Sábado, 5 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Curuto do corvo Insisto: un concello para o Val Miñor

Insisto: un concello para o Val Miñor

Correo-e Imprimir PDF

Hai xa algún tempo, o 23 de abril de 2006, na compaña de Xosé Lois Vilar, publicabamos, nas páxinas do Faro de Vigo, un artigo no que defendiamos, sen disimulo, a conveniencia da agrupación dos tres concellos do Miñor. Aduciamos razóns históricas, prácticas, económicas, organizativas,... ou simplemente de “sentido común”. A proposta resaltaba a necesidade e oportunidade de cando menos iniciar un debate sobre a pertinencia, ou non, dun só concello no Miñor. Relido o texto coidamos que non perdeu actualidade fóra dalgún asunto puntual.

Foi un absoluto fracaso. Coido que a ninguén lle interesou o tema. Rememoro. Comenteino con varias persoas da elite política do Val Miñor, dos tres partidos e dos tres concellos, os ollos puxéronselle “chiribita” e comezaron a dar pequenos bufidos. Nin chisca de graza lles fixo. Aquí o sentido común está ausente e como no Cándido de Voltaire o que importa non é argüír ou debater senón coidar a leira. Seguindo coas elites, agora das organizacións de comerciantes, autoproclamados, ás veces, como empresarios, a reacción foi a mesma. Entre outras elites, as culturais, o asunto esvarou ata o indiferente esquecemento.

Para min o asunto non é fútil, por iso insisto ante a teimuda indiferenza.

Cando houbo o sentido común para recuperar a Mancomunidade e mesmo para dar algún paso para que sexa algo máis que unha reunión cada poucos meses. Cando as propostas sobre a Área Metropolitana son do máis variado e a gusto do consumidor político do momento. Cando os resultados do nove de marzo poden manter ao PP na oposición, en Madrid, e aumentar a insuficiencia da súa maioría en Galicia; e esta venturosa circunstancia pode permitir retomar o proceso de dotar ao país dun novo estatuto.

Pois ben cando estas cuestións están aí, sobre a mesa, tan perto, coido que cómpre lembrar que as deputacións, esas entidades derivadas do modelo liberal-conservador-centralista do XIX, non teñen ningunha lóxica no modelo de estado autonómico e moito menos nun estado que camiñe cara ao recoñecemento do carácter plurinacional do mesmo. Que vai alá un terzo de século de vida autónoma pero seguimos sen desenvolver un plan de comarcalización, axeitado á realidade da poboación actual, mais enxergado na realidade das comarcas históricas e naturais; mesmo compre lembrar que a comarcalización foi castrada pola existencia das deputacións e que o novo estatuto deberá abrir a porta da comarcalización, ou mellor dito, transitar por ela, xa que na realidade está aberta no actual, aínda que ninguén quixo pasar por ela. Para rematar, cómpre ter presente que as parroquias, as laicas, dende San Martiño de Dumio, seguen a ser realidades “realmente existentes” aínda que non teñan recoñecemento xurídico; a vella teima galeguista segue en pé e nos espazos periurbanos, como se di agora, coma o noso, sabemos ben da forza social que segue a ter a “inexistente” parroquia.

En tempos de muda e debate territorial, de mancomunidade, de área metropolitana, deputacións, parroquias, novo estatuto... a cuestión da redución do número, absolutamente excesivo, de concellos do país vai ter que producirse. Aproveitamos este curuto que nos presta o Portal do Val Miñor para insistir.