Veciños de Chandebrito presentan escrito ao Concello de Nigrán en defensa do patrimonio cultural da parroquia.

Imprimir
Chan de Rapadouro Foto Angel de Prado

A Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807", despois de requerir ducias de veces a colaboración da Concellería de Patrimonio Cultural do Concello de Nigrán sen que se obtivese resposta por parte da mesma; solicitou mediante escrito presentado nos pasados dias no rexistro municipal desa Administración que se realicen as xestións necesarias para solucionar os seguintes asuntos, que xa se lle expuseran á concelleira delegada no ano 2012, pero que seguen sen resolverse:

- Reposición de indicadores nos paneis de madeira en varios petroglifos: no acceso ao petróglifo do Rabete e do debuxo interpretativo do mesmo, así como do das Chans de Rapadouro, nos do Preguntadouro, no da Chosiña e no da Lapela; e inclusión de lámina no panel situado á altura do Colexio Estudio. Sinalización dos petróglifos das Ventaniñas (Presa dos Soldados), de Peneites, e dos muiños rupestres da Lapa do Piñeiro.

- Reposición de valo de madeira substraído nos tramos Norte e Leste do perímetro do castro e colocación de cartel indicador deste nos seus accesos dende os muíños do Regueiro e dende o camiño de Lapela (pista que vai ao monte Alba).

- Que se solicite á Consellería de Cultural da Xunta de Galicia a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC) para o Castro de Chan de Brito, xá que posúe características únicas en todo o país.

- Roza da maleza na parte sur dos muíños de auga do Regueiro e na contorna do muiño das Loureiras.

- Colaboración con esta Asociación para executar pequenas actuacións complementarias necesarias no muiño dos Matos (apertura oco fiestra, portas de reixa metálicas, etc.)

- Restauración do muiño de auga de Rodas de arriba (do s. XVIII), en colaboración con esta Asociación.

- Inclusión dos 38 bens culturais desta parroquia sen catalogar (muíños, camiños enlousados, obra civil, petróglifos, etc.) no catálogo do PXOM e nos arquivos do Concello e solicitar á Consellería de Cultura da Xunta que se inclúan no inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, de conformidade á documentación entregada no Concello e na Xunta por esta Asociación dende o ano 2007, coa finalidade de proporcionarlles a todos eles a protección mínima que garante a lei do patrimonio cultural de Galicia.

- Sinalizar roteiro histórico da parroquia, creado por esta Asociación no ano 2006 (publicado na páx web desta e nos trípticos editados polo Concello no 2009), marcando o percorrido con liñas branca e azul.

- Colaboración con este colectivo para realizar unha xornada de demostración de xogos populares tradicionais do lugar.

Esta Asociación agarda que se produza unha resposta do Concello no vindeiro mes.