Intenso

Imprimir
250final-carlos

Como nos anuncios publicitarios o incipiente 2016 chéirame intenso como o café acabado de moer. Moito máis despois do de onte sábado, 9 de xaneiro, e o que hoxe vai acontecer. Na política a distancia entre o éxito e o fracaso é menor que o "canto dun duro", dicíase cando había duros. Tamén, a política, é un dos poucos espazos sociais nos que unha vitoria pode virarse en derrota, un triunfo en fracaso e un éxito nunha desfeita; mesmo podemos darlle a volta e as derrotas convertelas en salvacións, as vitorias poden ser pírricas e os fracasos concederche un poder que nunca acadarías tendo éxito.

Entre algunhas persoas levabamos tempo, anos, comentando este cambio de ciclo político e o que se denomina dobre espazo de ruptura co réxime de 1978. As mutacións nas relacións económicas deixámolas hoxe, esas móvense a nivel global. Quizais o "procés" catalán sexa un bo exemplo da conxunción do social e o nacional.

Asombra mirar polo retrovisor e ver, alá, ao lonxe, hai doce anos, a Zapatero nun gran mitin no Palacio Sant Jordi empurrar a Pasqual Maragall á presidencia da "Generalitat" (20/12/2003) afirmando o seu apoio á reforma do "estatut" que acordase o "parlament"; tres anos despois a Comisión Constitucional, presidida por un dos elementos clave do réxime postfranquista, do 78 ou da Segunda Restauración, pódese elixir a forma de designalo, Alfonso Guerra afirmaba fachendoso que o cepillara. O paso pola carpintería do Congreso Español provocou o abandono por parte de ERC do Goberno catalán, a renuncia de Maragall a repetir como candidato e o seu posterior abandono do PSC (2007). En 2008 a crise económica desencadea a gran mutación histórica que estamos a vivir e as políticas de austeridade grávanse a ferro (2011) na Constitución, reformando o artigo 135 e incorporando o concepto de "estabilidade orzamentaria". Despois veu o rebumbio político do 15M (2011) e a impactante conexión coa sensibilidade social emerxente do discurso de Beiras, en outubro de 2012. A dinámica acelerouse coa intensidade que coñecemos; algúns preocupados, polas eleccións, chámanlle "volatilidade" cando, coido eu, se trata dun movemento de fondo que supón o inicio dun novo ciclo político no Estado e tamén nas dúas nacións que teñen definido un espazo político propio (Pais Vasco e Cataluña).

Que pasou onte sábado nove de xaneiro? Un acordo desesperado. Nin a CUP nin Mas podían seguir non acordando. Ambos tiveron que escenificar as respectivas derrotas que na realidade son males menores, polo tanto vitorias políticas. Mas non será "president" pero seguirá presente na vida política e influirá nas decisións do "govern" dos próximos 18 meses, mais ou menos. O seu sacrificio permitiralle recompoñer, ante parte da sociedade catalá, a súa imaxe deteriorada, a que ten en Madrid non coido que lle importe moito; mentres, dedicarase a consolidar un partido afastado do pujolismo e agardar a posibilidade de ser outra vez "president"; mesmo primeiro "president". Enrocarse na súa posición era permitir que ERC, pola calada, se quedase co seu apoio electoral.

As CUP cumpriron cos seus dous grandes compromisos: continuar adiante co "procés" e quitar a Mas. Agora tócalle a purga. A división interna é un feito. Mas e os seus pretenderan humillalos e os que agardaban un partido de desempate, despois do magnifico segundo tempo das xerais, terán que agardar a que o comité de competición elabore o calendario mentres os "cupeiros" recuperan os lesionados.

Onde todo sabe a amarga derrota é na capital da España que queda. Andaron a cuspirlle ao ceo con aquilo de que o independentismo catalán era unha insensata gaiola de grilos; con que Mas era o maior corrupto de todos os tempos e que eles, pola contra, eran persoas sensatas, normais, correntes... como lle gusta dicir ao seu presidente en funcións, quen, como se sabe, non ten outra cousa que dicir. Agora cáelles o cuspe divino. Haberá goberno en Cataluña; en España non. Na capital terán que facer algo que non gusta nada, nin na Moncloa nin noutros centros de poder: tomar decisións.

Será o "desafío soberanista catalán" o pegamento que ligue a gran coalición natural como lle aconsellan os defensores do sistema e do réxime do 78? Será a esquerda capaz de entender que para salvar o sistema cómpre mudar o réxime do 78? Sexa como sexa a adrenalina incrementará a frecuencia cardíaca entre os protagonistas e os afeccionados. Mentres, a sociedade do común manterase á expectativa como aconteceu en Cataluña nestes dous meses.

Non deixan de ser curiosas as disputas fratricidas entre as xentes galegas, nacionalistas e/ou de esquerdas que dende que se soubo do acordo non deixan de dicirse de todo, menos gabanzas. Unhas están desilusionadas pola actitude das CUP, que cualifican de traidoras como mínimo. Son os do Barça e despois do Celtiña ou do Depor. Outras ancoradas no postfranquismo e nostálxicas dunha dereita que nunca existiu recuperaron o alento da razón de Cataluña, ai se fósemos como os vascos ou os catalás! Outras pensamos que felizmente nin somos unha cousa nin a outra e que se xuntamos o Celta e o Depor somos capaces de competir e gañar a liga, a champions e o que nos propoñamos.

Aínda que Barcelona sega a ser "La ciudad de los prodigios", segue a repugnarnos Onofre Bouvila.

Blog. Pé do Galiñeiro