Partido Popular Vs democracia

Imprimir
Xabier P. Igrexas

Reducir o número de deputadas e deputados que compoñen o Parlamento de Galiza vulnerará gravemente democracia. Unha democracia xa ben cativa, reducida a un nivel testemuñal, polo uso totalitario dunha maioría absoluta que pende dun só deputado.

A pretensión de Feijóo pon en evidencia dúas cousas. En primeiro lugar que o Partido Popular non cre nin na democracia nin no autogoberno do noso país. Só así se pode entender unha medida, que malia o seu cariz populista e demagóxico, enfeblecerá e devaluará inda máis a cámara galega. E en segundo, demostra medo. O PP teme, con moita razón, que a súa política de demolición e de recortes antisociais ademais de provocar unha importante resposta social, con grandes procesos mobilizadores, vai camiño de se traducir nun cambio electoral que o desaloxaría da Xunta.

Dada a distribución provincial das e dos deputados, o sistema d'Hont para a asignación de escanos e o 5% de porcentaxe mínima esixido para optar a representación, a redución no número de escanos o único que producirá é o reforzo da minoría maioritaria, isto é o PP, que ficaría sobrerepresentada en detrimento das demais forzas.

Para demostrar o anterior tan só hai que facer unha extrapolación matemática. Partindo dos mesmos resultados electorais, en número de votos e a súa distribución provincial, dos comicios autonómicos de 2009, pasando de 75 a 60 deputadas e deputados o PP obtería 31, o PSdeG 20 e o BNG 9. Isto é, que co mesmo número de votos o PP incrementaría nun 1% o seu número de cotas, blindando a súa maioría absoluta malia obter menos votos que o PSdeG e o BNG, e o Bloque vería reducida a súa representatividade nun 1%. Os mesmos votos para uns valerían máis e para outros menos. Un atropelo que desvirtúa a representatividade democrática e que castiga ás opcións non maioritarias, limitando seriamente que a pluralidade social estea reflectida na cámara lexislativa galega.

Así mesmo de levarse a cabo esta reforma, poranse novos atrancos ao acceso ao Parlamento doutras forzas políticas, xa que a un menor número de actas maior será a porcentaxe mínima necesaria para optar a un deputado ou deputada. Isto provocaría que se puidese dar o caso de que unha ou máis forzas malia superar a barreira antidemocrática do 5% (imposta por Fraga) quedasen sen representación parlamentaria.

Revitalizar o Parlamento e a democracia -no plano institucional- no noso país, esixiría dunha mudanza no senso contrario. Reducir a barreira de entrada, ou mesmo eliminala, adoptar o sistema proporcional directo para a distribución de escanos e optar pola circunscrición autonómica, en lugar da provincial. Mais iso esixe un compromiso real coa democracia e o autogoberno. O Partido Popular sinxelamente non o ten. O único que queren é asegurar a súa vitoria inda que sexa mudando as regras de xogo con trucos e trampas que conculquen a vontade popular.

Máis sobre Xabier P. Igrexas no seu blogue

.