"Rescate" con IVE incluído

Imprimir
Xabier P. Igrexas

O Estado español xa cursou solicitude formal para que a UE acuda en "rescate" da banca privada. Solicitouno en nome do goberno central o ministro de economía, sinalado por algúns como Presidente in pectore, Luis de Guindos a través dunha carta. Na misiva non se cifraba a cantidade solicitada nin se achegaba información algunha das condicións do préstamo, de como se vai devolver ou con que xuros se lle vai traspasar á banca española. Desde a aprobación do "rescate" polo Eurogrupo o único que sabemos é que poderá atinxir até 62 mil millóns de euros dos cen mil dispoñíbilizados pola UE.

Con todo, diferentes portavoces da Comisión Europea foron clarificando algunhas cuestións estes días. O pretendido "rescate" terá condicións moi duras e para as garantir a troika neoliberal (FMI, BCE e UE) establecerá novos mecanismos de vixilancia sobre o Estado. Un eufemismo, o da vixilancia, baixo o que se agocha unha intervención en toda regra.

Algunhas das condicións, alén de que xa se poidan intuír pola experiencia doutros rescates, comezan a despregarse. Entre elas inclúese o propósito do goberno de Rajoy de incrementar novamente o IVE, desta volta aplicando o tipo normal (18%) sobre produtos de primeira necesidade (alimentos, produtos de hixiene, medicamentos, etc) gravados até agora entre un 4 e un 8%. ¡Falamos dunha suba de entre un 10 e un 14% en produtos indispensábeis !

A suba de impostos indirectos é sempre antisocial, dado que estes non teñen en conta o poder adquisitivo das persoas. Neste caso incidirá ademais nunha franxa de produtos esenciais penalizando sobre todo ás clases populares con menor capacidade de compra. Por outra banda o efecto económico do incremento do IVE tense amosado claramente prexudicial e contraindicado para favorecer a recuperación. Desestimula o consumo, acentuando a recesión e o desemprego, e ao tempo non supón un incremento real da recadación impositiva.

Máis unha vez os impostos son empregados polo capital, a través dos seus gobernos cómplices, como un mecanismo para expropiar -no seu beneficio- máis e máis diñeiro a quen cada vez teñen menos. Non é rescate, é saqueo.

Máis sobre Xabier P. Igrexas no seu blogue

.