Complicándonos a vida

Imprimir
Foto: vigometropolitano.com
Por fin se presentaron as sinaturas recollidas pola Cofradía e o Concello contra o concurso de Portos de Galicia na bahía de Baiona. 5.500 sinaturas poden considerarse un éxito abrumador, sempre e cando no teñamos en conta que se facemos unha criba non han de ser tantas de baioneses, pero en fin, como medida de presión non está nada mal.

Namentres, na outra marxe da baía, Panxón reclama a construcción dun porto deportivo. ¿Temos que sinalar a paradoxa? É evidente que non.

A ninguén se lle escapa que se nun concello se moviliza a masa social porque na súa bahía se produce unha saturación de amarres e no concello limítrofe se reclaman actuacións para a construcción dun porto deportivo porque hai escasez dos mesmos, a solución sería compracer a ambas partes trasladando os amarres dun concello a outro. ¿E logo porque non se fai? No fondo observamos varios factores.

A lámina de auga entre a Doca e o Clube de Iates ten que reordearse. Portos non pode seguir permitindo que se produzan amarres ilegais. Para Portos a solución máis sinxela é sacar a concurso a súa explotación e cobrar pola concesión. Unha medida rápida e ao mesmo tempo rentable. Conclusión, unha empresa privada tira beneficio da incompetencia da Administración para administrar os recursos públicos. A maior incompetencia política, máis concesións públicas.

Portos non ten unha obsesión con encher a baía de Baiona de embarcacións. Ten unha obsesión con encher de amarres o maior número de portos do litoral galego. Xa lle chegará o turno a Panxón. As Cofradías de Pescadores galegas o saben, por iso apoiaron a movilización baionesa.

O proxecto de porto deportivo en Panxón é unha iniciativa do PP de Nigrán e non se lle vai dar tregua desde una Consellería socialista. Ademais, o estudio de impacto medio-ambiental parece desestimar o proxecto. Non nos cabe dúbida que entre o proxecto presentado e a non construcción do mesmo hai un termo medio, outra cousa é que se teña vontade para chegar a un entendemento.

A gravidade da situación non é o que se pretende facer a curto prazo, o que xa será inevitable, senón o que conlevará consigo. Ningún baionés debería consentir que se amarrasen pantaláns á Doca, nin que se restrinxa o paso á mesma. Chéganos unha lixeira sensación de “deja vú”. Basta con xirar a vista desde a Doca ao Clube de Iates e poderemos observar qué pasa cando se consinte a unha empresa privada facer uso de bens públicos. A élite non ten escrúpulos e non pode permitir que os cidadáns a pé se crucen con eles. Ollo a isto porque non podemos protestar hoxe polo que supostamente pasará mañá, pero o que sí podemos é estar preparados. Niso nos vai o futuro da Baiona que queremos.