Sábado, 5 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Cartas Un concello para o Val Miñor

Un concello para o Val Miñor

Correo-e Imprimir PDF
alt

Cando, en conversas informais, temos presentado a necesidade de que o Val Miñor sexa un só concello os xestos de asombro ou incredulidade son os máis frecuentes entre os contertulios. A ben seguro que moitas das persoas que lean estas liñas poden pensar que é un despropósito. Aínda así estamos seguros que máis cedo que tarde terase que afrontar unha a cada paso máis necesaria e urxente reorganización administrativa de Galicia.

Non é este pois un problema exclusivo do Val Miñor, pero si é unha cuestión que o Val Miñor ten que resolver e canto antes o faga mellor. Hai xa tempo que o alcalde de Lalín e presidente da FEGAMP fixo unha proposta de unificación dos concellos do Deza e encargou un estudo de viabilidade, hai poucos días o alcalde do Ferrol falaba da conveniencia da integración con Narón. Son propostas que agora lembramos. En todo caso no camiño de elaboración do novo estatuto terase que achandar o camiño cara unha nova articulación administrativa entre concellos, áreas metropolitanas ou comarcas e goberno galego, máis moderna e eficaz, na que as deputacións provinciais deberían ver minguadas, con celeridade, as súas funcións. 

Que o Val Miñor fose un único concello tampouco sería unha novidade. Nun documento de 1593, que se conserva no concello de Baiona,  recóllense as resolucións do rei Felipe II nas que incorpora ao patrimonio real: “el juzgado de Parada con sus seis filigresias y dos cotos, que son las filigresias de Santiago de Parada, Santa Maria de Vilaza, Sant Fiz de Nigran, San Mañufe (sic), San Martin de Boreyros, Santa Vaya das Donas y los cotos de Sanyanes y San Juan, que heran de la dicha dignidad obispal, con su juridicion cevil y criminal, alta y vaja, mero mixto imperio, con el derecho de poner, nombrar y elegir alcalde mayor y alcaldes ordinarios y de la hermandad, regidores, alguaziles, escrivanos y todos los otros officiales del concejo de las dichas filigresias y cotos que se suelen y acostumbran nombrar, poner y elegir para el uso y exercicio de la dicha juridicion, ....”. Logo o monarca católico estima as rendas en 3.575 marabedís anuais, compensa a Igrexa de Tui e ordena a incorporación da xurisdición de Parada na vila de Baiona (31 de agosto de 1592). Por certo que, infortunadamente, este importante documento e o excelente traballo introductorio realizado polos profesores García Oro e María José Portela Silva, aínda segue inédito.

Ata a división provincial de Javier de Burgos (1837), e fora das inestables dúas décadas anteriores, o Partido do Val Miñor estaba formado por 18 parroquias (San Pedro da Ramallosa, Santa Cristina da Ramallosa, Camos, Belesar, Priegue, Panxón, Nigrán, Parada, Saiáns, Santa Baia de Donas, Gondomar, Vincios, Vilaza, Chaín, Morgadáns, Peitieiros, Mañufe e Borreiros) e o procurador xeral elixíase ao pé do cruceiro de Mañufe, no Lugar do Acordo, aínda que despois tamén se realizara esta elección en Parada e en San Pedro da Ramallosa. Ben certo é que na altura esta estrutura administrativa non abranguía todo o Val Miñor xa que existían outro tipo de xurisdicións (Vila de Baiona, terras de Oia, condado de Gondomar) pero expresaba o sentido unitario do Val.

Pois a unidade política e territorial é unha evidencia física marcada polo Miñor, a súa embocadura na Xunqueira da Ramallosa, e polas serras da Groba, do Galiñeiro  e os montes de Priegue que a delimitan. É unha unidade historicamente formada ao longo dos séculos. Unha unidade física, histórica e cultural  que fixo do Val Miñor unha comunidade fortemente integrada.

 

Dende os tempos de Javier de Burgos, xa choveu, e sociedade galega e miñorá mudou substancialmente e de forma acelerada nas últimas tres décadas. Envellecemento, concentración costeira e terciarización son as tres desacougantes constantes que caracterizan á poboación galega. Das tres só a  primeira non está presente entre nós, cando menos do agoniante xeito que o fai no resto do país. De feito os tres concellos miñorás son os que teñen un índice de envellecemento máis baixo da área de Vigo, agás o caso do Porriño e Salceda.

