Nigrán aproba os orzamentos 2015, a cesión do PXOM e solicita permitir o voto por internet das edís con baixa por maternidade.

Imprimir

Tras un longo debate e catro votacións finalmente o voto de calidade do rexedor de Nigrán deu por aprobados os orzamentos municipais para 2015. Na mesma sesión plenaria do pasado xoves, aprobouse a cesión do PXOM á empresa Eptisa, desbotouse unha iniciativa para axustar os núcleos rurais de Chandebrito por fóra do PXOM e foi aprobada unha iniciativa para solicitar permitir o voto por Internet das concelleiras con baixa por maternidade e dos edís con baixa por paternidade.

O voto de calidade do alcalde permite sacar adiante tras empate os orzamentos 2015 de Nigrán.
Foron necesarias catro votacións para que o PP de Nigrán consiga aprobar de xeito provisional e en solitario os orzamentos cara ao ano 2015 tan só grazas ao voto de calidade do Alcalde ao darse un empate tanto no rexeitamento da proposta do PSOE como na da aprobación da proposta do goberno que non admitiu nin unha das emendas do Partido Socialista.
A proposta presentada polo Partido Socialista que daba un xiro no orzamento cara a un maior investimento social conseguiu o apoio do grupo Mixto (BNG-UCN) pero a abstención de Ignacio Vilas fixo que fora rexeitada polo PP co voto de calidade do rexedor Alberto Valverde.
"Nigrán perde así, na primeira oportunidade de aprobar uns orzamentos sen o Plan de Estabilidade, de apostar polas persoas e por aqueles que máis o necesitan cunha emenda ao orzamento que apostaba pola Educación, o Emprego e os Servizos Sociais", sinalaba a agrupación socialistas tralo pleno.
"O Pleno de Nigrán cos votos favorables do PP e Ignacio Vilas, a abstención do grupo Socialista e o voto en contra do Grupo Mixto autoriza a cesión da redacción do PXOM a Eptisa"
Para o Partido Socialista trátase da solución "menos mala" para continuar co proceso de redacción do PXOM unha vez Eptisa teña aceptado as condicións que o PSOE lle impuxo no Pleno Extraordinario do pasado mes de outubro.

Apróbase a cesión do contrato do PXOM á empresa Eptisa.
Por outra banda, o Pleno de Nigrán cos votos favorables do PP e Ignacio Vilas, a abstención do grupo Socialista e o voto en contra do BNG e a UCN autorizou a cesión da redacción do PXOM a empresa Eptisa.

Negativa ao proxecto de axuste dos núcleos rurais de Chandebrito.
Cos votos en contra do PP e do concelleiro non Adscrito e a abstención do grupo Mixto non foi aprobada a moción socialista para contratar un proxecto de axuste dos núcleos rurais de Chandebrito á lexislación vixente.
Para os socialistas estaba "claro que tratábase dunha decisión estritamente política e que é compatible cos traballos do PXOM". Lembran que de xeito no ano 2012 o PP de Nigrán aprobou unha modificación puntual das normas, a número 24, referida as Ordenanzas 6 e 7 que foi aprobada definitivamente polo pleno de Nigrán e pola Xunta de Galicia e que foi iniciada e rematada durante a tramitación do PXOM.

Futuros votos electrónicos en caso de baixa por maternidade ou paternidade.
Aproban a moción, a iniciativa dos socialistas, que impulsa a solicitude de modificación da Lei de Bases de Réxime Local necesaria para que as concelleiras e concelleiros poidan exercer o dereito de voto en caso de baixa por maternidade, paternidade ou por enfermidade grave, " sen que en ningún caso se dea o suposto de voto por delegación". A mosición insta ao Goberno do Estado a que adopte as medidas legais oportunas para permitir exercer de forma adecuadoa o dereito a voto nos plenos municipais, algo que xa se recolle noutros estamentos públicos como o congreso e o senado.