Hei de ir ó señor San Cosme

Imprimir
San Cosme
scosme sdamian
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

Hei de ir ó señor San Cosme,
pola beiriña do mar,
heille de ir pedir ó Santo
herbiñas de namorar.

(Tradicional)

Na ladeira oeste da Serra da Groba, parroquia de Santa Mariña de Baíña, enmárcase a aldea de San Cosme, presente nalgunhas fontes documentais como San Colmado ou mesmo San Cosmete. Neste lugar estratéxico localizado xeograficamente entre o río das Cabras e o río do Vilariño ou do Pontillón emprazouse ata o século XVIII  ''la capilla del Glorioso San Cosme'' onde xa en 1347, debido aos seus importantes ingresos froito das esmolas, tentara intervir o abade de Mougás don Juan Domínguez pretendendo cobrar décimos e dereituras. O mosteiro de Oia iniciou preito co reitor da igrexa mougalesa e gañou porque San Cosme, “nunca perteneció a la iglesia de Mougás”. Templo que para algúns historiadores remonta as súas orixes ao século VI cunha pequena comunidade de monxes eremitas ata o século XII, a vella capela desaparecería para sempre nas xornadas do 21 e 22 de xuño de 1785 por orde do abade de Oia D. Clemente Bahamonde (1783-1787), logo de ter recibido autorización bispal. O prelado respondera a petición argumentando que a idea do abade de ''demoler la capilla o santuario de San Cosme y trasladar las ymagenes y quanto pertenece al santuario a esa yglesia monasterial es digno de todo aplauso, porque en su execucion se evitan muchas ofensas de Dios que ahora se cometen con pretexto de romerías, y puedo asegurar, que aquel santuario ha sido mil vezes profanado''. Permitiría, sen embargo, o bispo D. Diego Fernández Angulo que  ''puede quedar en el sitio del altar una cruz en memoria de lo que ha sido''. É moi probable que esta fose a coñecida como cruz de Malta que estivo en San Cosme ata o ano 1972 en que se traslada e se instala sobre o portalón da casa reitoral de Baredo.

Con data de 20 de setembro de 1799 o concello de Baiona outorga ao procurador José Antonio Cortiñas autorización para festexar aos santos irmáns Cosme e Damián. A romaría revivía así nun contexto urbán aproveitando un santuario construído a finais do século XVII na honra da súa tutelar, Santa Liberata, ilustre paisana de Baiona. Dende aquela, o esforzo dos baioneses estivo en manter vivo un culto aínda hoxe vixente. 120 reais custou en 1846 o relicario realizado ou encargado por Don José Manuel Cadaval, 12 reais para uns ollos de cristal para San Damián en 1848 ou 36 reais da anda que en 1852 fixo o carpinteiro Juan Barros.

Decaeu o seu culto xa en 1928, ano en que se dixo que a romaría dos santos Cosme e Damián era xa unha parodia respecto do que noutros tempos tiña sido. Broche de ouro dun tempo, dunha estación e do ano, última das grandes e a primeira das pequenas, San Cosme de Baiona daba paso á romaría e feira do San Colmado que duraba sete semanas e que empalmaba co San Amaro de Matamá prolongándose a festa ata sete domingos consecutivos.

De calendario repleto no profano e relixioso, centos de romeiros encamiñábanse dende Vigo a Baiona entoando alegres cantos ao compás da gaita por todo os medios de locomoción existentes. Dende as carrozas ou riperts do Borrasca, cocheiro afamado da época, ata carros do país cheos de bandeirolas e recubertos de follaxe que, ao paso pausado dos bois traía ás xentes dende seis ou sete leguas de Baiona. Incluso de Portugal viñan mulleres, nota de colorido cos seus xustillos cinguidos ou panos de polícromas cores con amplas saias no medio da multitude. Chegaban ao muelle baionés centos de pequenas embarcacións e lanchas das rías próximas, de vapores vigueses a plan de romeiros embarcados na Ribeira do Berbés como en 1899 coa intención de botar unha cana ao aire como recolle a prensa da época.

