Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Os terreos de Nigrán urbanizables sen desenvolver deixarán de tributar dende 2016 como solo urbano.

Os terreos de Nigrán urbanizables sen desenvolver deixarán de tributar dende 2016 como solo urbano.

Correo-e Imprimir PDF
nigran-chan-rustico-2

Esta nova únese á rebaixa xa acordada entre o Concello de Nigrán e o Ministerio de Facenda de baixar o IBI urbano do 0,60 ao 0,52%

A medida afectará a 995.000 metros cadrados do municipio e suporá unha diminución para as arcas municipais de 58.000 euros.

“Farase xustiza coa veciñanza, que leva anos pagando como urbanos uns terreos que mentres non se desenvolvan son, sen lugar a dúbidas, rústicos” declara o alcalde, Juan González.

O Concello de Nigrán adhírese á modificación legal que permitirá que dende o vindeiro exercicio os propietarios de fincas urbanizables sen desenvolver deixen de pagar o Imposto de Bens Inmobles (IBI) coma se fose chan urbano para facelo como rústico.

A medida únese á rebaixa xa acordada entre o Concello de Nigrán e o Ministerio de Facenda de baixar o IBI urbano do 0,60 ao 0,52% xa no próximo ano.

“Estes cambios significarán un aforro para os veciños ao pagar unhas cantidades moi inferiores ás que se viñan tributando ata o día de hoxe”, sinalan dende o Concello.

A medida entrará en vigor no municipio no vindeiro exercicio 2016.  Segundo cálculos do goberno municipal suporá unha diminución de 57.644,14€ nos ingresos da administración local, “pero ao mesmo tempo un alivio para os veciños de Nigrán aos que continuadamente se lle estaba aumentando a presión fiscal”, sinala o rexedor, Juan González.

Engaden que o cambio afectará a 995.627 metros cadrados do municipio comprendidos en nove SAU (‘Solo Apto para Urbanizar’). Estos tributarán como terreos rústicos ata que teñan unha ordenación detallada, cun plan parcial ou de sectorización aprobado e conten con infraestruturas de saneamento, electricidade ou auga. O chan seguirá sendo urbanizable aínda pague como rústico ata que comecen as posibles obras.

“Non tiña sentido valorar do mesmo xeito terreos xa urbanos que outros cuxa expectativa de urbanización se prevé a longo prazo, por no contar sequera cun instrumento de planeamento aprobado. Por outra banda, non se trata dunha baixa que merme sobre maneira os ingresos da administración local, pero seguramente axudará ao día a día dos veciños”,  valora González.

Finalizan sinalando que estase a traballar no orzamento do ano 2016 “e tratarase de compensar este menor ingreso sen que elo supoña incrementar taxas e impostos aos cidadáns”.