O ferrador da Ponte d'A Ramallosa

Imprimir
ponte-ramallosa-antonio

Para Xoan 3 de 5

Aínda non hai moito tempo había un ferrador na praciña que dá entrada á Ponte de San Telmo camiño de Sabarís polo chamado Camiño Real, que atravesa o monte das Escobichas baixa polo barrio de Viso de Calvos, e pola outra banda sobe pola Cabreira a San Pedro formando a ruta por onde peregrinaban os romeiros que, dende A Guarda, collían o chamado "Camiño de Santiago pola Costa".

Foran tempos nos que non fallaba o traballo. Protexíanse as uñas das bestas cunhas pezas de ferro, de aí o nome de ferradura, que forxaban os ferreiros e puñan os ferradores. Ferrábanse todas, tanto as cabalerías coma as de tiro ou carga, fosen cabalos, mulas ou burros. E tamén se ferraban, con outro modelo de ferradura, os bois e as vacas que tiraban do carro ou do arado. As ferraduras para os cabalos, mulas e burros tiñan unha forma moi especial para adaptase á uña, pezuño ou do casco destes équidos ungulados (A forma tan especial desta peza pasou ao debuxo xeométrico co mesmo nome de "ferradura"). O ferrador limpaba e axeitaba as uñas da besta para que asentase ben a ferradura que cravaba preto do borde da uña de modo que as puntas dos cravos salientasen e dobrándoas quedase a peza mais asegurada. As ferraduras que amosaban sete buratos para sete cravos tiñan sona de dar boa sorte por iso moita xente colgábaas nas portas dos cortellos, os hórreos e aínda das casas.

As ferraduras para os bois e vacas eran de dúas pezas para aseitalas en cada pezuño de cada unha das patas. Eran pois, da dereita ou da esquerda e de ambas as dúas salientaba unha tira que se metía entre os dous pezuños de cada pata e dobraba sobre eles para que ficaran firmes ademais de cravalas coma as dos cabalos.

Os tempos foron cambiando. Comezaron a non deixar circular os carros tradicionais polas estradas por mor de que as lamias de ferro que levaban as rodas, estragaban os pavimentos. Logo, que o gando, por razóns sanitarias, cumpría que non estivese nos cortellos da casa ou a carón dela e fose estabulado en condicións sanitarias adecuadas. Así é que o transporte con animais foi decaendo en prol dos novos medios mecánicos e automóbiles e os ferradores viron como a súa actividade ía tamén decaendo.

Ao ferrador da ponte d'A Ramallosa quedáballe cada vez máis tempo libre que enchía con horas de vagar. Non era raro, era habitual, miralo no Bar Galicia, que estaba a carón do local onde tiña a gaiola de amarrar as bestas e as ferramentas para desenvolver o seu traballo, ben na terraza que asomaba á eira da praza, ou na beirarrúa da estrada de Gondomar ao lado da porta do Bar, ou dentro del mirando xogar as partidas de cartas ou de dominó nas que os seareiros decidían quen había de pagar o gasto do café ou da copa que consumiran. Iso se non estaba a durmir, cousa que facía a miúdo, sempre sentado na cadeira do mesmo xeito, a carranchapernas do respaldo no que apoiaba os brazos cruzados e mais a cabeza se durmía e non había parede para recostar o lombo.