Eu son libre como o vento…

Imprimir

Adios ríos, adios montes, adios regatos pequenos, adios vista dos meus ollos…
dicía Rosalia denunciando unha situación dun pobo que non podía case máis que laiarse. 

Hoxe, por fortuna, en pleno século XXI , gozamos dunha democracia na que a xustiza social ten outra cor e a opinión da xente podese facer sen medo a ser represaliado e a perder todo o que un ten, aínda que, tamén pode ser tomado por un tolo ou un mentirán por denunciar e opinar con coñecemento de causa sobre as consecuencias dunha acción empresarial que ten , baixo o meu punto de vista, máis contras que pros. A saber:

A Serra da Groba ten unha densidade de puntos de interese arqueolóxico pouco común, algúns deles dun valor considerable e, no seu conxunto, unha riqueza envexable por calquera . Tamén posúe un patrimonio paisaxístico característico con uns cumes azoutados polos ventos do mar que permiten ver unha panorámica das nosas rías espectacular e de toda a costa ata a desembocadura do Miño, con un espello de auga,  case poderíamos dicir que máxico. Os abrentes e os solpores teñen algo máis que o lusco e fusco dunha raiola, teñen arcaicos arrecendos a mítica historia dun país que abrolla do mar para facerse milenario en golpes de sol e escumas, brétemas e chuvias en tonalidades envexadas por calquera mestre da cor do renacemento ou dos impresionistas do  París dos  primeiros anos do seculo XX. Non hai cadro en nengún museo comparable as paisaxes dende a Gabiñeira ou o Carrubelo, o Facho ou o Costado.

O patrimonio inmaterial é outro dos grandes valores que atesoura a nosa serra. Como o seu nome indica, a súa orixe tamén o leva a ser o que corre máis risco de desaparición, ao estar exposto as mudanzas tanto na súa base de asentamento física, a terra e /ou o territorio,  e as xentes e os seus costumes, ligados ámbolos dous por sensibeis fios dunha arañeira tecida en centos de anos que se esvaece día a día – se non pomos empeño- sen remedio. Os cabalos do monte, ises cabalos ceibes da serra da Groba de pura raza galega dos que xa falaba Estrabón nas súas crónicas sobre a nosa terra e as súas xentes, están en perigo de extinción por causa dos cambios de uso do solo e as rapidísimas transformacións que está a sufrir o territorio. Si a isto lle engadimos o lume de hai doús verans e a urbanización do monte con pistas novas, industria eólica, trafego de veículos e limitacións de pastos e zonas onde abeberar,  temos case tódolo números para que os curros e o seu peso etnográfico milenario e os seus potragonístas, desaparezan. Tamén os foxos de lobo,  que ninguén destaca por descoñecemento, e que a serra da Groba ten a fortuna de posuir doús dos poucos que se conservan aínda no noso país e, polas trazas, parecen dos máis antigos.

A toponímia tan basta e, afortunadamente, conservada aínda nas xentes que fan uso da terra e da serra, é eiqui un patrimonio de grande valor con características aínda por estudar e que nunha parte está recollida dun xeito caseque poderíamos dicir maxistral,nas terras de Oia e en particular de Torroña.

A natureza,  coa fauna e flora ven a significar un grande regalo envolto nunha fráxil  tona que leva anos soportando agresións sin fin por parte daqueles que coidan que é un cesto do que sempre se pode coller froito pero case nunca se lembran de sementar e repoñer. Non quixera dicir eiqui a cantidade de agresións que temos anotado ao longo dos dez últimos anos, pero só compre ir polo monte e botar unha ollada polos arredores para arelar un pasado máis vizoso. Pero vaia… ainda nos queda esperanza. Esperanza en que a xente tome conciencia de que hai algo máis, que existe aboiando no ar algo que nin se compra nin se vende, maís que se ten ou non se ten e que cando se perde de verdade si se nota, si se estrana e se padece. Por algo lle chaman o medio ambiente.

Para que entendan os que están a favor, por que eu estou contra do parque eólico Albariño I, que a empresa Eurovento quere por na Serra da Groba,  e polo que digo que:

Son ecoloxista por natureza.Que quere decir isto. Pois que vivo a terra como algo que me da moito, todo,  non me pide nada e  aínda que a herdei, e teño liberdade para pasar por riba dela e gozala, non considero que sexa un patrimonio particular de ninguén se non de todos, e consecuentemente,  loito e traballo para que chegue aos que veñan por tras igual ou mellor que a min me chegou. E, nise camiño que botei andar cando aínda non sabía os nomes das cousas, sempre fun acompañado da sabiduría dos meus avós que teño mortos, e os meus pais que aínda son quen de decirme arrecendo, veiga, lentura, chuvia, meixengra, regueiro, frouma, vagalume, corisco, parrumeira, outeiro, chan, néboa , raxeira ,lama, carriza, debezo, guizo, estrume, cachón e noxo. E tamén que por iso estou a favor das enerxías renovables e por suposto a enerxía eólica pero:

