O primeiro, Noia, andou agochado, de tobo en tobo, por terras rosaleiras, tomiñesas e guardesas, recorrendo á serra salvadora da Groba cando se vía en perigo e procurando refuxio tamén en Oia, concello no que o seu irmán Manuel foi vilmente torturado e asasinado.
Antón Alonso Ríos escolleu, nunha altura da súa fuxida, outra opción, a de converterse en pobre de pedir. Dende os días terribles de xullo, despois da masacre do Monte Aloia, e ao longo de todo o mes de agosto logrou zafarse da persecución ao que o someteron os falanxistas de Tui que puxeran prezo á súa cabeza, volvendo unha e outra vez á serra salvadora da Groba, máis en concreto a Torroña, ata que o sete de setembro escolleu converterse en esmoleiro e botarse a andar por estradas e camiños. Na vez de agocharse optou por amosarse, coidando que o deterioro físico o faría irrecoñecible sempre que se afastase da comarca de Tui. Máis tarde, xa en Albarellos, nas terras medievais de Orcellón, Alonso Ríos bautizou ao salvador esmoleiro como Afranio de Amaral quen, en 23 días, foi dende Tebra ata Sorribas, en Forcarei. Alí o Afranio do Amaral pousou e converteuse en criado de servir, ata xullo do 37. Tivo que fuxir e asentouse, durante un ano, en Moreiras, no concello de Boborás. Outro ano, en gran parte pasado na serra da Peneda, seríalle necesario para “risparse”. O 29 de xuño de 1939 desembarcaba en Bos Aires.
O inicio da xeira fuxitiva de esmoleiro foi en Tebra. Botou a andar pola estrada cara a Gondomar. Ao chegar ao cruce estivo a punto de cometer un erro tirando pola estrada de Tui, polo que tería que meterse polo monte para evitar entrar na vila,e como escribe o Afranio:
E un pobre de pedir esmola non cómpre que ande polo monte.Acertou e virou pola estrada de Couso a Vincios. Bordeando os socalcos chegou a Morgadáns. Parou diante da escola na que o seu amigo, o poeta Victoriano Taibo, estaba a indicar os países de Europa cun punteiro. Alonso Ríos lembrou os seus rapaces e os seus degoiros pedagóxicos. Seguiu o camiño sen mirar atrás, mais:
Inda no meu estado de ánimo non deixei de admirar, unha vegada máis, o feitío xeitoso das leiras traballadas formando escadeiras.
Alonso Ríos substituíu a Castelao na presidencia do Consello de Galicia. Foi unha figura política e pedagóxica de primeira orde. Infortunadamente segue a ser moi descoñecida a pesar dos esforzos e dos estudos dos profesores Bieito Alonso e Xosé Manuel Malheiro.