As parroquias na Axenda21

Imprimir

Presentouse o día 14 de decembro no colexio de Panxón a denominada Axenda 21, que vai ser algo así como unha plataforma de xestión para o coñecemento socioeconómico do concello, cunha repercusión directa na elaboración do PXOM de Nigrán. Presentaron o acto e interviron desde a mesa o concelleiro de Medio Ambiente e Participación Cidadá, Juan Hermida; o alcalde Efrén Juanes; o Director Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente, Emilio Fernández; e un técnico da empresa contratada para desenvolver a Axenda 21 neste concello.

Os representantes do goberno municipal e o propio director xeral fixeron un canto á participación popular, e non era para menos, dada a gran concorrencia de veciños e veciñas, demostrativa da enorme curiosidade e preocupación que concita o tema.

Que a veciñanza de Nigrán ten un gran interese pola intervención social sabiámolo con anterioridade, dada a participación nas asembleas e nas concentracións e manifestación realizadas en 2006 contra o Plan Xeral, como tamén nas Xornadas de Urbanismo que varios colectivos organizaron en marzo de 2007.

E sobre a capacidade do señor alcalde e do goberno municipal para escoitar o que os colectivos veciñais teñen que dicir versaron boa parte das intervencións realizadas no coloquio. A situación de Porto do Molle e a decisión do alcalde de asinar o decreto de aprobación do proxecto de urbanización do polígono concitan desde hai tempo a unanimidade veciñal na denuncia dun gravísimo problema que no concello de Nigrán se está creando, como resultado da nefasta iniciativa de gobernos municipais anteriores, pero que contaron co apoio, neste caso, do PSOE. O propio director xeral presente na mesa afirmou que "seguramente hoxe este polígono non se levantaría."

Unha vez máis, o goberno municipal recibiu o aviso popular. Pero, ollo!, que ninguén interprete esta crítica como facerlle o xogo ás dereitas; ca!, as dereitas poderán aproveitarse da situación sempre que o goberno municipal non reaccione e modifique a súa política timorata e débil ante os gobernos amigos na Zona Franca ou na Xunta de Galicia.

Pero con todo houbo outra intervención que non debería pasar desapercibida. Nande, presidente da Asociación de Veciños "Outeiro" de Parada, ademais de expresar o seu sentir sobre o comportamento lamentable da maioría municipal no caso de Porto do Molle, preguntou se na Axenda 21 se ía ter en conta ás parroquias.

O técnico da empresa contratada deu unha resposta absolutamente desafortunada. Dixo que do que se trataba era de traballar todos arredor dun único Nigrán, ou algo así.

Calquera persoa que viva en Nigrán, como en calquera concello de Galicia ou do norte de Portugal, sabe que a parroquia é o núcleo tradicional de asentamento da poboación; algo que moitos sabemos desde sempre, pero que os políticos non queren ver nin asumir. A parroquia, como ocorre na outra banda do río Miño, debería estar plenamente recoñecida administrativamente e debería contar cos seus propios organismos de representación e de participación política; pero os nosos políticos, sexan da dereita ou do centro-esquerda, que é onde chega o espectro ideolóxico hexemónico, non queren saber nada de tal cousa, aínda que a propia lei o permita.

Que é Nigrán se non as parroquias? Nigrán non existe, existen as parroquias, perfectamente delimitadas, e con formas de vida ben diferentes, cos seus sistemas asociativos propios.

Que a Axenda 21 e o PXOM deben contemplar a existencia diferencial da parroquia é algo tan natural e tan elemental que un non comprende como pode un técnico galego darlle as costas ou pechar os ollos a esta realidade. Talvez entendeu mal a cuestión que presentaba Nande, ou quizais non recibiu nas aulas aquelas nocións elementais que os nosos devanceiros levan décadas reclamando sexan postas en práctica. Cómpre un coñecemento auténtico das cousas e non deixarse levar pola rutina.

E isto vale para o técnico da empresa encargada de desenvolver a Axenda 21 en Nigrán, para todos os técnicos e todas as persoas que en Galicia exercen unha función política, e para todos nós.