Un 20% menos de tren en Galiza

Imprimir
XabierPI

Calquera que teña usado o tren coñece de primeira man as deficiencias do servizo ferroviario no noso país. Uns trazados que non responden a un deseño en rede que vertebre o conxunto do territorio, escasas frecuencias nalgúns percorridos e faixas horarias, cativa cobertura do servizo para as pequenas estacións e como corolario unhas tarifas desorbitadas en relación ao servizo. O certo é que se segue a tardar máis en ir de Vigo á Coruña en tren, que de Madrid a Valencia e case tanto como desde a capital do Estado cara a Barcelona ou Sevilla. A modernización dos camiños de ferro en Galiza ten sido unha reivindicación histórica, da que de sempre fixo bandeira o nacionalismo galego, pero nunca satisfeita por ningún goberno central. Gobernase o PSOE ou o PP.

Estes días recibiamos noticias de Renfe a respecto dos trens galegos. Non, non era para anunciar ningunha das melloras necesarias na rede de media distancia, tampouco para clarexar cando verá a luz o (falso) AVE a Galiza. Logo de amedrentarnos cunha auditoría ad hoc, realizada por Ineco, na que se propuña directamente a supresión de todas as liñas -cinco en total- agás as do eixo atlántico (A Coruña – Vigo) e a que une Compostela con Ourense, Renfe nos “tranquilizaba” comunicando que en lugar desa medida radical apostan por unha un chisco máis suave: eliminar nada menos que 98 frecuencias semanais. Así a liña Compostela-Ourense perderá a metade dos seus horarios, A Coruña-Ferrol tería vintecatro menos, anularíanse catorce servizos A Coruña-Monforte e outros tantos no Ourense-Puebla de Sanabria, amais de outras seis frecuencias eliminadas entre Ourense e Monforte. Para facerse unha idea, de aplicarse esta medida perderemos máis do 20% dos servizos ferroviarios que tiñamos até agora. 

Todo son conxecturas, e veremos se ao final ese número non acaba sendo maior dado que na auditoría de Ineco recollíase tamén a redución de frecuencias noutras liñas como o caso do tren entre Vigo e Pontevedra. Asemade, apúntase tamén a unha reorganización dos horarios que se manteñan apostando polas frecuencias máis rendíbeis economicamente. A decisión final adoptaraa o Goberno español o 30 de xuño, aproveitando o inicio das vacacións estivais.

A razón destes drásticos recortes que redundarán nun menor e aínda peor servizo, a pesar de tratarse dun medio de transporte fundamental e que debera ser columna vertebral dunha mobilidade sustentábel e eficiente, é desfacerse daquelas frecuencias e liñas que non xeran un rendemento económico. Ao cabo nin AVE (para quen o quixer), nin media distancia, nin nada.

O máis cómico é que o goberno central ofrécelle á Xunta a posibilidade de manter eses servizos se o executivo galego se fai cargo economicamente destes. Feijóo xa dixo que non, non vaia ser que gastase os cartos de todos en algo útil para o pobo, porén non se lle escoitou tampouco reclamando o mantemento das frecuencias que se queren anular.

Con este panorama gaña argumentos o reclamo do BNG que mediante unha proposición non de lei, invisíbel nos medios, propuña o pasado 9 de abril -por boca da súa deputada Ana Pontón- a transferencia das competencias en materia de ferrocarril interior coa creación dunha Compañía Ferroviaria Galega, para alén de demandar a paralización do desmantelamento de liñas e servizos ou a aposta pola modernización dos trazados existentes. Se Renfe, coa activa complicidade do Ministerio de Fomento, insiste en nos deixar cun 20% menos de tren, se cadra é hora de termos un ferrocarril 100% de noso.

Xabier P. Igrexas 
www.contradiscurso.net | @contradiscurso