Mércores, 21 Oct. 2020

Actualizado03:05:36 PM GMT

Estás en Nigrán #operacionPatos - PSOE e CxG piden a destitución do concelleiro de vías e obras

#operacionPatos - PSOE e CxG piden a destitución do concelleiro de vías e obras

Correo-e Imprimir PDF
Jose Alvarez, concelleiro vias e obras de Nigrán detido durante o marco da operacion Patos

O PSOE de Nigrán e CxG Nigrán solicitan a destitución do concelleiro de Vías e Obras logo de que o alcalde de Nigrán non tomase a decisión e logo de que se negase a declarar e por tanto colaborar plenamente coa xustiza.

O BNG de Nigrán amosouse máis cauto e agardará até a próxima xunta de portavocías para solicitar ao goberno toda a información relativa ao caso.

UCN-CDL non se posicionou ainda públicamente sobre os feitos.

 

O Partido Socialista de Nigrán solicitou onte nun comunicado, a inmediata destitución do Concelleiro de Vías e Obras, José Álvarez Valverde, pola súa imputación por presuntos delitos de "prevaricación, tráfico de influencias e cohecho". O seu portavoz, Juán González, sinalou que debería ser o propio concelleiro imputado o que se sentise na obriga moral de presentar "de xeito inmediato a súa dimisión" pero dado que non se da o caso, asevera que tiña que ser o Alcalde de Nigrán quen debería cesalo "fulminantemente de todas as súas funcións, xa que esta imputación ven a por a guinda a tres anos de nefastas actuacións para o concello de Nigrán".

Dano á imaxe do concello.

González apela tamén a un dano á imaxe do concello tras todos os casos de corrupción que arrastra, "a imaxe lamentable que Nigrán está dando, con membros do goberno condenados a prisión por fraude e concelleiros imputados por delitos tan graves, debería ter unha resposta inminente por parte dun Alcalde e un goberno absolutamente á deriva." . 

Os socialistas consideran que a  continuidade de José Álvarez con cargo de representación municipal é aínda máis grave xa que o concelleiro imputado é membro da Xunta de Goberno do concello de Nigrán e ten unha dedicación exclusiva pola que estaría cobrando 35.000 euros brutos anuais.

O BNG de Nigrán, a travers do seu Portavoz Municipal, Xavier Rodríguez, solicitou onte que se convocase unha Xunta de Portavoces. O motivo desta Xunta, segundo o nacionalista,  é para que nela se den as explicacións oportunas respecto a todo o acontecido dende o martes pasado nas dependencias municipais, cos rexistros efectuados, peticións de información e detención do concelleiro de vías e obras, José Álvarez Valverde.

A súa solicitude foi atendida, de tal xeito que, en principio, está previsto que dita reunión teña lugar o vindeiro luns. "Dende o BNG esperamos que se nos detalle a información referente a qué contratos buscaba a policía, cales foron os expedientes polos que preguntou e, en definitiva, que información recabou no decorrer da súa actuación."

CxG tamén pide o cese do concelleiro ante a negativa de Jose Ávarez de colaborar coa xustiza non declarando na primeira comparecencia.

Compromiso por Galicia da comarca do Val Miñor, partido que non conta con representación no pleno da corporación de Nigrán, tamén esixiu onte a destitución do concelleiro de vías e obras imputado na operación Patos. CxG, en declaracións da súa voceira en Nigran, Natalia Costas Alonso, esixe ao alcalde de Nigrán o inmediato cese do seu concelleiro de Obras.

"O alcalde de Nigrán non pode pechar os ollos á situación de que a pesar da presunción de inocencia de todos os imputados, o seu concelleiro saise dos xulgados en liberdade con cargos por presuntos delitos de tráfico de influencias, cohecho, falsidade documental e prevaricación, acollendose ao seu dereito a non declarar ante a xuiz e o fiscal de Delitos Económicos, cando o seu deber como representate público era prestar a máxima información e colaboración na investigación." Segundo Natalia Costas este feito de non querer declarar ante o xuiz obriga ao alcalde de Nigrán a cesar inmediatamente ao seu Concelleiro de obras e solicitar a súa demisión e renuncia ao cargo.

Natalia Costas lembra igualmente que o concello de Nigrán converteuse nun concello ingobernable, "cun alcalde que xa sufriu a renuncia do seu Tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Ignacio Vilas" Asimesmo esta imputación dun membro de goberno coincide no tempo coa condena á exconcelleira de Educación de Nigrán Ana Costas Abalde, dimitida en novembro de 2013, e que por sentenza do Xulgado do Penal número 2 de Vigo acaba de ser condenada a pagar ao erario público un total de 845.664 euros entre multas e unha indemnización por delitos de falsidade en documento mercantil e fraude fiscal.

Natalia Costas lembrou que nestes últimos cinco meses o goberno de Nigrán perdeu ao seu Tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, á súa Concelleira de Educación, tendo nestes momentos imputado ao seu Concelleiro de obras, e afectando estes feitos gravemente á gobernabilidade do concello, paralizada a súa laboura de goberno agora en minoría.

Para CxG esta desfeita do grupo municipal Popular ocasiona que os veciños e veciñas de Nigrán convivan con acusacións de transfugismo e corrupción, sendo opinión maiorítaria que Nigrán ten nestes momentos un alcalde sobrepasado polos acontecementos que está a demostrar non saber estar á altura das circunstancias.

Finalmente Compromiso por Galicia solicita a máxima colaboración do alcalde e concelleiros coa investigación xudicial, poñendo á disposición da xuiz e do fiscal toda a infraestructura municipal para coñecer a verdade ou falsidade das supostas acusacións que caen sobre a Administración local de Nigrán.