Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Nigrán amplía e renova parte da flota de vehículos municipais.

Nigrán amplía e renova parte da flota de vehículos municipais.

Correo-e Imprimir PDF
coches novos nigran

O Concello de Nigrán vén de ampliar a súa flota de vehículos coa adquisición en modo 'renting' dun furgón Renault Traffic para o traslado de persoal de Vías e Obras e a compra dun turismo Dacia Sandero para o uso de conserxe notificador.

Sinalan que o furgón de 9 prazas "resultaba totalmente indispensable para esta área do Concello, xa que ata o momento varios empregados debían exercer de choferes para poder trasladar ao persoal necesario ás obras, xa que xamais se contou cun vehículo de 9 prazas"

"Era algo que ningún goberno considerara cando a súa necesidade é evidente, o seu uso permitirá un traslado máis eficiente dos traballadores, unha renovación dunha flota completamente avellentada e incluso un aforro de costos", sinala o alcalde, Juan González. Engade que aA súa incorporación permitirá dar de baixa a outro furgón de diferentes características e en moi malas condicións. A media de idade dos vehículos de Vías e Obras supera os dez anos.

A súa vez, o Concello adquiriu por 7.000 euros un automóbil Dacia Sandero de 15.000 km que hoxe cumpre exactamente un ano. Este será destinado para o uso do conserxe notificador, reubicando o Citroën Saxo que ata agora empregaba na área de Servizos Sociais, que por primeira vez contará cun turismo para as visitas e asistencia a domicilio. O novo goberno considerou máis ventaxosa esta compra que a que se deixara plantexada polo anterior, xa que se trataba doutro modelo co mesmo prezo e de máis de catro anos e 90.000 km.

Ámbolos dous vehículos foron adquiridos no concesionario Rodosa de Nigrán (na parroquia de Priegue) ao ofrecer a oferta máis competitiva de todas.