Acusan ao goberno do PSOE de demorar a contratación dunha nova adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar en Nigrán. "Iso pese as graves irregularidades cometidas pola empresa e a que o actual contrato rematou o 31 de decembro", aseguran dende o BNG. Engaden que advertiron publicamente das mesmas en novembro e con anterioridade no seo de xuntas de portavoces, comisións e plenos
Irregularidades denunciadas
Lembran que esta empresa, "ademais do sistemático atraso no pagamento das nóminas, é autora de graves irregularidades contra os dereitos das traballadoras, que mereceron as correspondentes actas de inspección e propostas de sanción pola Inspección de Traballo".
Puntualizan que as condutas sancionadas son a falta de pago de salarios, "especialmente grave no caso da delegada sindical das traballadoras que acumula dous meses sen cobrar, e a prestación do servizo cunha persoa sen dala de alta na seguridade social."
O BNG afirma que a día de hoxe a empresa débelles a todas as traballadoras a nómina de decembro e a correspondente paga extraordinaria. "Iso a maiores das deficiencias no subministro de material para desenvolver correctamente o seu traballo como, por exemplo, non facilitarlles luvas e orientalas a que se as compren elas mesmas", sinalan.
O voceiro, Xavier Rodríguez destaca que todo isto sucede "mentres a empresa cobra puntualmente da administración municipal."
Acusan de falta de dilixencia ao goberno de Juan González
Quéixanse que o Concello préstase a sacar a concurso a nova adxudicación pero, "desgraciadamente, sen a dilixencia que o caso requiría, continuando así a situación actual mais alá da data de finalización do contrato establecida."
"O BNG xa instara ao Alcalde no Pleno de outubro de 2015 a axilizar todo o necesario o procedemento de contratación, ao fin de telo rematado ao acabar o ano, pero co nulo resultado que agora podemos comprobar",sinalan.