A volta da Matanza

Imprimir
Por Carlos Méixome - Publicado no Xornal A Peneira

Referiámonos no número anterior d´A Peneira ao terrible crime cometido na madrugada do 16 de outubro de 1936 no lugar coñecido, dende aquela, como “A volta dos nove”. O suceso deixou unha forte pegada de terror e horror na sociedade miñorana, quizais tamén porque os nove asasinados, na beira da estrada camiño de Baredo, eran, todos eles, veciños do Val Miñor. Máis non foi nin o único día tráxico naquela altura, nin a única data na que aconteceron asasinatos múltiples e horribles. Dez días antes, isto é, o seis de outubro de 1936, foron asentados, entre as catro e as seis da tarde, no Rexistro Civil de Gondomar seis cadáveres que apareceron na parroquia de Vincios. Tres na Pasaxe, no paso natural entre o val do Miñor, o do Louro e do Fragoso e outros tres no barrio de Vichicáns. Non era a primeira vez que se tiñan que recoller corpos de “paseados” nesta parroquia gondomarense, nin sería a última. Mais aquel día foron seis. Quizais o feito non causou tanto impacto entre os veciños do Val, por acontecer nesta terra de paso e non á beira dunha vila como Baiona e tamén por
ser cinco dos asasinados veciños de Vigo

Aínda así entre a veciñanza de Vincios causou conmoción o feito e dende aquela a curva que a estrada vella facía en Vichicáns coñécese como “A volta da matanza”. Unha curva hoxe alterada pero que se pode percibir perfectamente na actualidade ao conservarse a antiga ponte, a man dereita indo de Gondomar a Vincios, antes do barrio dos Arcos.

Aquel día a traxedia cebouse con Alcabre. Catro dos asasinados eran desta parroquia viguesa. Tres deles irmáns. Outro era do barrio do Viso en San Pedro da Ramallosa e o último veciño de Vigo. A causa da morte foi segundo a acta de defunción: “heridas producidas por disparo de arma de fuego” e os seis foron soterrados no cemiterio de Mañufe.

Os cadáveres que apareceron, aquel día, na Pasaxe de Vincios eran os de José Comesaña Pérez, o seu irmán Antonio Comesaña Pérez e o de Emilio Giráldez Rodríguez. O primeiro, de 28 anos e profesión albanel, natural, como dixemos, de Alcabre, residía no barrio da Garita nesta parroquia e estaba casado con Eusebia Pampillón coa que tiña dous fillos (Telmo e Margarita). O seu irmán Antonio tiña 32 anos, vivía no Cruceiro de Alcabre, de profesión empregado e estaba casado con Carmen Rodríguez, coa que tiña dous fillos (Antonio e Guillermo). Xunto aos cadáveres dos veciños de Alcabre estaba tamén o de Emilio Giráldez Rodríguez, de 39 anos, natural e residente en San Pedro da Ramallosa, no barrio do Viso, empregado e viúvo de Carmen González e pai de dous fillos (Emilio e Carmen).

Os cadáveres que apareceron en Vichicáns, na Volta da Matanza, aquel seis de outubro, eran os de Fernando Costas Iglesias, de 29 anos, natural de Alcabre e residente na rúa Romil, empregado, casado con Otilia Costas e non se sabe se tiña fillos. A beira deste, o medio-irmán de José e Antonio, Emilio Comesaña Sobreira de 49 anos de idade, veciño tamén de Alcabre, de profesión carpinteiro, casado con Aurora e pai de sete fillos (Aurora, Argentina, Carmen, Sara, Emilio, José e Manuel). Os tres eran fillos de José Benito Comesaña, viúvo de Peregrina Sobreira (nai de Emilio) e casado con Adelina Pérez quen si tivo que chorar aos seus fillos. Nas casas mariñeiras e proletarias de Alcabre non houbo consolo aquel día de outubro do 36. Tivo sorte José Benito que morrera con anterioridade.

O terceiro cadáver que apareceu na Volta da Matanza foi o de Manuel Enrique Villar Cimadevila, de 40 anos, natural de Cruces no, daquela, concello de Carbia, na actualidade de Vila de Cruces, pero residente en Vigo, no barrio do Pino, empregado e casado con Enriqueta Villar Montes

Como diciamos na anterior entrega con estas liñas só pretendemos recuperar os nomes das víctimas da barbarie. Infortunadamente teremos que dedicar outro espazo desta Chan de Val Verde aos outros nove cadáveres, por morte violenta, asentados no rexistro civil de Gondomar entre o 3 de setembro de 1936 e o 14 de decembro de 1939.