Venres, 26 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion A resaca inconclusa Xa está aquí.

Xa está aquí.

Correo-e Imprimir PDF
arribada_cartel_antigo

Xa está aquí. Xa podemos ata cheirar o chourizo metidiño no pan cunha cunca de viño do País ben á beira. Temos no lombo a Arribada. Case sen darnos conta pasou un ano e velaquí aparece de novo. Hai ben pouco falaba da festa cos amigos; da súa utilidade, dos seus inicios, do seu contido histórico e do seu valor para a vila de Baiona.

Foi alá mediados os anos noventa cando botou a andar a orixinal Arribada, é certo que restrinxida a uns cantos postos e situada unicamente na zona da antiga Praza do Peixe.Na súa esencia a festa non concibía toda a algarada actual, de comida e beberaxe desenfreada, de comas etílicos na xente nova, de masificacións desproporcionadas e de tolemia brutal por unha praza onde aparcar o vehículo. Aquela festa foi xeitosa abondo como para ir medrando ata o que é hoxe, un incrible aluvión de visitantes. Nós mesmos fomos testemuñas de todo aquilo cun posto de comida entre un total de catro. Hoxe a cifra aumenta a douscentos.

Mais afondemos no porqué desta festa, e cal é a razón pola que os gobernantes insistiron neste filón para Baiona. O ideólogo de tal fazaña podemos imaxinar quen foi, non o vou nomear, pero soubo ver con acerto as posibilidades de tal evento unha vez ao ano, ao xeito da festa existente en Ribadavia. Supoñemos que o contido histórico era realmente o menos importante sempre e cando Baiona completase unha serie de visitantes. Porque o contido histórico da festa deixa que desexar en moitos aspectos, por moito que dende o concello continúen facéndonos crer que aqueles homes eran de moi boa familia. A masacre e a desfeita acontecida naquel século é o alicerce que enturba cada ano a celebración da Arribada dende o seu contido histórico, por máis que a maioría da xente ignore ou queira ignorar a propósito este feito. Con todo, obviando isto, os despropósitos rebordarán unha vez máis esta fin de semana, posto que durante a festa observamos múltiples deslealdades ao rigor histórico ao que tanto gusta aludir o concello, véxase a absurda utilización do castelán medieval nos carteis, cando na época aquí nunca tal había e menos se falaba, ou a vestimenta “de época” que deseñan a meirande parte das costureiras. Ao parecer, coa chegada da carabela eles ían coma CristóbalColón, pluma incluída, e elas de princesas da Corte dos Reis Católicos. Como xa digo, todo moi ao estilo “da época”. Aínda así, acudimos a ela como bos galegos, pola comida e a bebida. Porque pese a todo, resulta unha festa que reporta cartos a Baiona e deixa satisfeitos a máis de un, que é o que realmente importa dende hai moitos anos en Baiona.

Algúns continuaremos celebrando o Día das Letras noutra vila.