Luns, 26 Feb. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Cartas A nosa historia con ironía e seriedade

A nosa historia con ironía e seriedade

Correo-e Imprimir PDF
mercés moralejo
Hoxe queriamos falar de urbanismo, pero sorprendeunos unha interesante nova nas páxinas da Voz de Galicia. As obras do peirao de Baiona, do que xa tiñamos falado, descubriron interesantes pezas arqueolóxicas coma un canón do século XVII ou restos de cerámica chinesa. A principal hipótese considera que estes restos son froito de pequenos accidentes domésticos nas pezas e que provocaron que os seus propietarios as tirasen pola borda.

É curioso como podemos coñecer o noso pasado a través das insolidarias ou ignorantes costumes dos noso antergos. Pode que dentro de tres ou catro séculos, cando se estea a rematar o enlace terrestre coas Cíes (non nos estranemos, ao paso que vamos en recheos na ría, non ha quedar tan lonxe) atoparán os restos que tirabamos ao mar polo emisario submarino.

Lamentablemente o máis cultural que podan atopar serán compresas e bastonciños para os oidos. Non terán moi boa idea da nosa forma de vida.

De seguro que nunha sala do Museo da Historia Baionesa, aquela na que se fale dos indíxenas baioneses, extintos tralo Plan Xeral do 2050, que encareceu tanto o solo que provocou a súa emigración masiva, haberá un sitio para colocar a efixie do gran visionario do século XXI, Don Manuel Vilar, sen a súa aportación non sería posible que o lixo do seu tempo se conservara ao longo de varios séculos nos fondos mariños.

Fora ironías. Xa é casualidade que aparezan os primeiros restos arqueolóxicos submariños en Baiona xusto cando o Goberno Municipal está a proxectar un Museo da Navegación. Coma puidemos ler nun artigo que publicou o BNG nun dos seus boletíns, o Museo ven parece máis un parque temático do Descubrimento de América, pero seguro que atopan algunha saliña onde colocar todos estes achádegos. Nós apostariamos por dous puntos de referencia da historia cercana da nosa vila, a fábrica de Puga e o Balneario da Concheira. Lamentablemente o deseño dese Museo está en mans dalguén que non viviu a historia de Baiona do mesmo xeito que nós, será que prefire o cheiro a humidade das bibliotecas ao do peixe nas súas mans.

 

Maís información http://baionaconsciente.blogaliza.org