1. Don Diego e Gondomar*

Imprimir

250final-carlosDiego Sarmiento de Acuña dedicou moito tempo e aínda máis esforzos económicos a engrandecer a casa que herdara dos seus pais en Gondomar pese ao pouco tempo que pasou nela, coidamos que ao seu pesar, mesmo por impedimentos hoxe difíciles de comprender, como os descritos nas capitulacións da voda, a segunda, con dona Constanza, nas que asinaba:

prometo como quien soy y me obligo de vivir y morar y que vivire y morare de asiento con la dicha Doña Costança de Acuña, mi esposa y muger, con nuestras personas, cassa e familia en esta dicha villa de Valladolid y no saldre fuera della por tiempo que pase de dos meses un año, eçepto si fuere en la Corte del Rey Nuestro Señor; e si lo contrario hiziese yncurra en pena de quatro mil ducados de oro… en la qual dicha pena yncurra e se me execute por ella todas las veçes que hiçiese la dicha ausençia.”

Aínda así, don Diego nunca esqueceu as súas terras natais –que lle producían rendas substanciosas- e dirixiu as obras da casa, con moito detalle, por medio dos seus homes de confianza, Gregorio de Castro e Lázaro de Losada, que lle irán dando conta da marcha das mesmas nas que traballa o canteiro máis cotizado da xurisdición de Baiona: Juan Coello.

250pazo conde gondomarD. Diego decidírase a converter a casa nunha residencia señorial na súa última estancia longa en Gondomar, entre outubro de 1603 e novembro de 1604, por mor de facerse cargo das naves portuguesas que, procedentes da India e cargadas con valiosos produtos, arribaran a Baiona despois de ser desviadas do seu destino lisboeta por unha forte tempestade. Naquela altura xa estaba asentado en Valladolid; mercara a Casa del Sol e os eidos coñecidos durante moito tempo como Huertas de Gondomar e fora correxedor da cidade.En 1605 a propiedade estaba fechada e bordeada, por dentro da muralla, por castiñeiros; comezara a construción do cubo ou plataforma do edificio dende o que se divisaba perfectamente Baiona e Peitieiros e que se orientou cara ao poñente xa que: “Por ser el monte en lo alto prolongado, no pudo asentarse el cubo en medio…; y asi se asento a la punta del poniente”, escríbelle Lázaro de Losada. Neste ano fíxose a fonte, que recibía a auga por medio dunha condución de tubos de chumbo fabricados por picheleiros de Tui, construída pola cuadrilla do citado Coello; quen non deixa de queixarse por non poder atender os moitos encargos que lle reportarían máis ingresos, como no mosteiro de Oia, ou dos problemas que lle supón ter que desprazarse diariamente dende Baiona tendo que deixar a súa nova esposa de 14 anos, soa, na casa, cos soldados que tivo que hospedar.

A casa íase convertendo pouco a pouco nun lugar desexado, especialmente polos bispos de Tui que foron collendo o costume de pasar o verán en Gondomar para fuxir da calor. As obras continúan a boa marcha, en 1608 constrúense os balcóns e os corredores, de novo dirixidas por Coello a quen don Diego prometera varios favores, entre outros encargarlle as posibles reparacións da fortaleza de Baiona. En 1610 a casa está rematada, aínda que en 1611 houbo que chamar de novo a Coello para arranxar a parede das galerías e o balcón de pedra que cedían. No período entre as dúas embaixadas en Londres, residindo en Madrid (1619), don Diego pide licencia ao Papa para ter capela propia e poder dicir misa nela.

Ao mesmo tempo D. Diego foi consolidando o morgado que herdara do seu pai García Sarmiento de Sotomayor, quen á súa vez herdara do seu os lugares de Peitieiros e Morgadáns. No testamento D. Diego precisa o morgado: os lugares de Vincios e Gondomar coas súas rendas, a casa principal de Gondomar coa súa horta de laranxeiras, a viña e o pombal e rendas das alcabalas (imposto do 10% sobre o que se vendía ou permutaba) de Santiago, Valdeorras e Tui. Para aumentalas investiu 119.000 marabedís da venda das alcabalas de Xerez, herdadas pola súa muller, en mercar as alcabalas de Gondomar e Valmiñor, Bouzas, Ribas de Miño e Tebra.

Os desvelos por consolidar o morgado en terras galegas non terían moito éxito por mor da morte do primoxénito Lope Ambrosio e as disputas posteriores coa viúva deste. Tantos esforzos tiveron ademais que contrarrestar os continuos reproches da súa muller que lle recriminaba o continuo malgasto na casa de Gondomar e noutras afeccións como a bibliofilia, ambas pouco comprensibles para unha mentalidade tan práctica como a da flamenca Dona Constanza.

