A Volta dos Nove

Imprimir
Diapositiva1

De rapaces, alá polos anos cincuenta, xuntabámonos na Ramallosa uns que vivían na bisbarra, como Antonio Roade, Fino Lorenzo, Tilducha Montaña, Maida Abal, Alvarito “o da Espuma”, o fillo do alcalde de Baiona Nardo Pereira, Marisa Abal, Rafa Mascuñana “o cínife”,….mais outros que viñamos pasar o verán, entre os que estabamos, Manolo Martínez, Manolo Valverde, Luís Zamácola “o leucocito”, Justo, fillo dun anticuario do Rastro de Madrid,…..e eu.

 Todos tiñamos bicicleta, unhas, coma a miña, que non lle quedaba máis có imprescindible para andar, pois era herdada dos irmáns maiores ca min e a barra cambiábana de lugar ou para arriba se o herdeiro era home ou para baixo se era muller, eu facía o número oito e iso dá idea de como estaba aquel traste. O “artista” que facía os cambios era un rapaz chamado Miro, que traballara con meu pai, e que se fixo ciclista profesional con taller propio e puña tanto xeito nas reparacións que quedaban “coma novas” pero ao pouco tempo caíanlle os gardalamas, perdían os freos e había que frear metendo o pé contra a roda de atrás, e non falemos dos faros, porque nunca llos puña. A de Manolo Valverde era unha vella Adler, grande e pesada como para alemáns, pero tiña unha novidade, tiña freo “contra-pedal”, ou sexa, que cando en vez de darlle para adiante ó pedal, dábaslle para atrás, freaba e a pouco que descoñeceras o mecanismo, dabas co corpo no chan. Outras “maquinas”, como lle chamaban algúns paisanos, polo contrario, eran noviñas coma a do Alvarito “o da Espuma”, ou tíñanas moi ben coidadas, coma  a do Nardo Pereira que lle facía “tuning” tan de moda agora nos coches e nas motos, pois enchíaa de luces e cromados.

Así é que, aproveitando este medio,  moitas tardes faciamos excursións que pouco se alongaban dos eixos da estrada e case sempre acababan en Baiona, pois a praia América non había estrada, só un camiño de pé ao carón da vía do tranvía; cara a Vigo habiamos de subir a costa do alto de Mallón que non todos estaban dispostos a subila, así é que as alternativas reducíanse a dúas, ou iamos cara a Gondomar, ou cara a Baiona. Ao final encarabamos para Baiona que ofrecía máis posibilidades de divertimento. Contadas veces nos propuñamos pasar de Baiona e chegar a cabo Silleiro, porque ir íase ben, pero ao volver, non sei por que, sempre tiñamos o vento en contra, por iso dabamos unha volta pola rompente, lugar que chaman “Rompeolas”, achegándonos a ver se na curva de antes de chegar a Baredo estaban marcadas na area da beiravía nove cruces, cuxo  significado, daquela, non coñeciamos.

Falabamos daquelas marcas, con medo, como sinais misteriosos que algo tiñan que ver co máis alá, que volvían aparecer se as borrabas, sen saber quen as repuña, ou como aparecían de novo. Con medo, con moitísimo medo, borrabámolas, coidando que ninguén nos ollase, logo quedabamos á espreita para ver se aparecían, cousa que non pasaba no intre, pero sospeitabamos que pola noite alguén, vivo ou pantasma, as marcaba de novo.

Tampouco ninguén falaba moi alto do porqué daquelas marcas. Contábanche, si, que as marcas aparecían alí e que aínda que as borrases volvían saír, pero non falaban do seu significado, e ti dábaste conta que algunha cousa agachaban.

 Houbo de pasar moito tempo para que as linguas alzasen a voz para falar daquel agochado feito, desvelándose, polo menos para min, a razón do que eu tiña coma misterioso e esotérico. No porto de Baiona había un barco atracado no que se amosaba unha exposición e íase falar da VOLTA DOS NOVE. Alguén viña de volta. Nove eran os que viñan de volta, non caía na conta de que a volta era a curva, a volta da estrada de Baredo, e as nove cruces, os nove homes aos que inxustamente,  unha noite,  supoño que habería de ser no escuro da noite, escondendo o escuro de malfadadas ideas e feitos criminais, lles foi arrebatada a vida naquela volta.

E si, si que era a VOLTA DOS NOVE. Volvían, non se foran, mandáranos para o alén cunha carga de bala e un cargo intolerante, e agora a memoria, a MEMORIA HISTORICA, falaba ben alto e ben claro, recuperábaos para os que quedaban das súas familias, fillos ou netos, dos compañeiros e veciños do pobo, que xa poden falar sen medo e contar que pasou, como se viron inxustamente castigados polas  súas ideas.

Volveron os nove, e na VOLTA DOS NOVE, o pobo xa non volveu marcar nove cruces na beiravía, xa non tiña medo a que a Garda Civil que as borraba soubese quen, unha e outra vez, con insistencia,  as repuña,  e levantou un monumento na súa lembranza e testemuño da represión a que foi sometido o pobo por un réxime historicamente ilegal.

Agora na volta, unha peza de bronce semellando o  tronco de arbore, sen pólas, sen follas, sen vida, recorda aqueles aos que lle riparon as pólas, as follas, a vida. Darredor, loureiros novos, cheos de esperanza e de vida. E no fondo a paisaxe do mar, por veces bravo e bruando, por veces maino e calado, como a vida mesma, reflectindo a luz dun sol que cando non se agocha entre as nubes, agóchase alén do horizonte infindo, como un pasamento. 

           

Co agradecemento a Miguel Anxo Mouriño por axeitar o texto a normalización.