Cousas veredes

Imprimir

normal_DSCN1368Por Carlos Méixome-
Publicado no xornal A Peneira
www.apeneira.com

Chegou agosto e foise. Tempo de lecer, de sol e praia ,de procura da sombra fresca para uns, de traballo arreo para outros. Mais sempre de sorpresas. Hai algunhas.

 

I

Hai anos, nos tempos do â??desarrollismoâ?? franquista, finais dos sesenta e primeiros setenta, os cartos dos emigrantes pola Europa de entón financiaron a construción e favoreceron a especulación que puxo desastroso remate ao proxecto, xa perverso de por si, de Manuel Lemos. Os edificios achicaron a presuntuosa â??Playa Américaâ?? lemista e deixaron baixo o formigón as dunas de Gaifar. Anos máis tarde co ecoloxismo, necesario e urxente, de moda para papaleisóns comenenciudos, preténdese recuperar as dunas. Elabórase un plano, póñense pauciños e amontóase area nos poucos espazos que deixan libres múltiples paseos de madeira ou cemento, aparcadoiros, â??chiringuitosâ?? varios, etc. Quérense uns montonciños de area para dicir que se teñen dunas. Ecoloxismo de sala de estar, naturalismo de sofá e televisión. Cinismo para enganar aos funcionarios que conceden bandeiras azuis. Cousas veredes.

II

En pleno agosto un armatoste de ferranchos e táboas vai ocupando, aos poucos, o espazo do aparcadoiro de praia Lourido. ¿Que será? Hipóteses varias. Ao final resulta que é un espectáculo no que uns rapaces fan esquí, ou algo semellante, sobre neve artificial. Ao pé da praia, a trinta e tantos graos, en pleno agosto, ocorréselles fabricar neve a non sei canto baixo cero para que uns se tiren por tobogáns de neve en plan exhibición. Cousas veredes.

III

Vas ao teu paseo que a idade vai recomendando e bates cun escenario ben grande que interrompe a túa dose anticolesterol. Enriba un home cun micrófono vai indicando uns movementos exóticos que unhas poucas persoas imitan, algunhas con rostro serio e concentrado e outras contendo gargalladas. Seica é a globalización que trae modas de todas as esquinas. Cousas veredes.

IV

Camos. As Chans. Pé do Monte Castelo, hipotético solar do máis grande personaxe histórico que deu o termo municipal de Nigrán: Suero Iañez de Parada. Infelizmente moitos dos seus actuais coterráns nin saben que existiu. Fermosas e desgraciadas chans. Durante anos tivo que apandar nas súas beiras con todo o lixo do Val Miñor, agora tocoulle quedarse sen o patrimonio milenario que acochaban. Uns, que non cualificamos, meten palas e arrasan con tres xacementos catalogados. Entre eles unha mámoa que parten polo medio. Desfiguran as chans con terrapléns de dous metros de altura. Obxectivo: que corran uns coches. Cousas veredes.

V

Conxunto patrimonial máis importante de Panxón, e do concello de Nigrán. Arco de período xermánico e Templo do Mar de Antonio Palacios. O mesmo don Antonio fixo gratis o proxecto a cambio de que non se derrubase o arco e pasase a formar parte do conxunto. Uns arqueólogos traballan á súa beira. Non é unha escavación, só facer unhas catas para saber o que hai. ¡Que vai haber, un cemiterio! ¿Para que encargan este traballo? Seica proxectan unha estrada. Nada novo, enriba do castro puxeron unha cafetería. Alá vai o pouco que quedaba en Panxón cun certo valor patrimonial. Cousas veredes.

¡Ai Nigrán, que cousas tes que ver!