Disto… millor non falar.

Imprimir
Meu pai Florentino de Morgadáns. Inverno 1938 cerca de Teruel.
Eu na eira dos Patricios, comezando a camiñar. 1949
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

Si me preguntas que era a República ou que tipo de goberno era? eu non podería dicirche nada, xa que nunca souben dela pero,o que si lembro ben é que naqueles anos da República nós podíamos comer “pantrigo". Cunhas “perrinhas” comprabamos un brazado de barras de “pantrigo”. Despois de aquilo, cando veu Franco...non puidemos comer mais dese pan ata chegar a América. Como me vou a esquecer entón de aquilo?.

 

Sempre quixen saber coma vivía a miña familia en Morgadáns durante aqueles anos da República. Nos tempos das vésperas da guerra, durante a guerra e logo co goberno do dictador Francisco Franco. Logo que a miña nai e as miñas tías eran xa mozas grandes neses anos, só era cousa de escoitalas para entendelo.

…“Viñan de noite, petaban na porta da casa coma si a foran botar a baixo.  Miña naiciña querida!...debián petar coas culatas dos seus fusís, das escopetas grandes, esas coas que viñan…e berraban, como berraban!.

Viñan coas roupas negras, non sei de onde raio viñan eses homes. E cando xa estaban dentro da casa, (sempre eran catro ou cinco), púñanse a buscar e preguntar onde estaban os homes da casa. Buscaban debaixo das camas e non lles bastaba que lle dixéramos que estabamos no-las tres soiñas!... Ai .. que mal o pasabamos!....que mal nos trataban dentro de nosa casiña!

Nas casas onde había algún rapazote, algún mozo ou home, mallaban nel diante da súa familia, ..alí na súa propia casa. E levabános  arrastro ata un camión e íanse coma o demo con eles…. Nunca máis se sabía deles…probe xentiña.

Nesas datas…eu fun un día coas ovellas e a nosa vaca, por alá polo Pejo Negro. Sí, alá abaixo entre as toxeiras. Eu non podo crer ainda o que vin. Inda hoxe tremo de medo. Con que topei miña naiciña. Cos corpos de homiños escalasados. Habían de ser tres ou catro…pernas e brazos… Miña naiciña querida o que eu mirei naquel regato!.

Fuxín de alí,…e hoxe, máis de corenta anos despois…ainda lembro con arrepío o que alí atopei”…


- ¿Mamá, que veciños eran os que sinalaban dedo?

…”Mira Santiago, ti sabes que alguns veciños fuxiran para o monte... xente moi preparada,.. os millores veciños que tíñamos naqueles anos na parroquia. Eran republicanos.

Un día cruceime no camiño alá por Belindre co señor abade, "O Cabaleiro” chamábanlle...  E el mirándome aos ollos e moi enfafado díxome:…"mira Hermosinda, deja de llevarle platos de comida a esos que huyeron al monte que si nó  te voy mandar rapar la cabeza…y en la misa, desde el púlpito voy a decirle a todos los vecinos en que andas metida…eh?”

“Así che foi o conto meu fillo... mira ti coma eran as cousas naqueles tempos!”