¿Que fai aí ese barco?

Imprimir

Lembro ben cando me comunicaron a nova da aparición. Era unha mañá de outubro de 2002. Foi a primeira hora, uns cantos alumnos alporizados e sorprendidos dicíanme todos á vez: ¡profe, profe! ¿viu o barco que hai na Foz?. Ao principio tomeino un pouco á chota, mesmo pasoume, nun intre, polo maxín a luminosa idea dun estraño accidente nocturno. Despois veu a fase de sorpresa e incredulidade. ¡Como a dos rapaces!

Nos días posteriores confirmáronse as incribles novas: que se non tiña motor, que se ía ser un restaurante, que se xa tiña permiso, que se non o tiña, que se iso non se sacaba máis de alí, que se os propietarios gastaran moitos cartos... Os ollos non se daban acostumado a aquel monstro chantado no medio da enseada. A razón tampouco daba creto a tanta estupidez dirixida pola cobiza. Os veciños do Val peregrinaban para confirmar a aparición. A ben seguro que algúns matinaban na posibilidade de que a forza do costume dese por feito o atentado patrimonial, natural, económico, paisaxístico...

Como noutras moitas ocasións en que o resignado ¡e que se lle vai facer! trunfase.
Mais nesta ocasión non foi así. A sociedade miñorana botou man das súas organizacións sociais e nun traballo constante foi dando pasos cara ao obxectivo de que sexan as garzas, os corvos mariños, as gaivotas, os mazaricos... o elemento característico do habitual paseo das súas xentes arredor do esteiro e non a presenza dunha mole de ferro. A Confraría de Baiona, a asociación ecoloxista "A Groba", O Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), a Asociación Galega de Mariscadores (AGAMAR), veciños a título particular e 650 subscribindo un texto colectivo actuaron dun xeito coordinado para deter esta agresión.

Coa paciencia necesaria houbo que facer documentos, alegacións, escritos, etc., ata que o pasado 24 de xuño de 2004 unha Resolución da "Dirección General de Costas. Subdirección General de Gestión del Dominio Público Marítimo Terrestre" negaba a concesión de ocupación de bens do dominio público marítimo-terrestre con destino á instalación dun barco restaurante no lugar da Foz do Miñor, o que significa que a plataforma de ferro con forma de barco fluvial que está arrimada ao paseo da Ramallosa non pode permanecer por máis tempo na Foz.

Non podemos máis que felicitarnos colectivamente por ter logrado que a racionalidade se impuxese, nesta ocasión cando menos. Os meses pasaron. Descoñezo se se presentaron recursos ante esta resolución ou non. En todo caso, a acción permanente das entidades e persoas debe continuar para que o abandono non castigue a Foz e o monstro non acabe podrecendo entre os vaivéns das mareas, os peteirazos das gaivotas e a desidia dos gobernantes.

Carlos Méixome Quinteiro