Alerta: paseo fluvial de Gondomar a Mañufe!!!

Imprimir

Outro golpe mortal ao río Miñor. Despois disto toda a súa marxe dereita queda destragada salvándose tan so un treito entre a ponte de Mañufe e Vilariño. A ver por canto tempo!
Desta trátase dun paseo do que o concello non da información. Non hai cartel que o anuncie. Non hai información dispoñible no Concello. Non se informou da súa construción no Foro social da Axenda XXI.... Un escurantismo total para que os gobernantes municipais presuman de facer o demandado paseo sen gastar un céntimo: APROVEITAN O TAPADO DA TUBERÍA QUE VAI UNIR O DENUNCIADO TANQUE DE TORMENTA DE GONDOMAR CO ALCANTARILLADO DE MAÑUFE!!! Ao tempo acometen a mellora da ponte histórica sen dar información pública ata despois de múltiples denuncias veciñais e cando xa leva varios días a pala escavadora furgando no río.

UNHA ILEGALIDADE PARA TAPAR OUTRA ata rematar nun paseo duns tres metros de anchura e uns dez centímetros de altura feito de morrillo cun aglomerante mal compactado ao que polo que temos oído aínda lle van por unhas farolas.
Dende o ano 2006 houbo tres intentos de construír un paseo que unise Gondomar e A Ramallosa. Non todos con igual acerto. Agora non sabemos a cal corresponde esta obra.
A cidadanía demanda este servizo, estes paseos teñen a ventaxa de acercar as persoas ao coñecemento do río, polo tanto á súa valoración e como consecuencia ao seu coidado; ademais de proporcionarnos disfrute da natureza. Pero debemos ter claro que a nosa presenza sempre perturba o medio, por iso debemos coidar moito que no empeño de acercarnos a un ecosistema non destruamos o obxecto do noso interese, é dicir "non matemos á galiña dos ovos de ouro".
Hai vilas e mesmo cidades que teñen paseos fluviais coidadosos co río, pero teñen un trazado que respecta o bosque de ribeira e están feitos de outros materiais. A intervención nun hábitat tan delicado ten que estar deseñada por especialistas, e evidentemente ter un plan de actuación e de restauración. Non é cousa de que o deseñe a empresa que acomete o acaltarillado, nin o concelleiro de Vías e Obras, que neste caso é o único gobernante municipal que deu explicación da obra!!!!!!
Moito treitos deste desgraciado paseo durarán só ata a primeira enchente. Despois a súa area, a grava, as partículas de cemento e de pichi (que tamén o ten) estarán no leito do río. Daquela preguntarémonos como é que o río levan tanta area. E ata haberá quen reclame que hai que dragar o río porque xa non é tan truiteiro coma antes!!!!
E para entón, vai dar o goberno municipal conta do diñeiro público tirado polo río baixo?
Pura González
Membro da asociación a Groba
Gondomar, 1 de outubro do 2013