O parviño que quixo ver o Conde*

Imprimir

 250final-carlosNoutros tempos non había vila que se prezase que non tivese o seu “parvo”. Era protagonista de relevo na vida social. As limitacións intelectuais, os defectos físicos, as peculiaridades na fala, os singulares xeitos de andar ou os particulares xestos e expresións servían de chanza para as persoas malvadas, que sempre as houbo. Mais eran tamén as súas “ocorrencias”, as súas “saídas”, ou as “respostas” que daban a moitos burladores que resultaban burlados as que pasaban a ocupar, durante anos, un lugar salientábel nos comentarios das xentes ou se convertían en especiais xeitos de razoar dos que os veciños botaban man en situacións de incerteza e dúbida. Mesmo en moitas ocasións a súa “inocencia” permitíalle dicir ou actuar como outros quixeran mais non se atrevían por medo ás presións sociais e aos “que dirán”. Os “parviños”, coma os tolos, eran socialmente ben aceptados, nin se ocultaban nin se recluían.

Ao tempo, cada vila que se quixese dar a valer debía ter o seu persoeiro de relevo. O que triunfaba nalgunha actividade importante e, sobre todo, era recoñecido fóra. O que tiña éxito na carreira eclesiástica, militar ou xurídica, na acumulación de riquezas ou en títulos nobiliarios era motivo de fachenda para os veciños. Máis ou menos o que hoxe acontece co futbolista de ficha multimillonaria ou coa rutilante estrela televisiva.

180CondeO Gondomar dos primeiros anos do século XVII tiña as dúas cousas, o “parviño” do que facer chanzas e lembrar “grazas” e o home admirado e respectado. O primeiro chamábase Afonsiño, o segundo Diego Sarmiento de Acuña. De Afonsiño pouco sabemos, só o que se conta en dúas cartas que gardou don Diego no seu inmenso arquivo. Pola contra deste último coñecemos case todo e moito máis que saberemos nos próximos anos.

Dº Diego, Iº Conde de Gondomar, pasou case toda a súa vida lonxe do seu Val Miñor de orixe, mais mantívose sempre ao tanto do que aquí pasaba mediante as cartas que os seus servidores lle enviaban. Nas misivas, don Diego era informado das obras que mandaba realizar na casa na que nacera, que deixou convertida nun auténtico Palacio, de como ían as colleitas, recibía peticións de favores e mantíñano ao día nos máis variados asuntos. As cartas que recibía, e mesmo as recensións das que enviaba, foinas arquivando e exceden bastante as 30.000. O seu estudo, en detalle, forneceranos datos sobre a España, e probablemente tamén da Galicia, dos anos de tránsito entre os séculos XVI e XVII.

O máis importante estudoso da figura do Conde de Gondomar, diplomático de profesión como don Diego e impulsor do galeguismo político, tanto nos anos precedentes ao golpe militar de 1936, como, con posterioridade, no tempo do exilio americano, Lois Tobío, nun artigo, publicado en Grial en 1973, reproduce parcialmente dúas cartas enviadas por Francisco Troncoso de Ulloa a don Diego, daquela residente en Londres. As cartas teñen interese, tanto polos anacos escritos nun galego que tenta reproducir a fala cotiá, e que forman parte dos escasos textos conservados do período que os estudosos da lingua e literatura galega teñen denominado “séculos escuros”, coma por reflectir imaxes da vida social do momento. As misivas, nas que Francisco Troncoso de Ulloa lle relata a don Diego as aventuras de Afonsiño, están datadas o 1 de xuño de 1620 e o 23 do mesmo ano e mes.

O tal Afonsiño, sen encomendarse a deus nin ao demo, botou a andar dende Gondomar a Madrid. ¡E chegou!, iso si “muy flaco”. Francisco Troncoso de Ulloa cóntalle o gracioso que é Afonsiño relatando a súa viaxe. Di que sobreviviu pedindo esmola e dicindo “Señores, dai limosna a este tolletino por amor de Deus, que Deus lo garde de mal e de traballos e de sutunas e que Deus lle de moita caridade, amén Jesús”. Deste xeito chegou a Madrid, coa axuda dun frade que o deixou ir nalgúns tramos de a cabalo e dun tal Pedrairas, residente en Puebla de Sanabria que debía ser coñecido de don Diego, quen lle deu moi ben de comer e mesmo un cuarto para o camiño. Afonsiño non se recataba e pedía esmola tanto a señores coma a labregos, ao tempo que lles preguntaba “onde moraba a senora dona Cotanza e o embaijador de Ingalaterra que se chama conde”. Naquela ocasión dona Constanza, a esposa de don Diego, ficara en Madrid. O Afonsiño chegou pois fraco e famento e non había xeito de fartalo. Na carta do 23/06/1620, Francisco Troncoso dille que Afonsiño xa estaba máis gordo, que lle deran aloja (bebida resultante da mestura de auga con mel e diversas especies) e “un viño muy forte” que lle soubera a “manteiga asada”.

Dona Constanza insiste en que Afonsiño regrese a Gondomar, mais este atrasaba a marcha e non deixaba rúa de Madrid sen patear. ¿Fora unha toleada do parviño aquela viaxe tan longa e causa de tanta fame? ¿Ou tiña algún sentido?. Afonsiño cóntalle á súa señora que en Baiona vira como levaban, espido e atado de pés e mans, un home, quen seica roubara unha vaca, mentres que un de Tui azoutábao cun “zorregue”. Pouco a pouco foi descubrindo o motivo da súa especial odisea. Afonsiño pediulle á señora que lle dera “unha cartiña para botar fora” a Gregorio de Castro, encargado da facenda de don Diego en Gondomar, e que despois el botaría fóra a Bastián Pérez e prendería a Martín Gomes, azoutaríao e mandaríao a galeras pois “queima o sangue aos pobes”. E que se non quere a señora que el estea en Gondomar ou en Tebra que irá para Baiona que coa “cartiña botarádalí” ao sarxento maior.

Supomos que Afonsiño regresou ao Val Miñor. Pois Francisco Troncoso de Ulloa conta na última carta que a pesar de que non hai día que non pasee polas rúas, nin deixe de insistir en que dona Constanza escriba a cartiña para que Gregorio De Castro lle dea pan e outra cousa de comer, xa non está contento, pois aquí non pode estar porque “se morre non ten gacido donde enterrarse que non quere que o enterren no campo como os que enterran no espital general”.

Afonsiño foi denunciar a inxustiza ante a, suposta, bondade do poder, para que esta coutase os excesos dos administradores locais. A súa viaxe foi dunha lóxica esmagadora. Como o regreso. Pois prefería ter onde enterrarse antes de que botasen o seu corpo debaixo dunha pouca terra, no medio dos campos, como facían cos pobres do hospital xeral.

* A Nosa Terra do 1 ao 7 de maio de 2003