A xuiza desestima as imputacións do ex alcalde e o secretario de Nigrán no marco da operación Patos

Imprimir
Rafael Louzan, Alberto Valverde e María José Bravo Bosch durante a inauguración das obras da praza do concello | Imaxe Concello de Nigrán

A xuíza de instrución número 7 de Vigo ditou auto acordando a imputación de 46 persoas no marco da operación Patos, á marxe das cinco persoas que foron detidas no seu día e que xa están imputadas.

 

Así, a maxistrada acepta a inmensa maioría das propostas da fiscalía, e imputa a todas as persoas que solicitaba o Ministerio Público, excepto a tres: o ex alcalde de Nigrán Alberto Valverde; o secretario municipal do Concello de Nigrán; e a presidenta da asociación de veciños Pedra Moura (en relación cunha subvención).

Ademais das cinco persoas detidas en febreiro de 2014 (dous traballadores de Cespa, o dono da empresa Eiriña e a súa man dereita, e o ex edil de Vías e Obras de Nigrán), a lista de imputacións inclúe ao ex presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; o ex vicepresidente deste organismo e presidente local do PP, José Manuel Figueroa; a delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch; o alcalde olívico, Abel Caballero; varios concelleiros vigueses, empresarios e funcionarios.

Louzán, Figueroa, Bravo Bosch, David Regades e Anxo Rivas (edís de Vigo) están imputados por supostos amaños de contratos e obras públicas e, adicionalmente, a suposta recepción de agasallos, excepto a delegada da Xunta. A recepción de agasallos é polo que está imputado o alcalde de Vigo e recentemente elixido presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero,así como a concelleira Isaura Abelairas.

Tras coñecer a súa imputación, Abel Caballero asegurou que non ten "nada que ver" coa operación Patos e, máis concretamente, coa presunta recepción de agasallos por parte dunha das empresas investigadas. Segundo sinalou Caballero nun comunicado, nin el nin ninguén da súa contorna recibiu ningún obsequio, en concreto un reloxo "ao que alude o Ministerio Fiscal", nin existe constancia no Consistorio desa entrega. En canto a unha pluma estilográfica cuxa recepción lle imputan, o alcalde de Vigo remítese ao informe da Policía onde figura que foi devolta ao comercio onde fora adquirida.

Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia informaron de que un dos dous autos ditados pola instrutora da operación Patos acorda a creación dunha peza separada, que ela asumirá, sobre os feitos investigados no partido xudicial de Nigrán, e no mesmo imputa a 16 persoas.

Nun segundo auto, relativo á peza principal, imputa a outras 34 persoas. O xuíz acordou, ademais, requirir nova documentación na investigación da peza principal. Polo momento, sinalan as fontes do alto tribunal galego, non hai data para a toma de declaracións dos imputados.A operación Patos estalou en febreiro de 2014 cando a Policía detivo a cinco persoas e practicou rexistros nas corporacións de Vigo, Nigrán, Santiago, Pontevedra, Ponteareas e Ourense. Tamén houbo rexistros na delegación da Xunta en Vigo, en dependencias da Zona Franca, o Consorcio do Casco Vello e o porto, e na Deputación de Pontevedra.