     Índice de envellecemento de maior a menor

     (IGE, 2005)

 

Fornelos de Montes

180,3

Pazos de Borbén

136,4

Salvaterra

132,1

Soutomaior

95,7

Vigo

89,1

Moaña

87,7

Mos

86,9

Redondela

84,4

Cangas

84

Nigrán

76,3

Baiona

74,2

Salceda

72,8

Gondomar

69,6

O Porriño

65,

 

A tendencia a concentración na costa e en torno as zonas industriais converteu o Miñor nun polo de atracción de poboación ao longo de todo o século XX

Poboación de feito dos tres concellos miñoranos (1900-1930)

 

1900

1910

1920

1930

Baiona

4.423

4.828

5.318

5.596

Gondomar

7.842

8.281

8.219

8.219

Nigrán

6.180

6.493

6.918

6.974

Total

18.445

19.602

20.455

20.789

 

Esta tendencia colleu  pulo nas tres últimas décadas:

Serie de poboación dos tres concellos desde 1981

 

1981

1986

1991

1996

1998

1999

2000

2001

2002

2003

2004

2005

Baiona

10.139

10.332

10.122

10.499

10.443

10.659

10.741

10.873

11.014

11.153

11.337

11.521

Gondomar

10.155

10.275

10.551

11.147

11.190

11.327

11.463

11.631

11.861

11.987

12.121

12.685

Nigrán

12.362

14.009

14.182

15.197

15.422

15.647

15.905

16.302

16.684

16.806

16.894

17.281

 

32.656

34.616

34.855

36.843

37.055

37.633

38.109

38.806

39.559

39.946

40.352

41.487

 

Temos pois unha poboación relativamente nova, dentro dos parámetros galegos e dos países industriais, que aumentou de forma constante ao longo do século XX e que nos últimos 25 anos medrou un 22%, case un 1% anual. Este aumento da poboación provocou un forte impacto sobre o territorio de forma semellante a toda a área viguesa. 
 

Densidade (Hab./ Km²)

 

Poboación

Km²

Densidade

Baiona

11.521

34,5

333,9

Gondomar

12.685

74,5

170,2

Nigrán

17.281

34,8

496,5

Total

41.487

143,8

288,5

 

     

 

Poboación

Km²

Densidade

Vigo

293.725

109,1

2.692,2

Mos

13.996

53,2

263

O Porriño

16.576

61,2

270,8

Redondela

29.863

52,1

573,1

Pazos de Borbén

3.160

50

63,2

Fornelos de Montes

2.057

83,1

24,7

Moaña

18.415

35,1

524,6

Cangas

24.849

38,1

653,9

Soutomaior

5.956

25

238

Salceda de Caselas

7.176

35,9

199

Salvaterra de Miño

8.375

62,5

134

Área Metropolitana

465.671

749,1

621,6

Galicia

2.762.198

29.424

93,8

 

 

Os tres concellos miñorás teñen as taxas de paro máis baixas da área de Vigo coa soa excepción de Salceda de Caselas. Pola contra o camiñar conxunto dos tres concellos rómpese cando falamos de renda, de tal xeito que mentres Nigrán ponse na cima do clasificación, só por debaixo de Vigo, Baiona e Gondomar sitúanse na zona media-baixa da táboa cuns 700 euros por habitante menos que Nigrán.

     Taxa de paro

     (INE, 2001)

     

Fornelos de Montes

33

Pazos de Borbén

26,1

Soutomaior

20,1

Vigo

14,7

Moaña

14,2

Mos

14

Redondela

13,7

O Porriño

12,9

Salvaterra

12,8

Cangas

12,2

Gondomar

10,8

Salceda

9,2

Nigrán

8,2

Baiona

7,3

 

     Renda dispoñible bruta (euros por h.)