Abundante e ben combinado alumeado de outros tempos, colgaduras, fermosas arañas de cristal e imaxes a bo coidado do antigo mordomo Señor Fernández, eran o punto álxido dunha romaría concorrida dende as seis da mañá do día 26 de setembro. 21 bombas iniciaban a festa regada por bo viño baixo as lonas no campo de Santa Liberata ao son da música que tocaba diana. De once a tres da tarde ateigábase a praza da Constitución (hoxe Pedro de Castro) co tradicional mercado de exquisitas froitas e noces chegadas das terras do Miñor, competidoras das ricas ostras do Boi ou das noces e mel á venda dende as catro da tarde nos arredores do santuario para abasto do inverno. Un repique xeral de campás ás doce do mediodía daban paso aos foguetes voadores que entre as xentes estouraban no ceo baionés á par dos globos que anunciaban a saída dos xigantes e cabezudos “el coco de los unos y la risa y diversión de los otros”. Xogos de cucañas á tarde e regreso da banda de música ás nove da noite anunciando os suntuosos foguetes e castelos de fogo fixo que alumeaban un interior sacro, unha longa noite de pedra durmida ao pé dos santos mártires entre os bancos da igrexa. Aqueles bancos corridos aínda parecían lembrar a véspera narrada por Joselín na que, cosidas as saias das mulleres que alí durmían as unhas coas outras, se berrou fogo e se armou “a de San Quintín” ao querer fuxir.

Descansaban no interior da capela ata a xornada do 27, festa de igrexa con gran pompa e bombas precursoras da banda de música que, tocando diana, é seguida polos gaiteiros ao son da alborada. Entre nove e dez da mañá saía a procesión de San Cosme e Damián arroupados pola paisana Santa Liberata, A Anunciada, O Rosario e a Virxe do Carme trala misa solemne “a toda orquestra” e sermón a cargo de reputado orador sagrado que daba paso, entre as once e unha, ao paseo de moda pola alameda do Aral. Viña a tarde e tocaba regata de botes na baía, á noite, baile para os socios do Casino Recreativo da vila rendendo honras á deusa Terpsícores en medio, disque, da maior orde e compostura.

Cantos 27 de setembros lembra a vila! O de 1894, cando no barrio da Percibilleira deu a luz María Dolores Martínez Ruíz aos seus 34 anos a tres fermosas nenas que gozaban de perfecta saúde por intercesión dos médicos gloriosos. Onomástica do armador Florentino Vázquez Ratel e infausto recordo do coche volteado ao regreso da romaría en 1923 nas proximidades de Vigo. Saíran feridos Manuel Fernández, condutor e de gravidade María Pérez á que o médico Iglesias apreciou unha contusión no nariz e porción dereita do labio superior xunto a conmoción cerebral intensa. Dos berros do romeiro de Matamá Ángel Alonso Freiría que en 1929 foi roubado polo carteirista ourensán Ricardo Iglesias de 50 anos e residente en Vigo. Incluso parecía traer recordos dunha ola de dous quilos de mel roubada á veciña de Vilachán do Monte Constanza Bouzada Pérez por Benjamín de Nigrán, Laureano Vilán e Melitón Costas Barreiro de Oia. Mesmo da detención de Eugenio Rouco Vilas de Nigrán que foi reclamado polo xuíz sendo acusado de feridas quen sabe onde.

Era o templo romeiro por antonomasia para o baionés e forasteiro que, como aqueles que vían os xigantes e cabezudos dende a sancristía do templo, sendo sancristán o señor Pelucas, preguntaron por dúas caliveras que alí había dentro dunha urnia. Unha era grande e a outra era pequena.

Preguntaron de que defuntos eran, ao que o sancristán contestou que eran de San Cosme.

A grande será de San Cosme pero, e a pequena?

Quedouse varado un pouco e rascando na cachola saltou:

-A pequena.... a pequena era de San Cosme cando era pequeno!

Este ano alá non vou, San Cosmiño de Baiona, que tiña o diñeiro xunto e non sei quen mo roubou.