Martes, 19 Nov. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Opinion Curuto do corvo Coidar a facenda

Coidar a facenda

Correo-e Imprimir PDF
B.C. Ponte de Mañufe.
Sempre que iamos de festa acontecía o mesmo. Aló pola media tarde, meu tío-avó  Nilo erguíase e anunciaba a nosa marcha. As mulleres da casa na que estabamos convidados comezaban  a súa rutineira oferta de cuartos e camas que era contundentemente rexeitada cun definitivo “temos que coidar a facenda”. Unha vez máis alá se ían as miñas ilusións de compartir unhas horas máis cos da miña idade.

Cando meu tío-avó Nilo dicía facenda referíase ao gando numeroso e diverso pero tamén a todo o que na vida labrega necesitaba do diario coidado. Cando fun un pouco máis grande chocábame que meu tío-avó empregase o mesmo termo co que os estados se refiren ao seu patrimonio ou os ricos “facendeiros”, intuídos nos filmes ou entre as paxinas dunha novela, ás súas abundantes propiedades. 

Así que a facenda á que se refire a cabezalla deste artigo vai na acepción do meu tío-avó. Era el ben coidadoso dela.

Non o somos tanto cando se trata da facenda común. É o noso un pobo, como é ben sabido, pouco coidadoso co seu. Sexa patrimonio natural, construído ou inmaterial. Calquera pequena ou grande manifestación deles pode desaparecer devorado polas ansias de enriquecemento, polo desinterese dos que só miran para o seu embigo, da modernidade dos papaleisóns,... ou do que quen lea estas liñas poida engadir. 

Neste asunto no Val Miñor imos por diante do conxunto do país. Ás veces un sente vergonza, mesmo persoal, por non ser quen de impedir ou de mudar algunhas pequenas barbaridades. ¡Que dicir das grandes! Pasoume ese outro día cando me acheguei, unha vez máis, a contemplar a ponte que salva o Miñor entre os barrios da Texosa e Moreira. Forma parte, oculta, dun conxunto estragado, pera aínda recuperable, que ten dun lado da estrada que une a Ramallosa e Gondomar, anacos de interese do Camiño Real e do outro, o Cruceiro de Mañufe, certamente alterado pero que conserva un alto valor simbólico e que sobrevive á permanente ameaza do tráfico. Pasa por riba da ponte o Camiño Real cuberto de piche que leva ao adro da Igrexa de Mañufe e ao pazo de don Policarpo de Mendoza, coñecido hoxe como Pazo da Escola.

A ponte, catalogada por Patrimonio, está cuberta por unha estrutura de formigón, colocada nos primeiros anos setenta do pasado século que impide a percepción da súa fermosa traza, serve tamén de amarre para toda caste de tubos e cables, mentres soporta o paso diario de vehículos.

Tres arcos de medio punto, un medio tupido, apoiados sobre pilastras con machóns e forma de tallamares nos dous centrais. De características románicas, os estudosos deducen dunha inscrición a data de 1140. En todo caso, e sen negar que a obra medieval poida ser unha reconstrucción ou mellora dunha ponte anterior, trátase dunha das pontes máis antigas do Val, case un século anterior á da Ramallosa. E alí a tedes cuberta de formigón, furada de ferros, inzada de silvas e soportando estoica o paso dos anos, o peso dos camións e o desleixo dos que non saben coidar a facenda.

A comezos de outubro un animaliño subido a un coche guindou os peitorís da ponte tardomedieval de Sabarís sobre o río Guillade. As magníficas pontes da estrada que dende a Pasaxe de Vincios leva a Gondomar, ou dende os Arcos, tamén en Vincios, chega ata Morgadáns camiño de Couso, erguidas durante os anos da Ditadura de Primo de Rivera, están hoxe cubertas de lixo e en total abandono. Poderíamos seguir... Só a recuperación da ponte das Ánimas, en Gondomar, nos deu unha alegría. 

Un bota de menos unha acción social seria e constante en defensa do patrimonio construído que empurre aos que teñen que facelo a tomar decisións para a súa conservación e posta en valor. Neste labor todos e todas somos necesarios.