Mércores, 13 Nov. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Socialistas pedirán no parlamento que a Xunta manteña o convenio de abastecemento ás parroquias de #Nigrán

Socialistas pedirán no parlamento que a Xunta manteña o convenio de abastecemento ás parroquias de #Nigrán

Correo-e Imprimir PDF
juan gonzalez

O grupo parlamentario considera a súa revogación un asunto de "extrema gravidade" e a vincula a unha decisión "político partidaria"
Juan González, alcalde de Nigrán, afirma que "con ou sen axuda da Xunta" a obra se levará a cabo

O PsdG-PSOE pedirá que se debata na mesa parlamentaria da comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos unha proposición non de lei co fin de que o propio Parlamento inste á Xunta de Galicia a manter o convenio de 2013 que incluía o abastecemento de auga a Parada e outras parroquias de Nigrán.
Sinalan que o Pleno do Concello de Nigrán aprobou o pasado xoves 30 de xullo con tódolos grupos a favor o citado acordo pese a que o 27 de xullo o organismo Augas de Galicia comunicou por escrito a súa revogación do mesmo "por incumprimento" (feito rexeitado por tódolos partidos). Tamén por unanimidade, decidiuse engadir unha enmenda para solicitar a Augas de Galicia que deixe sen efecto a súa decisión e, de non producirse tal revogación, facúltase á Alcaldía a acudir aos tribunais.

Nun paso máis para lograr que non se anule, o grupo parlamentario dos socialistas, por iniciativa dos seus deputados, reclama á Xunta que siga adiante porque aprecian que a decisión do goberno autonómico é "de extrema gravidade" e está relacionada con intereses "político-partidarios que teñen moi pouco que ver cos orzamentos dispoñibles". "A situación é tan grave que tódolos grupos do Concello, incluído o PP, apoian demandar a Augas de Galicia se non hai rectificación", engaden no seu escrito.

Juan González, alcalde socialista de Nigrán, considera "inexplicable" a decisión da Xunta e considera primordial esta obra, "unha demanda histórica dos veciños de Parada e Camos", polo que se compromete a levala adiante "con ou sen a axuda da Xunta".

O convenio asinado en 2013 polo que se tiña comprometida a obra de saneamento e abastecemento ás parroquias do municipio de Nigrán contaba cunha dotación de 800.000 euros por parte da Xunta de Galicia e de 200,000 por parte do Concello de Nigrán. No caso concreto de Parada, tiña un orzamento de 553.216,85 euros e era considerada como prioritaria polo actual goberno, por iso a cuestión foi levada a primeiro pleno do mandato.

Os veciños desta parroquia e de Parada, ao igual que en Camos, abastécense mediante pozos ou traídas comunais que se nutren de manantiais, polo que o goberno entende que se debe dar resposta a esta demanda histórica de xeito inmediato.