Non estou a favor de que se estrague a natureza para beneficiar a unha empresa que só busca ganar diñeiro. Non estou a favor de que se contruan máis parques eólicos para producir ata 6000MW cando se pode producir o mesmo optimizando os xa existentese/ou reemplazandoos por equipos de máis potencia e mellor tecnoloxía. Non estou a favor de que se repitan vellas esceas no noso país que tivo que ver como as terras secularmente en propiedade de veciños e que deron de comer a milleiros de familias de galegos, son expropiadas ou alugadas por cantidades irrisorias para dar grandes beneficios a empresas alleas que nin pagan sequera os seus impostos na nosa terra. Mentres, os veciños son privados das terras, non ben melloradas as súas condicións de vida, nen obteñen beneficio algún, pola contra as empresas explotadoras medran e melloran os seus rendementos e plusvalias que son investidas deixando, para os que sofren as consecuencias,  só iso, consecuencias negativas. Exemplos, moitos, pero por pór un,  Friol en Lugo, as terras da montaña en Mondoñedo, a Serra do Suido, o Faro en Chantada, etc. Só hai que ver as instalacións eléctricas que teñen esas aldeas e o nivel de infraestructuras, mentres diante dos seus narices se producern milleiros de euros dos cales non ven case nada.

Non estou a favor de que se podan estragar  os cumes dos montes para pór unha explotación industrial e se diga que é de interese público.Non estou  a  favor da urbanización do monte. Que alguén me explique que é unha mole de 125 m de altura coa súa base en formigón e con vias de acceso e de comunicación entre elas, feitas por lugares onde ata hai pouco, só se podía chegar andando e con dificultade.Urbanización. Non estou a favor de que se poda expropiar a quen ten dereito a decirnon, e que quere ser dono do que lle veu dado como patrimonio a conservar e protexer. Non a estragar e especular para  sacar, nin sequera , pan para hoxe, se non que só, por desgraza, é fame para mañan.

Podería seguir,  pero para non estenderme demais vou decir a enerxía eólica que non me molesta, e si arranxaría moitos problemas que se argumentan :

Estou a favor de que se instalen paneis solares e pequenos aeroxeradores nas vivendas, que contribuian ao aporte enerxético necesario para o consumo doméstico.Estou a favor de que se faga unha construcción máis ecolóxica que aforre enerxía e optimice recursos. Estou a favor de que os concellos, comunidades, particualeres e industrias teñan as súas fontes de enerxía limpa inseridas nos seus inmobles e sexan productores, regulando a producción e evitando as accións especulativas de macro empresas e industrias productoras. Estou a favor de que se faga un plano nacional de enerxía,  contando con todos e fuxindo dos monopolios semiencubertos e se garantan os dereitos de todos por igual, sen normas favorecedoras das empresas (interese público das instalacións privadas).Estou a favor de que as empresas cotizen no lugar onde producen os seus rendementos e que se lles obrigue a investir nas zonas das que sacan partido, facendo aos lugares máis próximos os primeiros receptores do producto, enerxía con distribucción, e que se aproveiten as infraestruccturas creadas para levar as tecnoloxías punteiras ao rural, tan necesitado delas para adaptarse aos novos medios de vida e consumo (internet, banda ancha, telefonía, TV dixital e cable, etc). Estou a favor da claridade e do progreso... pero para todos, e non de que o noso país siga a ser no século XXI unha especie de pais colonizado no que os grandes seguen a sacar tallada sen dar na práctica nada a cambio.

E podería seguir decindo do que estou a favor,  pero para os pouco informados e mal intencionados,  só decirlles que igual que na canción de Fuxan os ventos, despois de tantos anos, eu aproveito o seu tema O meu amor mariñeiro, para decir que son libre como o vento e paso a vida a cantar, corazón que nace libre non se pode encadear. Polo tanto, hei propor para a Serra da Groba todo aquelo que condisere que é beneficioso para todos, non só para uns poucos, sen nengún tipo de egoismo persoal e sin pretender quitar nengún rendemento privado. Estou certo que os cabalos, as plantas, a terra e a paisaxe, concordan conmigo e os netos e bisnetos de tódolos comuneiros, cando algún día no futuro  lexan isto, tamén.

Ao parque eólico Albariño I na  Serra daGroba, !NON¡.¡ NON! e ¡ NON!

 

Xilberte Manso de la Torre

Cidadán galego