Moi malos estrategas

Imprimir

É día de fin de ano, son as 8 da tarde e non parece un momento moi acaído para falar dun tema tan serio.

Xa Carlos Méixome escribiu aquí palabras ben atinadas sobre o concepto e o significado da propiedade.

Eu podería ficar calado, deixar enfriar a cousa. Pero non. Aínda con medo a dicir algunha inconveniencia, non me resisto a opinar en quente. Pódeme a carraxe.


Ben sabemos da loita popular por recuperar os montes de veciños que o franquismo quixo usurpar para o Estado. E conseguiuse, e hoxe, con máis ou menos democracia no seu seo, as comunidade de montes están aí e detentan propiedade e uso dos montes das parroquias.

Pero algunhas opinións, posturas e decisións case nos fan desexar que mellor sería que os montes quedasen, efectivamente, nas mans do Estado. Porque de caciques estamos fartos.

Responde  a algunha consigna de alta política autonómica esta declaración entreguista das Comunidades de Montes da serra da Groba e outras ao capitalismo da enerxía, colonialista de vocación e de tradición?

Desde cando a defensa do noso pasa por lle dar o si, case de gratís, aos históricos mangantes do noso patrimonio natural e histórico? Que dirán as xentes de Castrelo do Miño, das Encrobas, de Baldaio, os expropiados da Autopista de Sigüeiro e de Salcedo? Que dirán de tamaño dislate?

Ben malos estrategas demostran ser estes directivos das CCMM. Agora resulta que o inimigo non é Eurovento nin Endesa nin Iberdrola nin Unión-Fenosa nin o Neoliberalismo; o inimigo é a Plataforma SOS Serra da Groba. Tan sequera que reclamen algo máis, que non acepten o cheque de primeiras. Pero que pasa entón? Que razóns nos apoñen? Boa cousa sería coñecer de primeira man as declaracións que na prensa de hoxe aparecen publicadas.

Mal andamos se aceptamos calquera prezo; de pouco vale encher a boca coa palabra Galicia (ou Galiza) se non estamos a construír unha nación social(ista), solidaria, onde o respecto polo medio natural e polo patrimonio común sexa unha prioridade.

Eu apuntei xa días atrás nesta mesma páxina que a organización do territorio debe ser, en primeiro termo, nacional, despois comarcal, metropolitana e parroquial. E todos debemos supeditar o interese particular ao interese xeral. Diso se trata. Non se discute de quen é o monte. Pero o monte tamén é Galicia (ou Galiza.)

Levamos hoxe unha boa labazada nos fuciños. Case mellor paramos aquí e proseguimos noutro momento. Non vaia ser. Que a este paso dan as uvas e un sigue escribindo. (Por certo, e falando de uvas, tamén son propiedade comunal os montes que hoxe ocupa, por cesión, "Florentino" Gómez coas súas viñas en Tomiño, como tamén son comunais as terras que se pretendían ocupar no mesmo concello con tremenda urbanización e conseguinte campo de golf...)

Saúde, e que o 2008 nos sexa propicio.