Sábado, 20 Apr. 2019

Actualizado11:03:00 AM GMT

Estás en Opinion Contradiscurso Dez mil millóns

Dez mil millóns

Correo-e Imprimir PDF
Xabier P. Igrexas

Bankia, a macroentidade resultante da fusión, e bancarización, de Caja Madrid e outras seis caixas de aforros vai ser rescatada. O FROB podería destinar até 10 mil millóns de euros, de diñeiro público, para apuntalar unha entidade privada que obtivo 309 millóns de euros de beneficios o pasado ano. Si, 10 mil millóns. A mesma cantidade na que o goberno Rajoy cifrou os bestiais recortes que está a piques de perpetrar contra a sanidade e o ensino públicos, no maior ataque da nosa historia contra o Estado do benestar. 'Non hai cartos' xustificaba hai unhas semanas o Presidente español. Habería que precisar; non hai cartos para os servizos públicos pero si para a banca privada. Non os hai para atender as necesidades da maioría, mais hainos a esgalla para apuntalar os gaños dos máis ricos.

Rodrigo Rato dimitiu como conselleiro delegado de Bankia. Mais a súa saída reportaralle unha zumenta indemnización de 1,2 millóns de euros. Será previsibelmente relevado por Jose Ignacio Goirigolzarri, ex-conselleiro delegado do BBVA. Este nomeamento podería ser unha pista importante de que o rescate do FROB é tan só un paso previo para unha maior concentración bancaria no Estado, a través dunha fusión ou absorción cun dos grandes xigantes financeiros.

Por outra banda, os exdirectivos de Nova Caixa Galicia sumarán ao cumpriren os 65 anos unhas xubilacións millonarias. Ás súas descomunais indemnizacións pola prexubilación, investigadas pola fiscalía anticorrupción a instancias da CIG, engadiranse plans de pensións e novas indemnizacións por un importe total de 52 millóns de euros. Este feito resulta especialmente repugnante cando en paralelo a entidade non ofrece ningunha solución para os preto de 100.000 afectadas/os, a meirande parte familias traballadoras, da estafa das participacións preferentes, coas que NCG colocou 1.291 millóns de euros.

Como se ve non é que este saqueo infame non conte coa oposición firme e activa dos gobernos, central e galego. Ao contrario, a súa complicidade é manifesta. Porque cando dicimos que gobernan contra o pobo, afirmamos ao tempo que gobernan a favor do capital. Eis as evidencias.

Non podemos seguir a aturar este saqueo. Nada de falsas 'nacionalizacións' para asegurar beneficios privados. Expropiación pública. Ese é o camiño.

 

 

Máis sobre Xabier P. Igrexas no seu blogue