Domingo, 3 Nov. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Cartas UNIÓN PENOSA (bis)

UNIÓN PENOSA (bis)

Correo-e Imprimir PDF

A finais de novembro escribín a seguinte carta ao director de Faro de Vigo:

"Non é de estrañar que os gobernos latinoamericanos estean fartos de Unión-Fenosa e de outras empresas -españolas ou non- da mesma pelaxe. Se neste país noso, e concretamente no Val Miñor, a distribución de enerxía eléctrica é tan deficiente que os electrodomésticos non funcionan, o router do ADSL non recibe a potencia necesaria para a conexión a internet, as lámparas parecen velas para os mortos,... se isto é así na Europa industrial e das finanzas, que non farán en Nicaragua, ou en Bolivia ou no Perú?

E cando un vai e presenta denuncia diante da Consellería de Innovación e Industria, dinche que as medicións efectuadas están dentro das especificacións e tolerancias que se contemplan no contrato de explotación.

Iso si, á tal Consellería éncheselle a boca dicindo que o 100% do territorio galego vai estar cuberto pola banda larga en 2008! Que banda larga nin que banda de mangantes?

Levamos desde os anos 60 do século pasado, cando aquilo do asolagamento de Castrelo de Miño, sufrindo os inconvenientes colaterais á produción de enerxía eléctrica, sen os galegos e as galegas obteren nada a cambio: nin rebaixa de tarifas, nin pago dun canon especial, nada de nada; para Unión Fenosa, para Iberdrola, para Ferroatlántica, todo é beneficio. E agora enchen o país de parques eólicos por catro cadelas coas que convencen ás Comunidades de Montes de Veciños.

O último desastre, velaí o temos no encoro de Fervenza, no río Xallas, propiedade de Villar Mir, o ministro de Franco.

Durante varios anos o antigo presidente dos empresarios do Val Miñor enviaba periodicamente a súa nota de protesta. Agora, xa nin iso. Ninguén di nada.

E que quede ben claro: A responsabilidade é da dirección de Unión Fenosa e dos gobernantes que non esixen bo servizo; non dos traballadores e traballadoras, que cómpre ir diferenciando."

Esta carta nunca foi publicada. 

Días despois, por efecto dunha tormenta e, talvez, por neglixencia de Unión-Fenosa e por deficiencia da súa rede de distribución de enerxía o router queimouse, a caldeira do gas-óleo deixou de funcionar e a Play da miña filla tamén se derramou. (Agardo, en breve, o abono do Seguro.) Ducias de vivendas, a mesma casa do concello de Nigrán sufriron o mesmo tormento.

A día de hoxe, as lámparas fluorescentes non acenden e o novo router di que non, que non lle entra voltaxe abondo. Leo na prensa que veciños de Morgadáns andan a firmar un abaixo-asinado, en Tomiño non ganan para cirios, en Donas non ganan para disgustos...

Que facer?