Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Crónicas da vella Erizana O Verbo dos Arxinas en Baiona: xerga gremial a desaparecer

O Verbo dos Arxinas en Baiona: xerga gremial a desaparecer

Correo-e Imprimir PDF
Anxo Rodríguez Lemos

Debaixo do monumento da Virxe da Roca, no monte de San Roque ou Sansón, estaba unha das moitas canteiras coas que contou o concello de Baiona. Alí na Fonte Cristalina traballaron arreo moitos veciños que co seu suor, arriaron daqueles outeiros milleiros de carros de pedra empregada para facer casas, canizos (hórreos), cubertos, cortes, capelas, igrexas ou cruceiros.

As pedras parecían falar tras ser esculpidas a xeito de escudos, imaxes ou cruceiros, emprazados estes últimos nas encrucilladas da nosa comarca, tendo como finalidade a de escorrentar deste mundo dos vivos as almas dos defuntos que vagaban polos camiños ata tres anos despois da morte, segundo a tradición. Se as pedras falaban, os canteiros tamén o tiñan que facer, pero nun idioma descoñecido para o resto dos non agremiados.

Os canteiros ou arginas (como eles se chamaban na súa fala coñecida como O Verbo dos Arginas) conversaban cun vocabulario que ninguén máis ca eles e os achegados coñecían. O vocabulario desta fala está formado por palabras relativas ao traballo, ás relacións afectivas ou á vida cotiá. Había outros sistemas de comunicarse como era dar golpes co pico na pedra dun xeito concreto, ou pronunciar a palabra auga cunha entoación especial, que significaba perigo ou alerta.

A súa finalidade non era outra que poder falar entre eles sen que ninguén os entendese e así poder, por exemplo, falar de quen os contratara ou incluso piropear a algunha moza do lugar. Xa poucos quedan na nosa comarca que saiban jalruar (falar) o verbo que lles era propio, pero aínda así, os que quedan gardan na súa mente miles de palabras escuras e sen significado para calquera de nós. Os monteiros encargados de cortar a pedra nos montes, os canteiros mamposteiros construtores de muros e os que labraban a pedra; transmitiron de xeración en xeración unha linguaxe que a día de hoxe está a punto de desaparecer por culpa do condicionante de segredo gremial.

Segundo algúns estudosos, esta fala conta cunha importante influencia dos canteiros que de Vizcaya chegaron a nosa terra no século XVI para reconstruír os castelos derrubados polos Irmandiños e levantar templos, pazos e outros monumentos; o que se constata pola destacable presenza de palabras en vasco. Podemos comprobar este influxo en palabras como arria (pedra), que procede da voz arri, chacurro (can) que provén de txakur, guiche (pequeno), que semella vir do termo gutxi (pouco), ou mesmo na denominación de argino (canteiro), que se compón de ar (pedra) e gino (preparador).

Segundo outras teses, a xerga dos arxinas ten as súas orixes en diferentes linguas. Así atopamos palabras latinas, gregas, francesas, castelás ou catalás. Probablemente foron as tempadas migratorias noutras terras – onde eran moi solicitados para obras de certa importancia- as que lles deron pé aos canteiros de enriquecer a súa fala mediante a asimilación de palabras alleas, que se mesturaron ou intercambiaron coas xa existentes.

España: Jalleira Rula

Galicia: Jalleira Jicha

Vila ou aldea respectiva: Jalleira

Partes do corpo

  • Cabeza: Xabeca
  • Ollos: Vixíos
  • Mans: Jadomas
  • Pernas: Xamaricas
  • Peitos: Papulosas
  • Cú: Proi

Obxectos

  • Reloxo: Regulante/ Canfrós
  • Hora: Cascuria
  • Coche: Churro

Insultos

  • Parvo: Xolbina
  • Borracho: Faxurdo
  • Vello: Llouco

Verbos

  • Beber: Chumar
  • Comer: Jandir
  • Falar: Jalruar
  • Mirar: Aciscar
  • Marchar: Llastir
  • - llastir de largo: marchar lonxe
  • - llastir de curto: marchar preto
  • Morrer: Estafuñar
  • Roubar: Farracar
  • Traballar: Mourear
  • - mourear de jache: traballar pouco
  • Parir: Escarriar
  • Chorar: Esbajullar

Alimentos ou Comida (Jandimorio)

  • Carne: Greda
  • Caldo: Jrodio
  • Pan: Jito
  • Patacas: Baloucas
  • Verdura: Maravalla

Animais

  • Can: Chaco
  • Porco: Jurdio
  • - jurdio granxano: porco grande
  • - jurdio jicholo: porco pequeno
  • Galiña: Jumarreira
  • Cabalo: Velbo

Persoas/ oficios

  • Alcalde: Vedello
  • Garda Civil: Alternante
  • Párroco: Moca
  • Sacristán: Moucho
  • Beatas: Caicoanas
  • Rapariga: Gurriota
  • Sogro: Delocres
  • Muller: Xeba
  • Irmán: Carillo
  • Pai: Xebo
  • Nai: Xeba

(O vocabulario presentado é tan só unha pequena mostra do vocabulario que empregaban os lloucos arginas da Vila de Baiona)