     (IGE, 2002)

     

Vigo

10.081

Nigrán

9.233

Redondela

9.085

Moaña

9.032

Mos

8.840

O Porriño

8.839

Soutomaior

8.665

Baiona

8.608

Gondomar

8.536

Cangas

8.482

Salceda

8.303

Salvaterra

7.644

Pazos de Borbén

7.096

Fornelos de Montes

5.734

 

 Á falta de estudos en maior profundidade e tendo a conta que a Mancomunidade do Val Miñor foi un  enxerto pouco desexado e pronto repudiado, parece necesaria e urxente algunha forma de integración dos tres concellos miñorás é necesaria e urxente, nomeadamente por que na actualidade o gran reto das administracións municipais é dotar á cidadanía dunhas infraestructuras acordes cos tempos e que permitan un desenvolvemento sostido. Os investimentos en infraestructuras son elevados e só poden ser afrontados por institucións con potencia orzamentaria e alta capacidade de endebedamento. A mellora na recadación, na achega de recursos e na xestión dos mesmos non é moi doada para concellos pequenos. Non é o mesmo un concello de 40.000 hab. que un que non ten nin a metade e outros dous que pouco pasan da terceira parte. Mesmo, sen ánimo de populismo barato, reduciríanse gastos, nalgúns casos escandalosos, coa reducción de cargos políticos e cun aumento da rendibilidade do funcionariado e persoal laboral.

Algúns aducen que a solución pasa pola Área Metropolitana de Vigo. A ben seguro que é absolutamente necesario ir por ese camiño e os concellos miñorás teñen, non podería ser doutra forma, que empurrar nesa dirección. Mais a Área Metropolitana nun país como o noso, coas súas particularidades, ás veces positivas, outras non tanto, é, como a súa cabeceira, unha área de aluvión, pouco asentada, agás o Morrazo, e na que a macrocefalia pode pronto converterse nunha versión “postmoderna” da perversa relación mundo vilego-mundo aldeá  presente na sociedade galega de non hai máis de trinta anos. Así que tamén para a boa marcha da Área Metropolitana de Vigo podería ser moito máis que útil a existencia dun concello do Val Miñor que representase a máis de 40.000 persoas e que puidese, de ser necesario, contrarrestar a superioridade abafante de Vigo. Labor este que tal e como están as cousas só podería realizar moi mansiñamente Redondela.

 ¿Qué problemas podería presentar o concello único? Argumentan algúns que a administración afastaríase en exceso dos veciños. Presentar este argumento no tempo dos móbiles, da Interne e demais trebellos semella un contrasentido. Máis racional sería reclamar un servicio de transporte que comunique o Val internamente e con Vigo á altura do século XXI e non dunha forma moito máis deficiente que nos tempos do infortunadamente desaparecido tranvía. Mesmo, permítasenos dubidar da identidade municipal dos concellos miñorás. Agás Baiona, vila de tradición secular e cabeceira evidente do territorio máis próximo. Gondomar é un cativeiro núcleo de menos dun século  que se desenvolveu como vila nos últimos dez ou quince anos e Nigrán segue a ser A Ramallosa, Panxón ou Vilameán.

 

O déficit das infraestruturas

     Calquera podería pensar que unha poboación relativamente nova, nun territorio intensamente ocupado, con baixas taxas de paro para un sistema no que este é estrutural, cunha aceptable renda bruta por habitante  e altamente terciarizada, debería ter uns servicios ben cubertos. Pois todo o contrario. Admitindo como atenuante que a alta densidade de poboación non significa concentración da mesma senón simplemente forte ocupación do territorio por un hábitat absolutamente disperso e polo tanto calquera tipo de servicio se encarece, o certo é que en moitas zonas do Val non se pode empregar un microondas a determinadas horas, simplemente porque non hai tensión eléctrica e esto ocorre en grupos de casas iguais, que lle chaman urbanizacións, que nin teñen sumidoiros e ás que se chega por congostras e camiños, eso si asfaltados e con dobre dirección pero que de construírlle beirarrúas ou canalización de augas pluviais os coches terían que ir de canto. Sería interesante medir os quilómetros e quilómetros de camiños asfaltados, por certo un simple ordenamento das direccións resolvería moitísimos problemas. Non falemos xa de asuntos sofisticados como o gas ou infraestruturas culturais ou mesmo de outros máis doados como as conexións rápidas á interne. Ao tempo unha flamante autoestrada non é quen de evitar os atascos na ponte da Ramallosa ou na entrada de Baiona simplemente por estar infrautilizada e pensada non como circunvalación e conexión interna do Val senón como reclamo turístico.

