O Portal de Belén en Gondomar

Imprimir
cartaz portada1
cartaz2
cartaz4
cartaz3
  • Anterior
  • 1 of 4
  • Seguinte

Algunhas mulleres que vivimos en diferentes parroquias de Gondomar queremos expresar a nosa indignación polo sucedido nestes días previos ao Nadal no noso Concello.

No medio e medio da praza principal que acaban de remodelar, estiveron a instalar un presebe onde seica se vai representar un Nacemento vivinte. Para a súa construción reutilizáronse nas paredes plafóns de madeira, que xa foran usados nalgún evento anterior. A reciclaxe e reutilización de materiais pareceunos algo encomiable, pero o que vimos pegado naquelas madeiras deixounos tan abraiadas que non dabamos creto e ata sacamos algunhas fotos, porque pensamos que a quen llo contásemos non o ía crer.

Nas paredes do que sería o Portal de Belén había pegados uns carteis absolutamente denigrantes para a dignidade das mulleres. Estiveron alí á vista de todo o mundo varios días, nenas e nenos incluídos, ata seren cubertos con follaco de millo e pólas de palmeira.

Para nós é indignante que ninguén nunha institución coma o Concello, na Concellaría de Igualdade, nin na  asociación chamada “Mulleres rurais”, que se encargan da organización deste espectáculo, non tivese a idea de despegar semellantes barbaridades que continúan a perpetuar a idea da muller obxecto-sexual, do máis reseso, anacrónico e groseiro dos machismos.

Nós, como mulleres, non queremos que os nosos fillos e fillas medren nunha sociedade que discrimina ao 50% da poboación por razón de sexo. Coidamos que só desde a educación (na familia, na escola, nos medios de comunicación e nas institucións) se pode rematar con esta discriminación que remata, a miúdo, desgrazadamente, en malos tratos físicos e psicolóxicos e mesmo en asasinatos: preto de 70 mulleres morreron asasinadas este ano que remata.

Non somos unha esaxeradas nin unhas radicais exaltadas. Somos realistas e conscientes de que o maltrato de mulleres a mans das súas parellas é produto dun machismo que pervive na nosa sociedade e que moitas e moitos tratamos de erradicar. A Asociación de mulleres rurais e a Concellería de Igualdade (non sabemos se a chaman así nesta lexislatura) non parecen ser conscientes disto e, antes de todo, na nosa opinión, deben tomar conciencia de que son MULLERES e, polo tanto, as primeiras nA loita contra ese machismo que, aínda é máis grave no rural.

O neno que algúns van adorar estes días nese portaliño, nunca defendeu a superioridade duns seres humanos sobre outros.

Que tomen nota eses católicos practicantes da dobre moral: discriminan a muller, pero en público defenden a igualdade a través de campañas de cara á galería desde a Concellaría da IGUALDADE, que resultan totalmente ineficaces se quedan só niso. Mentres non se vexa a merda porque a metemos debaixo da alfombra (neste caso debaixo de follas de millo) non hai problema. Isto resúltanos totalmente hipócrita, falso e conservador dunha sociedade inxusta.

Estes días chegounos ás casas a través das nosas fillas e fillos,  o anuncio de que a Concellería de Cultura e Festexos, dirixida por D. Ignacio Troncoso, organiza para os venres de xaneiro, ata o Entroido, un obradoiro para os rapaces titulado “Adornemos xuntos as rúas”, que coordina a Asociación de Mulleres Rurais. Polo que se pode ler no folleto, a idea é faceren adornos para o entroido reciclando en equipo. En principio parece moi boa idea, sempre e cando non se lles ocorra facer barbaridades do tipo  que vimos de denunciar. Estamos coa dúbida de apuntarmos ou non as nosas fillas e fillos a esta actividade.

Feliz ano novo en igualdade.
Belén Fernández Lareo, Gondomar