Mércores, 24 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O alcalde de Nigrán presidirá nos próximos catro anos o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O alcalde de Nigrán presidirá nos próximos catro anos o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Correo-e Imprimir PDF
FondoCooperacionGalegoDirectiva

Juan González foi elixido por unanimidade a proposta da Comisión Executiva na asemblea xeral de socios celebrada en Santiago

O alcalde de Nigrán, Juan González, presidirá durante os próximos catro anos o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade despois de que así o decidise por unanimidade a asemblea xeral de socios celebrada en Santiago. A proposta da Comisión Executiva desta entidade supramunicipal, a presidencia recaerá no socialista nigranés Juan González (PSOE), a vicepresidencia en Teresa París (edil do PP de Redondela), a tesourería en Carmen Fouces (edil do BNG de Pontevedra), a secretaria en Andrea García (IGADI) e as vogalías nos edís Marga Figueroa (Alternativa dos Veciños-Oleiros), Silvia Cameán (Marea-A Coruña), Daniel Fernández (PP-Cartelle), Gloria Prada (PSOE-Monforte) e Goretti Sanmartín (BNG-Deputación da Coruña). En total, forman a nova executiva nove membros sobre os que recaerá a responsabilidade da dirección do Fondo ata a nova convocatoria electoral, cando obrigatoriamente debe renovarse.

González amosouse especialmente orgulloso de liderar esta iniciativa, xa que como el mesmo recordou no seu discurso, a súa traxectoria profesional está dende sempre vinculada á cooperación, dirixindo a Fundación Érguete durante os últimos 17 anos ou asumindo actualmente a carteira de Servizos Sociais no Concello de Nigrán, ademais, viviu en América Central durante catro anos, feito que lle fixo coñecer de preto as desigualdades norte-sur.

"O obxectivo é continuar o traballo feito ata agora polo Fondo, e temos a gran vantaxe de contar con Teresa París como vicepresidenta, que ao ser anteriormente a presidenta axilizará todo moito máis", sinalou na súa intervención. O rexedor nigranés recordou tamén que o Fondo foi fundado precisamente nunha reunión na residencia de Tempo Libre de Patos (Nigrán), espazo que o Concello propuxo recentemente á Xunta para acoller refuxiados sirios e que se converterá así en todo un símbolo de solidariedade. "É un orgullo para Nigrán estar á fronte deste organismo por vez primeira na súa historia. O noso reto é seguir axudando ás persoas, mellorar as relacións coa Xunta, procurar que se unan máis concellos e continuar cos proxectos xa iniciados", engadiu.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha asociación de carácter municipalista que agrupa a concellos e deputacións de toda Galicia de tódalas sensibilidades políticas e unidas pola preocupación común de levar adiante iniciativas de cooperación e solidariedade con enfoque de Dereitos Humanos cos países menos desenvolvidos ou máis empobrecidos. Xorde co apoio da FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) a finais do ano 1997 como expresión institucional desa crecente sensibilidade cidadá arredor das crises humanitarias e a pobreza mundial que percorreu o estado español e Europa durante os anos 90. A Xunta uniuse no ano 2000 e aporta aproximadamente o 50% do orzamento. Dende a súa fundación, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ten desenvolvido máis de 140 proxectos en máis de 20 países.