Outra mentalidade é necesaria

     Escribía Otero Pedrayo: “Polas costas da Ramallosa, entre densos piñeirais, a estrada descende ao esteiro do Miñor. Queda á esquerda unha pasaxe de campos de millo, hortos e pazos...”. Era a década dos vinte do pasado século. Na altura o Val era un mundo labrego e, un pouquiño, mariñeiro, no que a terra tiña un valor de uso,  esto é era útil en canto servía para producir. Ao longo do século XX o desenvolvemento industrial de Vigo e a súa área converteu a agricultura nunha actividade a tempo parcial. Contra o final do século a terciarización da sociedade, no Val Miñor manifestada no turismo e na construción residencial, converteu os traballos agrícolas en absolutamente residuais. Xa non hai leiras só solares. O sector da construción fomentou esa mentalidade perversa de considerar a terra como un espazo para a especulación, o enriquecemento rápido, no que cadaquén pode facer o que queira, no que non hai regulamentos, nin normas construtivas, nin planeamento e  no que todo se arranxa co “ti vai facendo que...”.

     Non hai moitos días un coñecido xornalista escribía na súa extensa columna dominical sobre a corrupción marbellí. Referíase tamén a Oviedo, coñecida en determinados círculos como “a Marbella do Cantábrico” e dicía  Campo Vidal que ao non empregar a termo Atlántico deixáronnolo para referirnos a Baiona. Quedámonos sen epíteto para referírmonos a Nigrán.

 

  Como dixemos temos unha base económica fundamentada exclusivamente nos servicios (nomeadamente relacionados co turismo), na construcción de vivendas e nun cativeiro sector industrial que, sen embargo, xera moito máis emprego que a construción, sector no que predomina a empresa moi pequena igual que nos servizos. O feito é que empresas que empreguen entre 10 e 50 asalariados hai no Val Miñor 118 e que den traballo a máis de 50 traballadores só hai seis.

     Empresas por actividade
     (IGE, 2003)

     

 

Industria

Construción

Servizos

Baiona

27

96

509

Gondomar

103

155

522

Nigrán

74

181

824

Total

204

432

1855

 

     Ocupados por sectores
     (INE, 2001)

     

 

Agricultura

Pesca

Industria

Construción

Servizos

Baiona

63

624

799

620

2.762

Gondomar

145

112

1.329

953

2.566

Nigrán

119

338

1.544

986

4.006

Total

327

1.074

3.672

2.559

9.334

 

     O sector turístico ten no Val Miñor uns trazos que o limitan en exceso ao estar centrado no turismo estacional de praia e que mesmo ameazan seriamente o seu futuro ao ser interpretado en clave de enriquecemento rápido tanto por algúns promotores de vivendas, como por certos inversores que pretenden obter pingües rendas por alugueiro como por un número importante de hostaleiros. Un clima que non garante o sol, os prezos elevados e a escasa calidade dos servizos fan aumentar o turismo de día e diminuír o turismo familiar. Compre mudar a mentalidade de facer caixa rápido e entender o sector como unha actividade permanente e non masificada. Así que é urxente controlar os prezos, mellorar a calidade –para cando algún ciclo de Formación Profesional vinculado á hostalería- e, nomeadamente romper a excesiva estacionalidade do sector, desenvolvendo o turismo de carácter cultural e ecolóxico. A este fin son necesarias inversións pero tamén unha alianza estratéxica con sector labrego e mariñeiro. Non se pode pretender fomentar o turismo e desestacionalizalo cando nalgúns restaurantes venden boi francés conxelado como se fose da ría, enganado ao cliente e reducindo os ingresos dos mariñeiros. Nin se poden conseguir estes obxectivos cando o lixo e o desleixo invaden a paisaxe. Paisaxe, cultura, gastronomía son os pés sobre os que construír un proxecto turístico para o Val Miñor. Un pé máis, pero non o único é o turismo da breve temporada de praia.

