O pleno de Nigrán aproba as novas tarifas para os taxis do concello.

Imprimir
taxis-nigran

As tarifas aprobadas para o transporte urbano en autotaxis para Nigrán supoñen unha percepción mínima de 3,75 euros (inclúe percorrido de 1.500 metros ou tempo equivalente), a maiores son 1,05 euros por km percorrido e 16,20 euros por hora de espera.

A tarifa nocturna (días laborais de 22 a 6.00 horas, sábados dende as 15.00 horas, domingos, festivos e 24 e 31 de decembro) é de un mínimo de 4,50 euros, con 1,26 euros por km percorrido e 19,44 por hora de espera.

En tódolos casos, cóbrase 0,60 euros por bultos ou maletas (excepto cadeiras de minusválidos e de nenos) e 1 euro por traslado de mascotas (excepto cans lazarillo).

O goberno presentou no pleno de onte unha moción de urxencia tras obter a imprescindible aprobación da Xunta esta mesma semana

O Concello de Nigrán anuncia que desbloqueou onte o problema de "alegalidade" ao que se enfrontaban os taxistas da localidade ao aprobar no pleno mediante moción de urxencia a aplicación das tarifas de taxi no municipio.

O actual goberno presentou o 14 de xullo a solicitude de tarifas ante a Consellería de Economía e Industria e obtivo resposta favorable da Comisión de Prezos de Galicia este martes 22 de setembro. Inmediatamente foi levado ao pleno para a súa aprobación definitiva.

Sinalan que a ausencia desta ordenanza de tarifas urbanas impedía que instalasen os taxímetros, obrigatorios nos municipios galegos con máis de 10.000 habitantes dende o pasado 15 de xullo. "Agradecemos a paciencia do colectivo, o goberno axilizou ao máximo tódolos trámites, de feito, a aprobación da Consellería foi o 22 de setembro e nos apuramos o expediente ao límite para poder traelo ao pleno pola vía de urxencia e deixar solucionado este problema herdado", sinalou onte Juan González, alcalde de Nigrán.

A ordenanza foi aprobada inicialmente no pleno do 12 de novembro de 2014 e o anterior goberno local enviouna en xaneiro á Xunta para obter o informe de Mobilidade, que chegou con retardo o pasado 30 de xuño. O propio rexedor Juan González acudiu a Santiago en xullo para urxir o pronunciamento de Industria que definitivamente chegou o martes.