A oposición do PSOE ás políticas antisociais de Rajoy é unha impostura. O contrario sería dun cinismo atroz, tendo en conta que as executadas polo PSOE no goberno central partillaban de vez o mesmo espírito e orientación neoliberal. O primeiro grande recorte da crise, e o maior da historia até ese momento, fíxoo o executivo de José Luís Rodríguez Zapatero -do que facía parte Rubalcaba- na altura de maio de 2010. Conxelación das pensións, redución nun 5% do salario das e dos traballadores públicos, eliminación do cheque bebé e redución de 6.000 millóns de investimentos públicos. Lembran? O PSOE, ao igual que hoxe o PP, non tivo o máis mínimo reparo á hora de tomar medidas contra a maioría social para satisfacer as esixencias do grande capital.
A pasada semana, o retruque de Rubalcaba ao “recortazo” do Partido Popular, ao marxe de certa escenificación titubeante, foi ofrecerlle a Rajoy un grande acordo de Estado en materia de economía. Cando o PP viña de anunciar un bestial paquete de retallamentos (suba do IVE, redución de traballadoras e traballadores do sector público, conxelación das pensións, redución da axuda de vivenda, empobrecemento da prestación por desemprego...) o principal partido da “oposición” tercia ofrecendo un pacto. Non sorprendería que pola cabeza do social-liberalismo español rondase a idea dun acordo equivalente ao dos “socialistas” gregos, do PASOK, que veñen de propiciar o goberno da dereita conservadora, atendendo o mandato da oligarquía transnacional que dirixe a Unión Europea.
Como poden afirmar desde o PSOE que defenden unhas políticas diferentes ás do Partido Popular cando logo non teñen inconveniente en acordar, con fachenda, unha “posición común” para pregarse diante das esixencias antisociais da UE? Como poden presentarse como alternativa se cando foron goberno rexeitaron sistematicamente todas as iniciativas (dación en pago, reforma fiscal progresiva, banca pública, novo modelo produtivo, redución de gasto militar, na igrexa e na coroa...) que, nomeadamente desde o nacionalismo galego, lle propuñan un cambio de rumbo ?
Malia a súa escenificación parlamentaria e mediatica, o bipartito españolista, o PPSOE, actúa como instrumento ao servizo da clase dominante, dos ricos e poderosos, contra o pobo.
Mais hai alternativa. En Galiza si. A que o outro día por boca de Jorquera reclamaba no Congreso, cunha intervención impecábel pola súa firmeza e compromiso, a dimisión do Presidente do Goberno e manifestaba a frontal oposición ao paquete de recortes. A mesma, que con con insistencia teima en reivindicar que a saída para o pobo galego só pode pasar por un triplo eixo: soberanía, democracia e traballo. A mesma que chama á mobilización o vindeiro 25 de xullo, Día da Patria Galega, para rescatármonos os dereitos que outros nos furtan.
.