Mércores, 13 Dec. 2017

Actualizado12:46:23 PM GMT

Estás en Opinion Cartas As avespas asasinas

As avespas asasinas

Correo-e Imprimir PDF
debuxo-avespa-asasina

Apareceron non hai moito tempo no Val do Miñor e provocaron unha lóxica inquedanza entre a veciñanza polos datos que “os medios” difundiron profusamente. E non era para menos. A picadura era, amais de perigosa, moi dolorosa, e devoraba as abellas acabando cos xa poucos enxames facendo perigar as recolleitas do mel e a polinización das froitas.

Que facer se aparecen e se asentan no teu eido?. O mais lóxico é informar ao Concello e seguir as súas indicacións, pero.....vou contar un caso real.

Chamando a un Concello do Val do Miñor a empregada telefonista informa que iso correspóndelle á concellería de Medio Ambiente e pásalle a chamada sen que ninguén a responda logo de esperar máis de vinte minutos. Volta a chamar e establecer a comunicación agora si responde unha empregada da concellería que informa que este tema que nos ocupa lévao directamente a Xunta e hai que chamar ao 012.

A chamada ao 012 contéstaa un empregado que, como di o tópico co que algúns identifican ao paisano galego pregunta en vez de responder, e pregunta:

-Son avespas ou abellas?

Ata ai chega o coñecemento e a resposta é:

-Sonlle avespas pero dun tamaño moito maior, como duns tres centímetros.

E volve a preguntar:

-Teñen o abdome de raias amarelas e negras ou só negro?

-Só negro.

-Entón non son as velutina nigrotorax ou asiáticas, son as outras, nós non levamos máis que as asiáticas. Debe chamar ao 112 para que o informen.

Chamado ao 112 e volvendo contestar as mesmas preguntas que fixeron no 012, responden que pasan o aviso á Sociedade de Apicultores e que eles darán, polo telefono, as instrucións para tratar o caso. A chamada non se demora e a voz pausada e tranquila, que fai pensar nun home de cumprida idade, repite o cuestionario dos interlocutores anteriores. As respostas son as mesmas e entón o home comeza un soliloquio que reproducimos.

Mire, como dixo que as avespas teñen o acougo na cheminea, para desfacerse delas ten que subir ao tellado e facer isto que lle vou dicir, faga favor colla papel e lapis e anote.

Interrompémolo para indicarlle que somos vellos e que non estamos xa para facer equilibrios no tellado e coa mesma calma seguiu co seu discurso.

Pois chame un albanel e que faga o que eu lle estou a dicir, tome nota, colla unha caixa de lata, coma as de conservas, coma as de piña que son redondas e pasarán ben polo tubo da cheminea, fágalle unha asa cun arame groso e atea a un arame máis fino e longo para baixar a lata polo tubo da cheminea ata onde estean as avespas. Logo merque mecha de xofre, haina en todas as farmacias, córtea en anacos para que non sobresaian da lata pois ao arder poden prender as madeiras do carón da cheminea, coma xa me pasou a min. Tamén merque na ferraxería unha malla metálica cos buratos pequenos para que non pasen as avespas.

Escoite, cando teña todo preparado vista unhas botas, un “mono” ou un traxe de traballo e uns guantes e prenda as perneiras do pantalón ás botas cunha cinta adhesiva e faga igual cos guantes nas mangas do traxe, e tamén arredor do pescozo. Logo vista un sombreiro e pola cabeza un saco de malla fina que deixe ver, son bos aqueles cos que visten os xamóns para que as moscas da vareixa non poñan os ovos que os estragan.

Así dispostos, de noite, quitar a tapa da cheminea, prender lume nas mechas de xofre e baixar a lata ata onde están as avespas e tapar a cheminea cunha lousa. Deben saír todos da casa, os animais tamén, durante media hora e logo abrir portas e fiestras ata que non cheire ao xofre.

No día seguinte para que non volvan entrar as avespas pór unha malla inoxidable de tres milímetros de buraco na cheminea e volver cubrila.

Algunha cheminea, como a da miña casa, é de tubo de metal e ten unha tapa que é fácil de retirar porque está presa con parafusos.

Este foi o remedio que deu aquel bo home polo teléfono dende a Asociación de Apicultores de Santiago de Compostela. Así que volvemos empezar e a denuncia na Policía Local do Concello foi mais efectiva, tomaron nota e dixeron que logo alguén se ocuparía do caso. E de seguido un apicultor do Val ocupouse da fumigación das avespas que desapareceron e esperemos que non volvan.

Estas avespas, que son de maior tamaño que a común, é unha especie protexida por ser polinizadora pero invade o ámbito das abellas e é depredadora de elas por iso o apicultor do Val Miñor queixábase de que das trinta e pico colmeas que tivera quedábanlle escasamente unhas quince.

Tres días despois unha voz de muller, dixo que “informada da denuncia”, preguntaba polo teléfono onde estaban as avespas, que ela estaba na parroquia de Mañufe e pasaría a velas. A resposta foi que as avespas xa non estaban.

Así é como traballa a Administración e como agora esta de moda dicir:

¡ ISTO É O QUE HAI !

Setembro do 2014
Antonio Valverde Alonso