A morriña tamén se apoderaba de don Diego cando lle escribía a Zúñiga, en 1622, dende Londres: “porque no ay jardines en Inglaterra, como los robles y castaños de Gondomar”; seguramente a súa desilusión sería enorme se chegase a ver os montes miñoráns inzados de piñeiros e eucaliptos. Nos labores da embaixada e nos gastos, sempre elevados e que provocaban o malestar do futuro conde, que hoxe chamariamos de representación, que en moitas ocasións eran de simple “compra de vontades” ou “corrupción”, fenómeno tan frecuente daquela como na actualidade, don Diego non se esquecía de incluír regalos de produtos da Galicia e, en particular de Gondomar, como queda claro nunha carta ao seu amigo, tamén galego, o Secretario de Estado Andrés de Prada:

Bien puede vuestra merçed dezir que venían flotas de vino de Rivadavia y de Gondomar, y de frutas y conservas y agua de azar y de fuentes; lo hago traer de Galiçia y es aquí estimadíssima. Anteayer vino aquí de parte del Rey su contralor a escoger una pipa de vino de Rivadavia que, por ser más dulze y más reçio que el del Gondomar, le sabe mejor. No me avían quedado de Rivadavia más de dos pipas; eran tan exçelentes que quiso llevar la prueva de ambas para la comida del Rey, que le pareçió todo tan bueno que me embió a dezir que ambas le parezían tan buenas, que no savía qual escoger, mas de que escogía el uno. Dígele que aquello avía sido echarme a perder, porque me obligaba a enbiárselas ambas, como se hizo. Los presuntos también dizen que son boos y todas estas cosas no valen real y medio y, dadas en sazón, se estiman más que en diamantes”.

O Conde foi un dos persoeiros políticos máis relevantes do seu tempo. O prestixioso hispanista inglés J.H. Elliott, na súa xa clásica obra sobre o imperio español, di:

As insistentes referencias de Olivares á “falta de cabezas” amosan que se produciu un súbito colapso das clases dirixentes do país ao desaparecer definitivamente a última gran xeración de procónsules españois, a xeración do Conde de Gondomar”1 .

Noutra obra, o mesmo autor, referíndose ao Conde-Duque de Olivares, comenta: “O contraste entre o seu estilo retórico e o dun estadista da xeración anterior, como por exemplo o Conde de Gondomar, resulta tan chocante como o que ollamos na arquitectura entre o recargado barroco sevillano e a sobriedade clásica do Escorial”.2 Elliott non dubida pois en cualificar a D. Diego como un estadista ao que seica está dedicando os seus traballos de investigación nos últimos anos.

Mais tamén foi D. Diego un home que se sentía galego, “La vejez y el desengaño ánme puesto ia en estado que sólo el morir como cristiano y como fidalgo gallego deseo,…” escríbelle en 1614 ao Secretario de Estado Andrés de Prada nunha interesante carta na que responde ao Pai Bernardo de Brito que no libro Monarquía Lusitana inxuriaba os galegos. Gustaba do noso idioma que emprega, en ocasións, no encabezamento ou no remate das misivas; por ese motivo o seu parente Diego Sarmiento de Sotomayor, señor das Achas e Petán, escríbelle, en 1605, nunha carta en galego: “e que fixese isto nesta lingoaxe pois e de v.m. tan estimada e por ela me troufe aquí que coela despertaría v.m. do sono do coRexidor.”. Defensor dos galegos e de Galicia, escribe na carta a Andrés de Prada:

No se hallará, ni por tradissão, ni por escritura, que gallego alguno aya sido traidor a Dios ni a su señor, ni se ha visto gallego herege ni judaizante, ni matador alevoso, ni pueblo rebelado; pues ¿de qué naçión en el mundo se puede deçir esto?, ni ¿qué naçión conquistada sufre sin ofender a su lealtad ni aún con los pensamientos y lo que sufre Galiçia?, que ha sido la conquistadora de lo que oy poseee la Monarquía de España, puesto que sobre aquel çimiento y el de Asturias se extendieron, los reynos y se fueron ganando a los moros por Portugal y por León; además de que esta cabeça conquistadora y matriz es governada en lo espiritual y temporal por forasteros, que lleban sus thesoros, sus trabajos y su sodor, y henrriquesen las otras tierras de donde son naturales.”

Mesmo ten D. Diego unha visión ben distinta do proceso de formación dos reinos medievais da que se configurou no s. XIX pola historiografía oficial española, como afirma na mesma carta:

Éstas son las partes del gallego y el convatiente que nos dan sus naturales para honrra y gloria de la Monarchia española. Veamos si ay otro reyno que pueda deçir de si estas calidades. Fue Galiçia reyno y sus reyes tubieron este título primero que ninguno otro de España…”

* Publicado en Faro de Vigo, 27 de marzo de 1999

1Elliott: La España Imperial (1469-1716). Círculo de Lectores, Barcelona, 1996, p. 463.

2Elliott: El conde-duque de Olivares. Mondadori, Barcelona, 1998, p. 40.