Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion O cruceiro de San Campio A balea prehistórica

A balea prehistórica

Correo-e Imprimir PDF
A-balea

 

Nestes días despexados pro fríos, é unha ledicia quentarse ao sol ao pairo do mainiño nordés nunha tasquiña das que hai no paseo de Panxón e repousar o ánimo oíndo o cadencioso bruído das ondas desfacéndose na praia e recrear a vista coa paisaxe onde se mesturan, ben compaxinados, os distintos azuis do mar e os verdes dos campos e das árbores do monte, salpicados do branco de casas e barcos, e ao fondo, tras das brétemas esvaecidas, a serra d`A Groba.

Cando era un rapaz, pasmaba oíndo un vello mariñeiro de Panxón que se gababa de que navegara polos sete mares e aprendera a marcar o rumbo non só coa guía da estrela Polar nos mares do Norte, senón que tamén era quen de guiarse pola Cruz do Sur, como pasara cando ía á Malvinas pola pescada austral ou pasaba o Cabo de Fornos para coller camaróns nas costas de Chile.

O Caramuxo”, que por este alcuño lle tiraban os mariñeiros de Panxón pois segundo eles, o seu carácter e maneiras de facer, tiña máis voltas ca caramuxo, pero chamábase Xosé Expósito España, nome que tampouco era o que puidera ser o seu familiar propio, xa que a nai, solteira, deixárao no hospicio cando naceu, xa sen pai, -fora un dos cinco mariñeiros que morreran cando andaban pescando sardiña con dinamita e lles explotara a bordo indo o barco a pique - e ela non quixo que se soubese de quen era fillo. Por iso non puido estudar no colexio que se creou a carón do Templo Votivo para Orfos do Mar. 

Digo que eu pasmaba oíndolle a´O Caramuxo contar que vira unha morea de  baleas nas augas da Península Valdés onde todos os anos se achegaban a eses lugares para aparellarse as baleas. E pasmaba aínda máis, cando na area da praia debuxaba unha balea, un peixe que eu non coñecía, e o debuxo semellábaseme ao perfil que, dende o Val Miñor e contra o ceo, marca a serra da Groba. Contaba que as baleas tiñan o lombo cheo de marcas calcarias   formadas polas minchas e caramuxos que ían incrustando na pel facendo unha costra onde salientaban os debuxos de espirais do caracol. Tamén pasa coas algas que enraízan na pel e forman coma un mato no que aniñan e viven unha morea de bechos.

Logo, o Mito ou as historias da balea que tragou a Xonás –algúns debuxos espertaban as fantasías infantís amosando unha balea que tragaba un barco, dos antigos, de moitas velas e ata tres paus, dando a idea dunha balea monstro, xigantesca- facíame pensar nunha balea de enormes proporcións, que viñera varar a unha suposta baía en tempos prehistóricos e a deixaran desecada os cataclismos posteriores a carón do Val do Miñor e á beira do mar de Baiona.

 E aínda quedan polas costas da prehistórica balea os petróglifos -riscos nas pedras en formas espirais-, verdes arbores que se moven cos ventos coma as algas do mar e non faltan animais quizais algúns descendentes dos chamados parasitos doutro tempo.

¡Pro o que non falla é a beleza con que contribúe á paisaxe!