O SERGAS promete o novo centro de saúde en Panxón para 2015

Imprimir
O novo ambulatorio construírase fronte a actual Casa do Mar.

O SERGAS fixa un novo horizonte  de prazo para a inauguración do futuro ambulatorio de Panxón no ano 2015.

A xerente do SERGAS, Nieves Domínguez González, adiantou que a adxudicación da obra, prevista para principios de 2014, contará cun investimento de 1,3 millóns de euros.

A xerente do Servizo Galego de Saúde, Nieves Domínguez González, visitou este martes os terreos onde se construirá o centro de saúde de Panxón, acompañada polo alcalde de Nigrán, Alberto Valverde Pérez; a concelleira de Benestar Social e Sanidade, María del Carmen Alonso-Macías; o xerente de Xestión Integrada de Vigo, Mario González González; e a xefa territorial da Consellería de Sanidade, Ángeles Feijóo-Montenegro.

Sete anos pasaron dende o anuncio feito público da licitación do proxecto do novo centro de saúde de Panxón. En octubre do ano 2006 o SERGAS comprometíase a finalizar a redacción do proxecto en tres meses e o inicio das obras do novo ambulatorio para principios de 2007, un proxecto que contaba coa "Prioridade 1" na estratexia de planificación sanitaria da zona.

Sete anos despois, o SERGAS volve a anunciar novamente o inicio inminente das obras, pero os veciños de Nigrán terán que agardar até mediados de 2015 para facer uso das novas instalacións, coincidindo de cheo coa campaña polas municipais.

A construción desta nova instalación da rede sanitaria pública galega, contará cun investimento de 1,3 millóns de euros, cofinanciados con fondos europeos, segundo informa a Xunta de Galicia. “A construción do novo centro de saúde, tan demandado como necesario, será nos próximos meses unha realidade tanxible, xa que a xerente do SERGAS adiantou que a adxudicación da obra está prevista para principios de 2014, e a inauguración do novo centro para o primeiro semestre de 2015”, sinalan dende o Concello de Nigrán. O plan funcional do futuro centro de saúde contempla unha área de medicina xeral e enfermería con doce consultas, unha sala de extraccións, unha sala de técnicas e unha sala polivalente. Tamén terá unha área de pediatría cunha consulta de pediatría e unha consulta de enfermería pediátrica. Ademais, contará con área de administración, arquivo, almacéns e outros servizos comúns.

O centro de saúde, que contará cunha superficie construída de ao redor de 1.078 metros cadrados, situarase nunha parcela de 4.395 metros cadrados cedida polo Concello en setembro de 2006.

En palabras da xerente do SERGAS o centro contará con novo mobiliario e máis espazo para facer máis agradable a estancia dos pacientes e o traballo dos profesionais, e tamén incorporará un ecógrado, xa que até o momento as pacientes eran derivadas ao centro de saúde de Baiona para realizar este tipo de proba.

A construcción non implicará o aumento do número de profesionais médicos.

Domínguez sinala que o centro non prevé un incremento de profesionais co gallo das novas obras  "este é un concello que incrementou un médico máis, agora mesmo ten os profesionais que precisa. Neste momento eu creo que Panxón non necesita máis."