     O sector industrial pode exemplificar mellor que ningún a necesidade dun centro administrativo unitario que dirixa o Val. Na Pasaxe de Vincios naceu un máis que importante polígono industrial, reforzado na súa posición estratéxica co acceso á autopista. Pois ben ese polígono non ten os mínimos servizos necesarios, carece de planeamento e ten graves problemas para o seu desenvolvemento que mesmo levaron a algúns dos empresarios a pensar en abandonar e procurar solo industrial noutro lugar. Mentres este polígono industrial real non se desenvolve, en Nigrán montáse outro que esnaquiza un importante zona húmida e que con posterioridade hai que reconverter para permitir instalacións hoteleiras e de ocio nunha clara perversión dos seus fins. A alternativa non é tres concellos tres polígonos industriais.

     Esa outra mentalidade necesaria pasa tamén por considerar os dous sectores tradicionais da economía miñorá, o labrego e o mariñeiro, non como residuais senón como centrais para un desenvolvemento económico sostido. Non se trata dunha nostálxica e caduca volta atrás, nin de sobrevalorar as súas potencialidades, senón de coñecer e valorar a posición fulcral que consideramos deberían ocupar no Val Miñor do futuro.

 

O valor do noso patrimonio

 

 

      O ano que pasou foi para nós o da candidatura da Cultura Inmaterial do sur de Galicia e norte de Portugal a patrimonio da humanidade, desta volta non recoñecido pola Unesco. Proxecto no que traballou a comunidade escolar do Val Miñor. Pero a pesar de non acadar o obxectivo derradeiro que todos agardabamos, agora somos máis conscientes de que o patrimonio cultural, tanto material como inmaterial, existe como tamén existe o patrimonio ecolóxico e paisaxístico, abonda botar unha ollada cara as Illas Estelas coa reserva dos fondos submarinos, anexa ó Parque das Illas Atlánticas, coa prolongación natural na península de Monteferro, paraxe polémica que levou ós veciños do Val Miñor á formación da plataforma Salvemos Monteferro para evitar a desfeita deste monte e costa con viais excesivos (anchura, beirarrúas, farois, rotondas)

Outro grupo de asociacións (A Groba, IEM ...) conseguiu que un barco traído do norte de Europa non traballara como restaurante na Foz, humidal da Rede Natura 2000.

 Hai anos que circula a petición popular de declarar Parque Natural a Serra do Galiñeiro unido ao do Monte Aloia, que pecha o Val polo leste superando os 700 m. de altura inzado de singularidades xeolóxicas, biolóxicas, artísticas e históricas, sobre as que volveremos, e afectado gravemente este verán polo lume. Preto do teito dos 700 m. chega tamén a Groba onde pastan, trepan e crían todo o ano máis de 2.000 cabalos de raza galega, a máis xenuína e cuantiosa representación no noso país que dan lugar aos curros de San Cibrán, A Valga, Mougás e Torroña, estes tres últimos en terras do concello de Oia pero compartindo o hábitat e a propiedade coas xentes  das nosas aldeas miñorás. Non podemos esquecer o curro de Peitieiros e o desaparecido do Galiñeiro. Non existe un estudo antropolóxico profundo dos nosos curros, riquísima representación do patrimonio do sur de Galicia, traballo que ocupa aos propietarios das bestas durante todo o ano e que chega ó cénit algúns domingos da primavera e do verán xuntando, rapando, marcando, vendendo, desinsectando os animais que no mesmo día á tarde volven á liberdade do monte das aldeas dos homes das besta.

Os tres concellos manexaron máis de 100 millóns de euros nos seus orzamentos cunha pobrísima dedicación ao riquísimo eido patrimonial.

