Unión-Penosa, parroquias e Axenda 21

Imprimir
Aproveito un momento en que Unión-Penosa consinte que na miña casa entre a potencia suficiente para que poida funcionar o router do meu sistema electrónico de comunicación, para enviar estas notas que continúan a ronda de opinións sobre a existencia da parroquia e o seu papel no desenvolvemento da Axenda 21, en concreto, no concello de Nigrán. 1. Se a parroquia non existe, por que existen colectivos veciñais de ámbito parroquial? Por que existen alí centros sociais, máis ou menos culturais, que non se atopan a nivel de concello?.  2. A planificación urbanística debería atender os intereses e as realidades da nación, da comarca, da área metropolitana, da parroquia, como dos propios individuos.

A primeira urxencia é o Plan Director Territorial de Galicia. Non se pode consentir que, por exemplo, continuemos situando un parque industrial en cada concello. En que fase de elaboración se atopa este necesario Plan?

A partir de aí, dunha alternativa nacional que dispoña e distribúa equipamentos, solo industrial, áreas para vivendas, sistemas de comunicación, etc., deberíase ir planificando os territorios de inferior entidade (que non de menor importancia.)

De maneira que nesta proposta queda implícito o peso específico de cada persoa ou entidade na hora da toma de decisións, pero todas as persoas e entidades deben ter a oportunidade de opinar, aportar ideas e solucións; claro está, con mentalidade solidaria e con amplitude de miras.

3. Como parece que o Plan Director Territorial de Galicia non é cousa inmediata, acometerase a elaboración do PXOM de Nigrán sen outra directriz que o establecido pola lei, ou sexa, pola normativa que tutela a Consellería de Ordenación Territorial e mais pola discutida Lei do Solo e outras normativas puntuais que a Xunta de Galicia foi promulgando.

Directrices non hai outras, pero condicionantes si van aparecendo, como a urbanización do polígono de Porto do Molle, ou a aprobación do Plan Xeral de Vigo, coas consecuencias que traen, por exemplo, na planificación de viais.

4. Volvendo ao tema que provocou o debate, eu entendo que a parroquia debe estar contemplada como tal no desenvolvemento da Axenda 21 e na elaboración do Plan Xeral. Aínda máis, alén destas conxunturas, o concello debería establecer un marco de participación cidadá baseado nas parroquias. Así se contempla, por exemplo, no Regulamento do concello de Carballo.

Non sei da bondade ou inconveniencia do seu uso práctico, pero concordo plenamente na filosofía.

E fago novamente a pregunta: por que existe unha asociación de veciños de Chandebrito, outra en Parada, en Priegue, en Panxón, San Pedro da Ramallosa, Camos e mais en Nigrán? Alguén deu orde para que se creasen, ou naceron cada unha no espazo que lle é propio?

5. Ademais da historia particular de cada núcleo, hai outro elemento de primeira importancia: os Montes de Veciños (da parroquia, claro), de propiedade comunal. Anacos de territorio que o franquismo quixo expropiar para beneficio do Estado  e que a loita popular impediu que se consumase. Montes que estaban "a monte", hoxe cada vez máis relevantes para unha economía e un desenvolvemento moi peculiares: vexamos os proxectos de explotación de enerxía eólica na serra da Groba, ou as ideas de turistificación intensiva en Monteferro.

A min non me cabe dúbida de que esta propiedade comunal, como a particular, debe estar sometida a unha legalidade e a uns criterios urbanizadores ou de ordenación territorial de carácter nacional, común; pero iso non quere dicir que os propietarios non poidan nin teñan o dereito a opinar e a ser escoitados.

6. Falta valentía nos "nosos" partidos. O franquismo era o franquismo, pero é que tampouco despois de Franco se deron pasos para adecuar a ordenación administrativa á realidade de Galicia. O BNG, despois dun tempo, volveu incluír no seu programa electoral das últimas municipais o tema do recoñecemento da parroquia, pero non se coñecen iniciativas para efectivizalo.

Curiosamente, onde todos coinciden é na hora de confeccionar as listas electorais: todos coidan moito de incluír nelas representantes de cada parroquia. Existe a parroquia ou non existe?

7. As parroquias como tales, as veciñas e os veciños que nelas viven, deben participar no desenvolvemento da Axenda 21 e no debate sobre o Plan Xeral. Cousa que non parece moi complicada de conseguir porque, cando menos, suponse que as Asociacións de Veciños van estar aí. Como tamén, aínda que por enriba de todo estea o ben común, calquera planificación debe respectar a especificidade.

Ou non é consigna do noso tempo o respecto pola singularidade cultural e pola biodiversidade?
Saúde, e que 2008 nos sexa propicio.