Rescate e referendo

Imprimir
Xabier P. Igrexas

A intervención da UE no Estado español, en forma de falso 'rescate' para salvar a banca privada e aseguraren o pago da débeda externa, malia a precipitación non foi unha sorpresa. O Estado leva intervido, de facto, arredor de dous anos. O poder político en mans do PSOE e agora nas do PP, someteuse desde o primeiro momento aos ditados da troika neoliberal. A soberanía foi furtada pola Comisión Europea, o Banco Central Europeo e o Fondo Monetario Internacional. No caso galego asistimos a unha dobre negación de soberanía. Á que secularmente exerceu o centralismo españolista súmase a transferencia da capacidade de decisión real a institucións foráneas, alleas ao máis mínimo control democrático e orientadas a satisfacer os intereses do grande capital. Reivindicar o exercicio pleno da soberanía nacional polo pobo traballador galego, tórnase pois unha cuestión central.

Até cen mil millóns de euros podería alcanzar o préstamo "brando" da UE. Ou o que é o mesmo, o equivalente ao 10% do Produto Interior Bruto español. Un endebedamento brutal que incrementará, malia a negación oficial, o déficit público por mor dos xuros que haberá que pagar. Xuros que atinxirían como mínimo un nada amistoso 4%, habida conta de que a débeda pública a dez anos está a colocarse a intereses de pouco máis do 6% no mercado financeiro. Europa non regala nada.

As contrapartidas que esixirán pola intervención non serán só rendementos económicos. Memorando é a palabra chave. Será nese documento, inda por elaborar, onde se fixarán as condicións concretas que a UE imporá e que serán supervisadas de preto polo FMI. Nada novo, nada especialmente diferente ao acontecido en Grecia, Italia, Portugal ou Irlanda. Se o "rescate" español é aparentemente máis brando é consecuencia de que unha parte importante da axenda de contrareformas que se impoñen no caso español xa están executadas. Non é necesaria, polo momento unha intervención política máis explícita, dado que o PPSOE é unha sólida garantía de servil sometemento. A reforma constitucional exprés foi o seu certificado de boa conducta. Teñen máis que acreditada a súa disposición a gobernar contra as clases populares.

A decisión do goberno español de acudir á intervención europea terá consecuencias sobre o pobo. E moitas. Máis e máis axustes no gasto social, que adelgazarán os servizos públicos até o extremo. A suba de impostos indirectos, co IVE á cabeza. Mesmo non é descartábel un novo empobrecemento das pensións. Importantes recortes na función pública e nas prestacións por desemprego, antóllanse como algúns dos probábeis golpes antisociais, xa exercidos noutros territorios intervidos. Ademais, dado que é o Estado quen avala esta mil millonaria operación, no caso -probábel- de que as entidades bancarias que se financien a conta desta non devolvesen os préstamos, o seu pago será a escote. A escote de todas e de todos nós. A escote da clase traballadora. Rescate para os bancos, saqueo para o pobo, como denunciou Francisco Jorquera. Un negocio redondo.

Pola magnitude do asunto é inaceptábel que as decisións se tomen sen considerar a opinión de quen padecerá as súas maiúsculas consecuencias, sen dar a palabra ao pobo. A esixencia, formulada polo BNG, de que o Goberno central someta esta cuestión a un referendo -necesariamente vinculante- áchase indispensábel. Será a derradeira oportunidade de salvagardar os máis esenciais mínimos democráticos fronte a ofensiva da ditadura do Capital. A da asfixiante síntese entre cleptocracia e plutocracia, o réxime onde ricos, ladróns e corruptos gobernan contra a maioría no seu beneficio particular.

Máis sobre Xabier P. Igrexas no seu blogue

.