Domingo, 15 Sep. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Opinion Curuto do corvo As flores da memoria

As flores da memoria

Correo-e Imprimir PDF
Placa do monumento aos Nove de Baredo
Monumento Silveiro Rivas en Tui
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

Andei estes días acompañando por algunhas horas ao profesor Fernando Rosas na súa visita a Tui, Vigo e Baiona. Os seus traballos posúen unha grande importancia para o coñecemento do Estado Novo, tanto polas obras de referencia sobre o período por el escritas ou dirixidas (Salazar e o Salazarismo (dirección), 1989, Estado Novo, 1994, Dicionário de História do Estado Novo (dirección), 1995-96  ou Portugal Século XX. Pensamento e Acção Política, 2004) como polo labor director do Instituto de História Contemporânea , fundado en 1990, é integrado polos docentes de Historia Contemporánea do Departamento de Historia da FCSH , ou pola orientación que prestou a numerosos investigadores.

Mais o Rosas está hoxe, como moitas outras persoas, empeñado en evitar o “apagamento da memoria”, da memoria das ditaduras do século pasado, do fascismo e da represión pero tamén dos dereitos sociais conquistados con suor e sangue polos traballadores na pasada centuria e hoxe ameazados. Considera, moi atinadamente, que se a xente se esquece do moito que custou acadar a xornada laboral de oito horas, a seguridade social ou o ensino público, ao neoliberalismo seralle moito máis doado  impor os recortes sociais que está a realizar, como tamén, se esquecemos as ditaduras e os sufrimentos da pasada centuria deslizarémonos irresponsablemente cara ao estado de guerra xeral no que o imperio anda a matinar.

Insistiu en visitar o monumento de Silverio Rivas en Tui, sobre o Miño,  preto de San Domingos, onde, contra as súas paredes, foron fusilados ducias de republicanos tudenses, da Louriña e do Baixo Miño. Alá fomos, noite pecha, e como sempre, ao pé do bloque de granito arrubiado ao que lle arrincaron a silueta humana, flores frescas. O sábado, antes da súa conferencia en Baiona achegámonos ata a Volta dos Nove para contemplar a obra de Fernando Casás. Como sempre, ao pé da árbore de bronce truncado, cortado, como a vida dos nove veciños do Miñor alí asasinados, flores frescas. Nos dous lugares, como sempre, flores da memoria permanentemente repostas por mans familiares, amigas, anónimas.