O Val Miñor debería ter unha imaxe identificativa de conxunto, un logotipo, polo que fose recoñecido, o arco visigótico de Panxón, unha figura dun petroglifo, o contorno dos Galiñeiros... Temos a fortuna de contar con restos arqueolóxicos e arquitectónicos de tódalas épocas; e senón lembremos que a Fundación Barrié vai sufragar unha escavación na Chan do Cereixo, dirixida pola arqueóloga Rosa Villar Quinteiro e co visto e prace dos propietarios do monte, os comuneiros de Santa Baia de Donas e a colaboración do concello de Gondomar. A singularidade desta chan baséase no achado, hai 27 anos por Xaime Garrido, de máis de 200 pezas líticas de 200.000 anos de antigüidade cando este humidal se usou como cazadeiro. Pero na Chan do Cereixo hai pegadas do neolítico, calcolítico, bronce e do período romano. É un biótopo que se estende entre Santa Baia de Donas (Gondomar) e Pinzás (Tomiño) e mentres os comuneiros miñoranos optaron pola vía cultural de estudo e valorización dun importantísimo espazo prehistórico e ecolóxico, a maioría dos comuneiros de Pinzás, pero non todos, tentan “vender” 800.000 m2 do monte en man común, que é inalienable e indivisible, para facer 500 casas e conceder por 30 anos un millón de m2 para construír dous campos de golf, por riba da mellor chan paleolítica que coñecemos no país. A última palabra tena a Xunta de Galicia.

As mulleres e homes de hai entre cinco e seis mil anos deixaron un par de ducias de mámoas, enterramentos de lousas e terra que veñen a constituír os primeiros monumentos que aínda permanecen na paisaxe, destaca a Chan das Moutas en Prado (Morgadáns) cunha necrópole, antano de nove mámoas das que hoxe fican sete. Hai que citar a aparición doutro enterramento no lugar da peaxe da autoestrada na Areíña, onde apareceu un dos mellores enxovais funerarios galegos.

Hai polo menos 4.000 anos, na Idade do Bronce, o home deixou no noso granito as mellores imaxes gravadas do mundo: cervos, armas, homes, cabalos, figuras abstractas, ... o que chamamos petroglifos. Pois no Val Miñor e nas terras extremantes de Tebra, temos tres dos mellores conxuntos de Europa coa maior combinación de circos concéntricos do mundo (3 m. de diámetro) en Tebra. O mellor panel de armas de Europa en Auga da Laxe (Vincios) e un marabilloso panel vertical con máis de 60 cabalos no Outeiro dos Lameiros (Santa Cristina). Este universo artístico reclama unha valorización do entorno, xa hai proxectos para os gravados de Chandebrito e do Monte Tetón e unha iniciativa da comunidade de montes de Santa Cristina para o conxunto dos Campos - Outeiro dos Lameiros. De todos os xeitos sería preciso un centro director que centrase estudos, conferencias e visitas, de posible emprazamento en Baiona pola proximidade ós gravados e a importancia da vila. Este tipo de centros son normais en Foz Côa (Portugal), Val Camonica (Italia), Vallée des Merveilles (Francia), Böhusland (Suecia)... e pronto en Campo Lameiro (Pontevedra).

Os outros períodos históricos amosan unha continuidade de poboamento. A época castrexa está representada con preto de 30 castros, ningún deles musealizado, con tímidas actuacións no Castro da Pedra Moura (Santa Baia de Donas/Borreiros) e no Crasto de Chandebrito.

O período romano onde máis representado aparece é na parroquia de Panxón. Aquí anforiñas na area do porto, castro, ara a Xúpiter (Museo de Castrelos), restos de fabricación de vidro en fronte do arco visigótico. No SAV (Solo Apto para Vivendas) da Xermaña ( Monteferro) as escavacións deixaron á luz un muro de 5 m. de longo e case un de alto, restos de ánforas, tégulas, doas de colar, unha figura sedente... testemuña dun asentamento. A decisión de arqueólogos e concello foi soterrar estas estruturas que coincidían coa zona verde do concello e ben  merecían unha valorización orgullo para os seus veciños. Máis grave foi, hai media ducia de anos, a subhasta, nunha galería madrileña, do mosaico de Panxón que representa un peixe e foi mercado por un inglés por un millón e medio de pesetas perante a pasividade das autoridades de cultura do país informadas da subhasta.

O Panxón romano tivo continuidade habitacional durante o período visigótico (ss.VII-VIII) do que nos queda un arco deixado das mans das administracións políticas e culturais, situado debaixo do Templo Votivo do Mar deseñado, de gratis, por Antonio Palacios coa condición de conservar en pé o arco xermánico, cando agora seica queren trazar unha vía entre o Templo Votivo e o arco provocando un amuramento de 10 ou 12 m. de altura rompendo a unidade do conxunto, que non sería do agrado de Palacios.

