Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O goberno de Nigrán perde a votación no pleno e deberá prorrogar os orzamentos de 2013.

O goberno de Nigrán perde a votación no pleno e deberá prorrogar os orzamentos de 2013.

Correo-e Imprimir PDF
alcalde nigran concelleiro urbanismo pleno

A oposición en bloque votou negativamente o proxecto de ingresos e gastos que para 2014 presentou o equipo de goberno do rexedor Alberto Valverde (PP) na sesión celebrada na mañá deste xoves.  O debate foi tenso e o rexeitamento da oposición (9 votos contra 8 do oficialismo), provocou o enfado do edil popular Alberto García Pazos, responsable de Economía, quen abandonou a sesión inmediatamente acompañado do tamén concelleiro do PP, Antonio Souto. 

O PP responsabiliza á oposición e acusa a Vilas de actuar por “vendeta”.

Dende o PP acusan ao conxunto da oposición de deixar a Nigrán “sen un orzamento que priorizaba a xeración de emprego, incrementaba o gasto social e en educación, así como o capítulo de investimentos”. Valverde cualifica como” lamentable” a actitude “de todos e cada un dos partidos políticos da oposición”, pero arremete de forma especial contra o non adscrito Ignacio Vilas (ex PP), por argumentar o voto contrario na falla de “dialogo e consenso” cando segundo o rexedor “non acudiu a ningunha das reunións convocadas polo goberno para abordar a elaboración dos orzamentos “nin achegou ningunha colaboración”, afirma. Nese senso, Valverde acusa  a Vilas de “faltar á palabra” e ocupar unha cadeira de concelleiro por “unha vendeta persoal”.

A oposición responsabiliza ao goberno do naufraxio dos orzamentos.

O conxunto da oposición coincide en sinalar a Valverde como responsable do naufraxio dos orzamentos.  Unanimemente afirman que o rexedor segue sen asumir que está a gobernar en minoría, e non debe seguir trazando as políticas municipais unilateralmente dende o PP. O de hoxe “foi un baño de realidade para o alcalde”, opinaba o edil Juan González (PSOE), en conversación con VM.info .  O portavoz do PSOE nega rotundamente que o goberno tivese vontade de consensuar propostas pois asegura que a súa agrupación nunca recibiu resposta formal do goberno das achegas formuladas a finais de marzo deste ano. “Decatabámanos  pola prensa” que ía a levar a este pleno o orzamentos. E nunha reunión vimos que “aparecía recollida no proxecto unha pequena parte de todas as nosas propostas”.  Pero asegura, “todo estaba no aire”, sen ningunha formalización.

Xavier Rodríguez (BNG) opinou que  os orzamentos presentados polo PP “por definilos de algunha maneira” estaban feitos “para o reparto clientelar de subvencións no ano anterior ás eleccións”.

Pola súa banda, o edil Antonio Fernández Comesaña (UCN) afirmaba a VM.info que “a nós xa nos adiantaran que como só representábamos o 5% dos votantes non ían ternos en conta”.  Polo cal nunca chegaron a tomar en conta as súas opinións.

Para o rexedor municipal os principais afectados da decisión adoptada hoxe por PSOE, BNG, UCN e o concelleiro non adscrito “son os veciños de Nigrán, e o propio concello, ao que hoxe obrigan a afrontar o exercicio cun orzamento prorrogado, impedindo entre outras cousas a apertura dunha liña de axudas a autónomos, a creación dunha bolsa de prácticas remuneradas para mozas no propio concello, as actuacións de saneamento previstas por valor de 200.000 euros ou a liña de subvencións por valor de 40.000 euros para colectivos culturais, veciñais, sociais e deportivos de Nigrán”.

Valverde: reducir o “impacto negativo”.

Adianta que o goberno “xestionará o mellor posible para reducir na medida do posible o impacto negativo que poida ter para os veciños a negativa dos partidos da oposición a apoiar estes orzamentos”.

 Neste sentido, Valverde recorda que o ano pasado destinouse 1 millón de euros a amortización de débeda, “cuantía que este ano non se ten, polo que o concello podería empezar a ter problemas para afrontar certos pagos”, afirma.

Neste sentido, pon como exemplo o ocorrido fai uns escasos meses en Vigo, coa aprobación dos orzamentos tralo pacto PP-PSOE.  “A diferenza do PSOE de Nigrán, o PP si comprendeu que a política ten que cambiar e priorizar os intereses da cidadanía, tanto desde o goberno como desde a oposición, do mesmo xeito que fixo este partido cando estaba na oposición”.