Malestar en Nigrán ante un desplante da Xunta ás autoridades locais nunha visita oficial.

Imprimir
rey varela

Ao goberno socialista de Ningrán non lle sentou nada ben que o conselleiro de Política Social da Xunta, José Manuel Rey, visitara ás instalacións da Residencia de Tempo Libre de Patos sen que as autoridades municipais tivesen información ao respecto e non fosen convidadas ao encontro do conselleiro.

O equipo do alcalde Juan González lamentou nun comunicado "a falta de respecto institucional da Xunta de Galicia nas visitas do seus conselleiros ao municipio". Salientou que o goberno local "celebra a presenza do conselleiro pero critica que non se lle trasladase ningún tipo de invitación ou información ao respecto"

Non entende que neste tipo de ocaisións a Xunta non traslade "ningún tipo de invitación ou información ao lexítimo goberno local, actitude que supón unha falta de respecto a unha institución democráticamente elexida pola veciñanza", afirman as autoridades nigranenses.

Aseguran que a visita deste martes de José Manuel Rey Varela, "foi unha sorpresa para o propio alcalde, que se enterou polos medios, como xa sucedeu noutras ocasións".

O goberno nigranés considera que a diferenza de cores políticas "non debe supoñer nunca unha excusa para este tipo de comportamento, xa que as institucións deben buscar sempre a máxima comunicación, colaboración e entendemento para chegar a acordos que beneficien á cidadanía".

Os motivos da visita

Segundo dá conta a Xunta, Rey Varela, visitou na mañá do martes a residencia de tempo libre de Panxón, nunha visita de cortesía ás persoas beneficiarias do programa "Xuntos polo Nadal". Un programa organizado dende fai anos pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade a través da cal un total de 120 persoas maiores de 60 anos que se atopaban soas, están a ser acompañados nestas datas de Nadal por 17 persoas voluntarias nesa residencia.