Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Contradiscurso Á rúa contra o saqueo

Á rúa contra o saqueo

Correo-e Imprimir PDF
XabierPIgrexas

Hoxe primeiro de maio é unha data para a reivindicación. Non por liturxia. Non por costume. Hoxe temos motivos e razóns abondo para nos mobilizar co gallo do Día do Internacionalismo Proletario.

Ás contrareformas laborais e das pensións o goberno central do PP suma -cada día- novos recortes. E o executivo español inda ameaza con máis golpes contra as clases populares. Cada venres un nova puñada aos dereitos sociais e aos servizos públicos, como xa advertiu esta fin de semana o propio Rajoy.

 

A ofensiva do capital contra a maioría social non é nova, é consubstancial ao capitalismo. Agudizouse, iso si, nos albores mesmos da vixente crise sistémica. Mais desta volta sobordou todas as liñas vermellas que algúns inxenuamente crían infranqueábeis, demostrando con meridiana claridade quen detenta o poder real.

Por exemplo, o último paquete de medidas coloca en situación de risco sanitario a pensionistas que precisen de ambulancia para acudir a probas médicas, por non poder custearse ese transporte. E grava a enfermidade a través do 'medicamentazo' poñendo prezo á saúde.

O mesmo acontece co ensino. Ademais das trabas académicas, como notas de corte e selectividade, o estudantado terá que enfrontar a peneira económica cunhas taxas privativas. Todo para limitar o acceso a estudos universitarios a unha porción cada vez máis pequena da sociedade. O regreso da universidade das elites.

Os impostos están a deixar de servir como ferramenta para a redistribución da riqueza. Ao contrario, a aplicación do Pacto de Estabilidade do Euro e o total sometemento dos gobernos, central e galego, aos ditados da clase dominante (banca privada e grande empresariado), fan dos tributos un instrumento opresivo. Axudan a concentrar e centralizar a riqueza en cada vez menos mans.

Increméntase a presión fiscal sobre quen menos ten ao tempo que se perdoa a fraude dos máis ricos. Sóbense impostos ao tempo que se retallan os servizos públicos que financian, obrigando a pagar máis por menos. Instaurase a austeridade forzosa (desmantelando o Estado do benestar) para satisfacer a cobiza da banca privada que especula coa débeda pública. Débeda que medrou de xeito substancial precisamente despois de rescatar esa mesma banca con cartos públicos.

Ao cabo, inxentes motivos para nos mobilizar contra este verdadeiro saqueo. Para saírmos á rúa a esixir unha mudanza radical, que principie por impedirlles que sigan a gobernar contra o pobo, contra a maioría, para seguir a engordar á minoría que nos explota.

Xabier P. Igrexas
contradiscurso.net