O patrimonio monumental está ben representado nas igrexas románicas que salfiren o Val Miñor: Donas, Parada, Peitieiros, a ex-Colexiata de Baiona. Ademais superan as catro decenas, o número de pazos, urbanos como o de Mendoza ou o dos Correa en Baiona e rurais como os da Touza, Cea e Urzáiz en Nigrán, ou cunha enorme densidade e calidade nos de Pampillón en Vilaza, Vilarés e o de Mendoza en Mañufe ou o Pazo do Conde de Gondomar declarado, como o de Cea, BIC (Ben de Interese Cultural) categoría que preserva con todas as garantías da lei da gadoupa dos especuladores que teñen posta a súa mirada na enorme finca de 300.000 m2 para convertela en “chalés” emparellados ou non. Saibamos todos que un pazo non é só un edificio senón que tamén o é o pombal, o hórreo, o xardín, as garitas, as murallas, as portas e as terras que o rodean.

A mesma man construtora rolda as fincas dos outros pazos do Val Miñor. Xa hai fincas mercadas. E sería culpa das autoridades non ser conscientes do riquísimo patrimonio que coa súa conivencia e particular interpretación da lei, van estragar. Logo lamentarémonos como cando o Ministerio de Cultura adquiriu nos anos 60 o Castelo de Monteboi en Baiona e desmontou o pazo do Marqués de Elduayen para construír o parador nacional. Ambas construcións eran evidentemente compatibles.

O Pazo do Conde de Gondomar foi obra de Don Diego Sarmiento de Acuña unha das figuras máis senlleiras da política española do último tercio do s. XVI e do primeiro tercio do s. XVIII, símbolo de amor á súa terra á que volvía cada vez que llo permitía o seu traballo.

Ficaría incompleto este apartado se non lembrásemos que o Val Miñor recibiu entre remates de febreiro de 1493 e os primeirísimos días de marzo a nova da descuberta de novas terras alén mar. Hoxe conmemoramos o primeiro de marzo co nome de Festa da Arribada, inventada hai unha década como gran festa baionesa e desnortada, nos últimos anos, cara unha festa do chourizo, do marrucho (filloa de leite en Baiona), os doces e o viño onde a parte cultural, conmemorativa, histórica ten pouco espazo, reducida á repetición dunha obra de teatro, unha ofrenda floral, algúns artesáns e, nos dous últimos anos, a iniciativa dalgúns mariñeiros de Baiona a feitura de diversos tipos de aparellos con grandísima mestría lembrando así que Baiona foi un pobo mariñeiro e este é un dos camiños polo que terá que encarreirarse a festa en próximas edicións, o camiño da historia e da etnografía. Temos que escoller entre unha vulgar festa da borracheira, espello doutras moitas que coñecemos no noso país, ou unha festa coñecida no mundo enteiro por ter un importante festival de cine iberoamericano, un congreso crítico de estudos sobre os séculos XV e XVI ou un encontro de embarcacións tradicionais como o que cada dous anos reúne, en Bretaña, máis de 2.000 embarcacións de toda Europa, ou o encontro de embarcacións tradicionais  que este pasado 2005 reuniu case 1.000 embarcacións organizado pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.

Xa para rematar este apartado sobre o patrimonio lembrar que en todo o Val Miñor non contamos cun museo sobre a nosa historia, sobre as nosas tradicións. Un lugar moderno, activo no que participen os escolares e os adultos, habitantes ou visitantes. Nesta bisbarra na que nos últimos anos se construíron miles de vivendas xa é hora de construír un museo identitario e formador. Xa é hora tamén de recuperar o espazo cultural e natural de Cabo Silleiro no que coexisten o Faro Vello, o Faro Novo coa Batería Militar que o concello non quixo mercar diante do ofrecemento do Ministerio de Defensa. Conxunto que inclúe unha costa riquísima en peixes, crustáceos, topónimos, e... naufraxios como o Thalassa, o Collingham, o ABC, ou o Cabo Villano...

Non deixemos naufragar o noso Val.