeneral Maroto. A reacción deste foi fulminante, presentouse –febreiro de 1838- en Estella e fusilou a catro xenerais carlistas e pretendeu facer o mesmo cos ministros de don Carlos. Arias Teixeiro fuxiu a Francia.

Ante a acción do xeneral,  don Carlos e os seus conselleiros –entre eles, como xa dixemos, Arias Teixeiro- intentaron destituír a Maroto, mais este controlaba xa un exército formado por fatigados soldados. Mentres Maroto negociaba a paz con Espartero, a don Carlos non lle quedou outra saída que seguir a senda negociadora iniciada por Maroto, que se escenificaría no Convenio de Oñate (31 de agosto de 1939) mías coñecido como o Abrazo de Vergara.

Arias Teixeiro regresou para participar nas accións militares do xeneral Cabrera en Aragón (1840) ata a súa rendición. Foi entón cando Arias Teixeiro pasou a Francia, onde permanecería vintecatro anos, dedicandose ao estudo da Arqueoloxía e das Ciencias Naturais, nomeadamente da Entomoloxía. Non publicou ningún dos seus moitos traballos que doou á Academia de Ciencias de París, mais servíronlle para ser recoñecido e apreciado nos medios intelectuais franceses,  sendo nomeado, en 1849, membro da Sociedade Entomolóxica de Francia. Durante estes anos reuniu unha importante colección de Historia Natural e outra de Numismática.

Estando xa en Francia, traduciu a obra do escritor inglés Michel O Campo e a Corte de D. Carlos. Na mesma alude ás súas Memorias que queimou en 1864 antes de regresar a Galicia. Aínda así consérvase o Diario de 1828 a 1831, que foi editado  en tres volumes (A. Mª. Berasaluce, 1966 e 1967).

Regresou ao Val Miñor e finou na casa natal de Pías o 27 de setembro de 1867. Está enterrado no cemiterio parroquial de San Pedro da Ramallosa.