Nigrán Decide presenta unha modificación do IBI para beneficiar fiscalmente o emprego de calidade.

Imprimir
jose cuevas

Afirman que a medida beneficiará a parados e colectivos culturais de Nigrán.

NIGRÁN DECIDE presentou unha moción para modificar o Imposto de Bens Inmobles (IBI) co obxecto de bonificar ás empresas emprazadas, que se van instalar ou ampliar en Nigrán e que fomenten un emprego de calidade para a veciñanza do concello.

A proposta consiste en bonificar durante tres anos o 50% da cota do imposto para as ampliacións de centros de traballo ou cando inicien a súa actividade por primeira vez no municipio de Nigrán, sempre e cando a metade dos novos traballadores sexan veciños e veciñas de Nigrán e nunha grande maioría teñan contratos indefinidos. Esta bonificación faríase extensible a parte das empresas xa existentes en Nigrán con carácter indefinido aínda que cunha bonificación menor.

Para NIGRÁN DECIDE o paro é un dos principais problemas da veciñanza de Nigrán, e aínda que a marxe de actuación do Concello non é moita, este problema nunca foi abordado dunha forma seria por parte de ningún goberno. "As políticas municipais de emprego consisten en facerse fotos e anunciar a celebración de cursos de dubidosa eficacia e a instalación dalgunhas empresas no Porto de Molle, no que se ían crear miles de postos de traballo...", sinalan.

Advirten que hai que lembrar que recentemente o goberno Municipal anunciou que nas 11 empresas que están en proceso de instalación prevese que dean traballo a 231 persoas, "sen propoñer ningunha medida concreta para que se beneficiase destes postos de traballo a veciñanza de Nigrán. Con esta proposta de NIGRÁN DECIDE podería supoñer que 115 veciños e veciñas de Nigrán atopasen un emprego, sendo a maioría destes postos de traballo de carácter indefinido".

NIGRÁN DECIDE preguntará no pleno de setembro se hai algún plan municipal para persoas paradas orientado ás empresas que se van instalar ou ampliar en Nigrán.

Bonificación do 95% do IBI aos colectivos culturais.
Da proposta de NIGRÁN DECIDE tamén se van beneficiar aqueles colectivos culturais que actualmente ceden os seus inmobles tanto ao Concello como a outros colectivos culturais."Até o de agora, para estes colectivos, pagar ou non pagar o IBI, dependía do alcalde que estivese gobernando. Con esta modificación preténdese que as bonificacións a estes colectivos estean reguladas, e non se realicen mediante prácticas que rozan o caciquismo", sinalan.

Anuncian que pedirán no pleno que se lle dea máis publicidade ás bonificacións existentes agora mesmo, entre as que destaca aquela do 95% do IBI que pode beneficiar ás familias numerosas de Nigrán con menos recursos.